Proyecto Ocnos ofreceu un concerto na sede da Vicerreitoría, dentro do festival de Vertixe Sonora
Entropía musical na Casa das Campás
A actuación de Pedro Rojas-Ogáyar e Gustavo Domínguez centrouse no universo sonoro do século XX
Termo que define a irreversibilidade dos procesos termodinámicos, a palabra entropía procede dun termo grego que significaba evolución e transformación. De aí que afondar na evolución presente no panorama sonoro dos séculos XX e XXI sexa un dos propósitos centrais de Proyecto Ocnos, un ensemble sevillano que no mediodía deste domingo estreou na Casa das Campás o seu recital Entropías. No marco da programación do IV Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora, o guitarrista Pedro Rojas-Ogáyar e o clarinetista Gustavo A. Domínguez presentaron na sede da Vicerreitoría do campus un recital dirixido a incidir como os procesos de entropía ou fluxo temporal son na actualidade elementos “de maior relevancia na organización de estruturas musicais que os parámetros sonoros tradicionais”.
“Cremos que o paradigma da música clásica está cambiando e que nestas circunstancias o intérprete ten unha gran responsabilidade e está chamado a cumprir un papel fundamental na tarefa de definir o papel da música no novo século a través da súa difusión e do achegamento ao público máis diverso”, salientan na súa web os impulsores de Proyecto Ocnos, formación centrada en afondar no universo sonoro dos séculos XX e XXI, poñendo especial atención aos compositores españois, que neste recital con entrada gratuíta interpretou as pezas Dal niente (interieur III), de Helmut Lachenmann; Om, de Wei-Chieh Lin; Tellur, de Tristan Murail e Nova Obra de María Nuñez.
Esta estrea absoluta constituía así mesmo a última das paradas do IV Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea en Pontevedra, cidade á que se estendeu por primeira vez neste 2016 e onde ofreceu un total de catro concertos coa colaboración da Vicerreitoría do campus.
