DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a súa publicación hoxe venres no Diario Oficial de Galicia

Entran en vigor os novos Estatutos da Universidade de Vigo

Culmínase así o proceso de actualización e reforma da normativa máis importante da institución

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/02/2019

Mañá sábado 23 de febreiro de 2019 entrarán en vigor os novos Estatutos da Universidade de Vigo, os cuartos da institución académica viguesa. Culmínase así un proceso que se prolongou durante varios anos e que supón a adecuación, actualización e reforma da principal normativa coa que se rexe a vida universitaria.

Estes novos Estatutos aprobáronse por maioría absoluta do Claustro -104 votos a favor, 5 en contra, 11 en branco e 3 abstencións- o 24 de xaneiro de 2018 e, posteriormente, foron remitidos á Xunta de Galicia, onde se someteron ao correspondente control de legalidade. Sen ter que realizar apenas cambios no texto enviado, o novo Claustro –saído das urnas o pasado mes de abril- deulle o visto e bo definitivo por asentimento ao novo texto  en outubro de 2018. Quedaba só pendente a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta, que tivo lugar o pasado 24 de xaneiro, e a publicación no Diario Oficial de Galicia, feito que se produciu finalmente hoxe venres día 22 de febreiro.

“A entrada en vigor destes novos Estatutos supón un cambio importante na estrutura xurídica da Universidade, aínda que as modificacións tampouco implican un xiro radical”, explica o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, quen fai fincapé en que se trata máis ben de “adaptar o que xa había ás novas normativas que foron xurdindo ao longo dos últimos anos”. A entrada en vigor dos novos Estatutos implicará tamén, segundo recalcou o secretario xeral, un labor de adaptación dos diferentes regulamentos (profesorado, alumnado…), “polo que, a partires de agora, se abre un período para proceder a todos eses cambios dentro da lexislación universitaria”.

118 artigos fronte a 164 do anterior texto

A reforma dos Estatutos púxose en marcha en decembro de 2014 e correu a cargo dunha comisión presidida polo entón reitor, Salustiano Mato, e integrada por 17 membros de todos os ámbitos académicos. O resultado final do seu traballo foi un texto de 118 artigos –fronte aos 164 do anterior texto-, estruturado en seis títulos: un título preliminar dedicado a disposicións xerais (artigos 1 a 5); Título 1, centrado en Estrutura, goberno e administración da Universidade (art. 6 a 50); Título II, Comunidade universitaria (art. 51 a 96); Título III, Creación e transmisión de coñecemento (art. 97 a 106); Título IV, Réxime económico e financeiro da Universidade (art. 107 a 114), e un Título V, no que se afonda nos diferentes aspectos relacionados coa Reforma dos Estatutos (art.115 a 118).

Entre as grandes novidades do anteproxecto de Estatutos con respecto aos anteriores destacan os cambios na composición do Claustro, máximo órgano de representación e de control da comunidade universitaria, que estará composto por un mínimo de 250 membros e un máximo de 265 de acordo coa seguinte distribución:  51% de profesorado doutor con vinculación permanente (PDI-A); 9 % do resto do persoal docente e investigador (PDI-B); 25 % de alumnado –no anterior era dun 30%- e 15 % de persoal de administración e servizos (PAS) –un 5% máis que no texto previo-.

Nos novos Estatutos destaca tamén a creación, por primeira vez na historia da Universidade de Vigo, do Consello de Estudantes (Ceuvi), que se converterá no máximo órgano de coordinación da representación estudantil, e  certos cambios con respecto ao Tribunal de Garantías, que pasa a ser substituído pola figura do Valedor/a Universitario, un órgano que cumprirá as mesmas funcións do TG, pero non como órgano colexiado, senón unipersoal, se ben contará coa axuda dunha comisión de asesoramento.