DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de últimos cursos apoiará a estudantes de novo ingreso

Enxeñaría Informática pon en marcha unha experiencia piloto de mentorización

A iniciativa comeza a desenvolverse na escola este cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/01/2019

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense vén de pór en marcha unha iniciativa de mentorización que permitirá ao seu alumnado de novo ingreso contar co apoio de estudantes de últimos cursos do centro. A iniciativa, pioneira no campus de Ourense, arranca este cuadrimestre coa participación de 13 estudantes mentores previamente formados.

“A idea nace coma unha mellora incorporada ao Plan de Acción Titorial da nosa Escola Superior de Enxeñaría Informática e prentedemos que sexa unha experiencia que poida beneficiar tanto ao alumnado destinatario final coma ao alumnado mentor. Cremos que, ademais de ter profesorado titor, pode ser beneficioso para o novo alumnado ter o apoio de estudantes de cursos superiores que lles poidan guiar e axudarlles a superar dificultades”, explica a profesora do centro María José Lado. Ademais, a formación adquirida, engaden desde a escola, pode influír positivamente na empregabilidade do alumnado que participa como mentor dado que este adquire experiencia preprofesional de liderado de persoas e equipos de traballo.

Etapa de formación

A iniciativa arrancou coa celebración da formación dos 13 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso do centro que se animaron a participar na iniciativa. O curso, titulado Liderado, intelixencia emocional e mentoría: curso de competencias para alumnado mentor, tivo unha duración de dez horas e o obxectivo fundamental de crear un equipo de mentores e mentoras que puidese guiar ao alumnado de novo ingreso no centro. Impartido pola empresa RH Positivo, a formación consistiu en tres sesións celebradas en novembro e decembro de 2018 e en xaneiro de 2019, nas que os estudantes afondaron en intelixencia emocional, intelixencia social e liderado, aprendendo tamén a mentoría como metodoloxía de acompañamento do desenvolvemento doutras persoas.

Belén Varela foi a persoa encargada de impartir esas sesións formativas. Da iniciativa destaca como a mentorización entre alumnado xa ten amosado o seu impacto académico en proxectos similares desenvolvidos no campus de Vigo. “É unha iniciativa experimental aquí pero da que temos moi boas experiencias na Universidade de Vigo”, comenta Varela facendo referencia ao Plan MEET-UVigo no que participan as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de Enxeñaría de Minas e Enerxía e as facultades de Filoloxía e Tradución, Química, Ciencias do Mar e Ciencias Económicas e Empresariais. “Nestes programas de mentorización entre estudantes búscase un sistema para que o alumnado participe mellor nas titorías establecendo unha figura intermedia entre o profesor-titor e o propio estudante, que deixaba de consultar moitas cousas ao seu titor”, comenta a profesora do curso.

Durante a formación celebrada no campus de Ourense e que rematou esta semana, detalla a súa responsable, “traballamos intelixencia emocional, piares do benestar, que é a mentorización e como funciona e técnicas e ferramentas para acompañar ao alumnado de novo ingreso”. Deste xeito, comenta, o alumnado mentor poderá “acompañar aos estudantes de novo ingreso desde o plano de organización do seu traballo ata aspectos máis relevantes como é a intelixencia emocional, o afrontamento das dificultades e dos desafíos, etc”. Salientado a excelente resposta dos estudantes que participaron no curso para ser mentores e mentoras, Varela apunta como os conceptos aprendidos serán trasladados a partir de agora á práctica, con actividades mensuais de mentorización entre os estudantes formados para mentores e os de novo ingreso, que no centro ascenden a arredor de 110.

Jorge Pérez é un dos estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que participou no curso de formación e que agora se dispoñe a ser mentor. Alumno de terceiro curso explica como no seu caso decidiu participar nesta iniciativa xa que “cando nos ofreceron participar pareceume unha proposta interesante que ademais era compatible coas clases. Interesoume porque é algo no que nunca pensara, en ensinar a alguén, e decidín apuntarme a ver que tal”. As sesións do curso, sinala o estudante, “estiveron moi ben”, xa que, apunta, permitíronlle aprender aspectos como “controlar as emocións ou ver as capacidades de alguén”, desexando xa poder pasar á parte práctica de mentorización.