DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto celebrouse este mércores de xeito semi-presencial

Enxeñaría Informática e Aeronáutica apoian ao Centro de Intelixencia Artificial na súa presentación

Os responsables destas escolas explicaron as potencialidades de colaboración

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 28/10/2020

Este mércores o Concello de Ourense realizou a presentación do seu Centro de Intelixencia Artificial nun acto semi-presencial no que os responsables da Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez e Humberto Michinel respectivamente, amosaron o apoio destes centros a esta iniciativa e explicaron as liñas de colaboración que se están artellando.

Durante a presentación Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, salientou como a presentación deste centro constitúe “un día histórico” para a cidade. Sobre a colaboración da Universidade de Vigo nel apuntou como a institución académica “deu o seu apoio” a esta iniciativa e como está pendente a sinatura dun convenio ao respecto. David Olivieri, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática e director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial deste Centro de Intelixencia Artificial foi o encargado de presentar o centro: as súas instalacións en La Molinera, o seu persoal actual (catro persoas en administración e cinco enxeñeiros informáticos), a súa misión e obxectivos e as liñas de traballo, tanto presentes como futuras.

Talento, transferencia e investigación

David Olivieri salientou como este “proxecto é moi interesante e supón unha posibilidade moi moi grande para digamos ter un impacto nesta cidade, tanto socioeconómico como para reter talento”. A misión do centro, apuntou, é “achegar beneficios socioeconómicos a Ourense mediante un centro tecnolóxico de excelencia enfocado en solucións reais en big data e intelixencia artificial”. Sobre os obxectivos do Centro de Intelixencia Artificial, o seu responsable indicou como son aproveitar o coñecemento en intelixencia artificial das universidades/empresas locais; ser expertos en áreas de intelixencia artificial; fomentar a colaboración e a transferencia de tecnoloxías de intelixencia artificial relevantes entre os sectores público e privado; reter o talento novo e atraer talento a través de proxectos estatais e internacionais. Durante a súa intervención, Olivieri esbozou os primeiros proxectos nos que está a traballar o centro nas súas primeiras semanas de actividade e as colaboracións que se están artellando.

Entre as numerosas intervencións de diferentes axentes coas que contou o acto, Humberto Michinel, elixido recentemente director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus, destacou como “vamos a intentar colaborar na medida do que podamos co centro”. Así, durante a súa intervención explicou as liñas de traballo nas que xa teñen realizado propostas para a colaboración co Centro de Intelixencia Artificial. “Cremos que son liñas interesantes non só para o centro en si senón para a propia cidade de Ourense”, indicou o catedrático da UVigo. Entre elas citou eidos como a creación de xemelgos virtuais no sector aeroespacial; iluminación intelixente para cidades intelixentes; Internet das Cousas en relación con cidades intelixentes e intelixencia artificial e fotónica. “Aplaudo esta iniciativa e agardamos que o futuro do Centro de Intelixencia Artificial sexa exitoso. Creo que cunha persoa como David Olivieri ao seu fronte sen dúbida o centro conseguirá  plenamente os seus obxectivos e atraerá especialmente proxectos tractores a esta cidade, proxectos tecnolóxicos e relevantes tanto a nivel nacional e internacional, e acabarase convertendo nun polo de atracción de talento novo”, afirmou Humberto Michinel.

Do mesmo xeito, Francisco Javier Rodríguez destacou durante a súa intervención como “o que podemos achegar a este  proxecto é o que xa estamos facendo: un director que é membro desde hai moitísimos anos deste centro, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; varios dos talentos que xa están contratados no Centro de Intelixencia Artificial son desta escola e o máis importante é que cremos que temos recursos para realizar unha transferencia e aquela parte de investigación que sexa necesaria en Ourense, ao lado deste centro tan importante”. Así, o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática recalcou sobre a posta en marcha deste proxecto como “desde a Universidade consideramos que é unha idea necesaria tanto para Ourense como para Galicia”. “Cremos que a intelixencia artificial se non é o futuro vai ser unha base importante dese futuro e un centro como este visibilízao e faino maior”, afirmou o director da escola. Durante a súa presentación Francisco Javier Rodríguez tamén explicou as liñas de colaboración que se están esbozando entre a escola e o centro, amosou a súa confianza en que “vai ser un centro punteiro” que nace “do local ao global” e que vai a impulsar o talento formado na  Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense.