DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tivo lugar na Casa da Xuventude

A entrega de premios aos mellores caricaturistas noveis inaugura a Bienal de Caricatura

Tralo acto, os asistentes fixeron un percorrido polas exposicións

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 06/03/2008

A novena Bienal de Caricatura xa está oficialmente inaugurada tralo acto de entrega de premios do Concurso Galego para Caricaturistas Noveis que tivo lugar na Casa da Xuventude. Dun total de 64 obras presentadas por 16 autores, foi Juan Luis Pérez o que acadou o primeiro premio, dotado con 800 euros, pola súa colección en acrílico composta por representacións de Los Suaves, Teté Delgado ou Luis Pedrahita entre outros. Os accésit, foron para Daniel Iglesias, Roi Rodríguez, Miguel Ruiz e Miguel Casado, aínda que só este último acudiu ao acto. O xurado estivo composto por representantes das institucións que patrocinan a Bienal entre os que se atopaba o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez.
Segundo Juanjo Rodicio, contacontos e encargado de presentar o acto, “unha caricatura non só ten que parecerse á realidade, ten que dicir algo máis. Se un non se recoñece nela, tal vez é porque non se sabe ver” dixo e animou a todos os “valentes que non teñan medo de verse polos ollos dos demais” a asistir á Festa da Caricatura onde ao longo da fin de semana debuxantes galegos e portugueses retratarán aos asistentes que o desexen.

Rota polas exposicións

Trala entrega de premios, á que acudiron Xosé Francisco Ferreiro, delegado provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade, Isabel Pérez, e Marta Arribas, concelleiras de Cultura e Termalismo respectivamente e Benito Losada, director da Casa da Xuventude dende hai 30 anos, os asistentes realizaron un percorrido polas principais exposicións inauguradas. Así, despois de visitar a de Caricaturistas Noveis e a do debuxante colombiano Turcios na propia Casa da Xuventude, dirixíronse ata o campus onde puideron contemplar nos seus xardíns a Homenaxe ao Carrabouxo. Xa no interior do Edificio Politécnico, os asistentes puideron coñecer o mellor material publicado na revista Retranca antes de desprazarse ata o Museo Municipal para ver unha selección dos traballos dos Caricaturistas galegos.
A Bienal vén reivindicando dende 1992 unha arte de forte tradición en Galicia, a través, sobre todo, da rica implantación que ten na prensa. En palabras de Losada, “é un arma crítica de primeira orde na nosa sociedade e no noso programa de actividades temos olladas ao pasado, ao panorama actual e ao que se fai noutros continentes” dixo.