Recibirá 360.000 euros en seis anos para impulsar accións de innovación e mellora
Enxeñaría da Enerxía, primeiro grao da UVigo con selo de excelencia
Recoñece a calidade docente e a elevada inserción laboral das persoas egresadas
A Universidade de Vigo sumou nas últimas semanas un novo recoñecemento á calidade da súa oferta académica. O Grao en Enxeñaría da Enerxía, impartido na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía converteuse na primeira titulación de grao da institución académica viguesa en obter o selo de excelencia da Xunta de Galicia, unha distinción que recoñece o alto nivel académico, docente e investigador das titulacións do Sistema Universitario de Galicia, así como a súa capacidade de adaptación ás demandas actuais da sociedade.
A concesión do selo leva asociada unha achega económica de 360.000 euros durante os próximos seis anos -60.000 euros anuais- para impulsar accións de mellora e innovación docente na titulación, así como posibilidade de renovación, unha excelente noticia para un centro que en pouco máis dun mes foi tamén merecedor do Distintivo de Empregabilidade da Universidade de Vigo, en recoñecemento o seu labor na promoción da inserción laboral do seu estudantado, e o Distintivo Gal Ego.
Recoñecemento ao traballo colectivo de toda unha escola
Para a directora da escola, Elena Alonso, acadar a mención de excelencia “é o resultado do traballo realizado pola comunidade do centro, incluíndo o profesorado, o PTXAS e o estudantado e a colaboración de persoas egresadas, empresas, entidades e asociacións profesionais no desenvolvemento deste proxecto formativo”. Así mesmo, Alonso destaca tamén o valor do selo “para visibilizar o impacto e o papel das persoas egresadas desta titulación no actual escenario de transición enerxética”, un ámbito no que considera que o labor destes profesionais resulta clave para responder a “un dos retos máis importantes que temos como país”. Ao mesmo tempo, supón tamén o compromiso para manter os resultados que permitiron obter o selo e alcanzar toda unha serie de obxectivos específicos a conseguir nos próximos anos.
A directora explica ademais que participar na convocatoria supuxo un importante traballo de recompilación e análise de datos dos últimos cursos para elaborar a memoria requirida, aínda que insiste en que “o verdadeiramente difícil é o traballo realizado e os resultados que sustentan eses datos”.
Novos retos para os próximos seis anos
A obtención do selo implica tamén novos compromisos para a titulación. “O reto vén agora”, sinala Alonso, en referencia á planificación das accións que deberán desenvolverse durante os próximos seis anos co apoio económico asociado á concesión. Entre os obxectivos comprometidos figura a creación dun Plan de Innovación Docente para a titulación, orientado a reforzar as competencias dixitais, incrementar a formación práctica e aplicada e fomentar a resolución de problemas e casos reais.
A implantación deste plan implicará, segundo explica a directora, unha maior colaboración con persoas egresadas, empresas e entidades do sector enerxético, ademais de intensificar a formación do profesorado e mellorar os recursos materiais vinculados á docencia.
Un grao e tres mestrados con selo de excelencia na UVigo
Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Educativa, Alfonso Lago valora este logro como “o resultado do bo traballo realizado desde a escola” e subliña que o selo supón “un recoñecemento para a titulación en diferentes eidos, desde o deseño do proceso de ensinanza-aprendizaxe ata a internacionalización, os sistemas de avaliación ou a inserción laboral das persoas egresadas”. Recorda ademais que o selo de excelencia para graos implantouse na convocatoria de 2023, con periodicidade bienal, polo que esta foi a segunda edición, non logrando a UVigo ningún recoñecemento deste tipo na primeira.
Coa incorporación do Grao en Enxeñaría da Enerxía, a UVigo conta actualmente con catro titulacións distinguidas co selo de excelencia da Xunta, unha de grao e tres de mestrado: o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional, propio da UVigo; o Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada, coordinado pola UVigo e compartido coa Universidade da Coruña, e o Máster Interuniversitario en Matemática Industrial, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e no que participan a UVigo, UDC, Universidad Carlos III e Universidad Politécnica de Madrid.
Os dous primeiros acaban de superar o proceso de renovación do selo, mentres que o Máster en Matemática Industrial deberá afrontar a renovación o próximo ano.
