DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación desenvolverase do 7 ao 14 de xuño

Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo acollerá un curso de introdución aos sistemas aéreos non tripulados

O seu enfoque será fundamentalmente práctico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 22/05/2017


A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense acollerá do 7 ao 14 de xuño o curso de formación Introdución aos sistemas aéreos non tripulados, que terá como obxectivo principal achegar esta tecnoloxía ao alumnado de titulacións técnicas que queira ter un primeiro contacto con ela. A actividade, explican os seus responsables, terá un carácter moi práctico e incidirá en aspectos como os diferentes subsistemas que compoñen un drone e cuestións relativas á lexislación actual neste eido, entre outros temas.

O curso, de 30 horas de duración, será impartido por Higinio González Jorge, profesor contratado doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drones dende o ano 2014. Segudo explican desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o docente conta con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, tanto de ala fixa como rotatoria, así como no relativo a subsistemas de navegación e sensores de imaxe embarcados, tanto activos como pasivos. Pertence, engaden, ao comité Aenor-CTN28 de certificación de UAS.

 

 

Teoría e práctica

Durante os módulos teóricos do curso, os asistentes introduciranse nesta tecnoloxía e en aspectos dela como a enerxía e propulsión; a dinámica e o control; os subsistemas de UAS e as súas aplicación comerciais, que abranguen desde o mundo audiovisual ao loxístico. Polo que respecta aos módulos prácticos, achegaranse a temas como a planificación de voo fotogramétrico e procesado de datos; ao funcionamento de motor 'brushless'; á simulación dinámica de quadrotor; ao sistema de control dun ximbal para cámaras e ás especificacións técnicas de drones, vendo casos prácticos de monitorización de cultivos agrícolas e aplicación de fitosanitarios en agricultura. O alumnado tamén realizará unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada no Aeródromo de Rozas, en Lugo.

Trátase, explican os promotores da iniciativa, da primeira edición deste curso que se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que botou a andar este curso académico no campus de Ourense. Aínda que o alumnado do centro é o seu principal destinatario, os responsables da formación salientan que está aberto á matrícula de alumnado das diferentes enxeñarías e titulacións afíns. O número máximo de participantes é de 20 e a docencia impartirase os días 7, 8, 9, 12, 13 e 14 de xuño en horario de mañá no campus de Ourense.