DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto que tivo lugar no café-teatro Xesteira contou con case 300 asistentes

A entrega do Premio Clara Campoamor á Cátedra Caixanova de Estudos Feministas convértese nunha festa pola igualdade

A encargada de recoller o galardón foi a profesora Purificación Mayobre

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 14/03/2008

A entrega do Premio pola Igualdade Clara Campoamor á Cátedra Caixanova de Estudos Feministas converteuse, con case 300 asistentes, nunha festa de celebración do Día da Muller. Entre os numerosos asistentes, o acto contou coa presenza de Tareixa Paz, vicepresidenta do Parlamento Galego, Carmen Adán, secretaria xeral de Igualdade, José Carballido, director xeral de Medio Rural, Xosé Francisco Ferreiro, delegado provincial da Vicepresidencia de Igualdade, Francisco Rodríguez e Alexandre Sánchez, alcalde e tenente de alcalde do Concello de Ourense, respectivamente, e Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, así como dun nutrido grupo de concelleiros e representantes da Universidade e de Caixanova.
Purificación Mayobre profesora da Universidade de Vigo, e María Pereira en representación de Caixanova, recolleron o premio en nome de toda a Cátedra de Estudos Feministas de mans de Carmen Adán, de Alexandre Sánchez e da concelleira de Igualdade, Marta Arribas. Foi esta última quen explicou que “este premio á igualdade de oportunidades que entrega o Concello, foi outorgado por unanimidade á cátedra por ser unha institución consolidada no traballo científico e rigoroso en temas relacionados coas mulleres, especialmente pola súa labor na formación do alumnado e polas súas investigacións e estudos de xénero”.
Purificación Mayobre, agradeceu o premio “á actividade colectiva que vén realizando a cátedra dende o ano 2000, pero tamén recoñece un traballo invisible que realizamos as feministas académicas e ao movemento social de mulleres que fixo posible a creación da cátedra e os froitos que está a dar”. Entre eles, destacou a impartición do posgrao en Estudos de Xénero que xa leva dous anos funcionando na Universidade de Vigo. Mayobre xpresou tamén a súa satisfacción en nome das súas compañeiras “polas iniciativas que no Día Internacional da Muller permiten dar visibilidade o traballo, o protagonismo e a palabra das mulleres”.

Unha ocasión para a reivindicación

Marta Arribas aproveitou a ocasión para comentar que “se os números son importantes nesta sociedade, o que máis nos estimula a traballar é ver que este acto a prol da igualdade cumpriu co noso obxectivo de que fose participado e plural”. Reivindicativa, a concelleira apuntou tamén dúas reflexións ante o nutrido público “vimos de asistir a unha campaña electoral salpicada pola morte. Nunha soa xornada foron asasinadas catro mulleres e no treito final un político. Matáronnos polo mesmo que son eu, muller e política, e como ambas cousas vexo que a violencia de xénero non cotiza nos índices de audiencia como outras formas de violencia”. Engadiu tamén que como gran parte do público “berrei na rúa menos discursos e máis recursos, polo que quero aproveitar que a miña voz é agora oficial para pedir aos meus compañeiros maior sensibilidade para dotar de recursos orzamentarios propios á loita pola igualdade”.
Pola súa banda, Celia Pereira, avogada da Confederación Intersindical Galega foi a encargada de recordar á figura que lle dá nome ao Premio, Clara Campoamor. Destacou dela a súa “faceta loitadora e o seu carácter valente, así como a coherencia coas súas ideas democráticas, feministas, laicas e republicanas, que lle levaron a rexeitar varios recoñecementos por vir de institucións coas que non comulgaba”. Pero sen dúbida, “o que a sitúa na historia foi a súa loita pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres e, especialmente, polo sufraxio feminino” dixo.