DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha acción inserida no proxecto europeo Resonate, que celebra en Viena a súa reunión anual

Enxeñaría Forestal estudará como incentivar os propietarios para que adapten os montes ao cambio climático 

Xunto á Universidade de Copenhague e a Czech University of Life Sciences

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/09/2022

Definir estratexias de resposta que permitan mellorar a resistencia e a capacidade de adaptación dos bosques europeos ante os efectos do cambio climático é o obxectivo central do proxecto europeo Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), no que participan 20 institucións e organismos de doce países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo. A posta en común do traballo desenvolvido polos diferentes socios é un dos propósitos centrais da reunión anual de deste proxecto, que se desenvolve nestes días na Universidade de Agronomía de Viena (Boku). Así mesmo, no encontro definíronse novas accións a desenvolver, como o estudo sobre os incentivos a propietarios forestais para que adapten os seus traballos de silvicultura aos efectos do cambio climático, que a Escola de Enxeñaría Forestal levará a cabo xunto coa Universidade de Copenhague e a Czech University of Life Sciences.

Como explica o director da escola, Juan Picos, existen “tres grandes perturbacións orixinadas polo cambio climático e que poderían ter efectos” sobre a xestión das masas forestais, como son “o aumento das secas e do risco de incendios e a posibilidade de que existan novas pragas que danen ao arborado”. A estas súmase un cuarto factor de análise, como son as implicacións que poden ter nos traballos silvícolas as políticas para contrarrestar o cambio climático, como restricións a determinado tipo de plantacións ou medidas orientadas “á recuperación da biodiversidade”. Partindo deste escenario, o obxectivo deste estudo será o de “determinar a capacidade dos propietarios forestais para modificar a súa silvicultura e que incentivos necesitarían para facelo”, explica Picos, que coordina a participación da UVigo nun proxecto seleccionado na convocatoria Horizonte 2020. Con ese propósito, as tres institucións implicadas traballarán no deseño dunha enquisa para coñecer eses “incentivos clave”, que se realizará tanto con propietarios forestais de Galicia como da República Checa.

Tratase, como recoñece Picos, dun dos primeiros estudos que busca reunir as visións dos propietarios e propietarias sobre esta cuestión, “ e probablemente o que vaia facerse a unha maior escala”, e seu propósito é coñecer en primeiro termo como valoran “a ameaza que supón o cambio climático” para as súas plantacións, xa que isto determinará en boa medida “se son máis ou menos proclives” a introducir cambios na xestión. A partir de aí, o obxectivo é coñecer cales serán as “medidas clave” para promover eses cambios, que poderían ir desde “incentivos económicos directos” á posibilidade de contar con “plantas melloradas ou resistentes a enfermidades”, pasando por dispor de seguros ou de asesoramento. 

A cadea de valor do piñeiro en Galicia e Portugal

Alén dos bloques de traballo, Resonate abrangue unha serie de “casos de estudo” dirixidos a integrar as diferentes liñas de análise nunha zona xeográfica concreta. Un deles é o que busca caracterizar a cadea de valor asociada ao piñeiro no sur de Galicia e no norte de Portugal, co obxectivo de coñecer “a súa resiliencia fronte a perturbacións como os incendios, as enfermidades e o abandono rural”, que a UVigo leva a cabo coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), tamén socio do proxecto. Neste senso, Picos sinala que o obxectivo é levar a cabo o estudo sobre incentivos fundamentalmente con propietarios ligados a unha cadea na que se insiren tamén industrias como as do taboleiro e o mobiliario, serradoiros ou fabricantes de pellets. 

Xuntanza en Galicia en 2023

Tanto Picos como a investigadora da EE Forestal Laura Alonso participan nesta semana na xuntanza anual dun proxecto que coordina o Instituto Forestal Europeo (EFI) e que permitiu así mesmo definir outra serie de accións a desenvolver, como a creación de “módulos formativos de ámbito europeo” sobre resiliencia forestal, coa idea de que poidan incorporarse, de diferentes xeitos, á oferta formativa das universidades participantes. Así mesmo, como explica Picos, tamén se acordou que Galicia acollerá en 2023 unha reunión de socios do proxecto e “partes interesadas, como propietarios forestais, empresas de transformación, ONG...”, unha xuntanza que Xera organizará xunto coa EE Forestal.

Cun financiamento de preto de cinco millóns de euros, Resonate estenderase ata 2025, co obxectivo de desenvolver métodos específicos para cuantificar a resiliencia do conxunto da cadea de valor forestal, pondo o foco tanto en cuestións ambientais como económicas e socioeconómicas. Coordinado polo investigador da EFI Marcus Lindner, neste proxecto participan tamén os investigadores da EE Forestal Ángeles Cancela, Enrique Valero, Xana Álvarez e Julia Armesto, así como os integrantes do grupo Rede, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Pilar Piñeiro, Pol Fontanet, Fernando León, Carlos Rodríguez e Antonio Sartal. 

Estudo do protagonismo feminino na EE Forestal

Coincidindo coa reunión de Resonate, Picos participou onte mércores na 25 International Conference on Interactive Collaborative Learning, un congreso internacional sobre educación, no que se encargou de presentar o estudo realizado polas profesoras Ángeles Cancela e Xana Álvarez, xunto con Carolina Acuña e Clara Míguez, sobre o papel da muller na EE Forestal. Partindo dos datos reunidos grazas ao Sistema de Garantía de Calidade da escola ao longo de seis cursos, o estudo permite constatar como se ben neste período só preto do 30% do alumnado eran mulleres, estas rexistraron “unha maior taxa de éxito” nos seus estudos. Do mesmo xeito, o informe presentado en Viena recolle tamén que as mulleres representaban no curso 2020-2021 o 40% do profesorado doutor da escola e o 83% do persoal de administración e servizos.

Partindo destes datos, o estudo pon o foco no “problema xeral” que teñen as escolas de enxeñaría no referido á captación de alumnado feminino e na necesidade de medidas correctoras neste eido. “Non podemos estar satisfeitos con taxas de captación baixas nun sexo que representa, cando menos, o 50% do talento humano”, salienta Picos, que incide en como este traballo dá mostra do “éxito académico” das enxeñeiras formadas na escola, “que logo trasládase tamén á súa empregabilidade”.