DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Semanalmente haberá charlas ou talleres sobre ferramentas ou tecnoloxías específicas

Enxeñaría Informática pon en marcha a iniciativa DojoESEI para complementar a formación do seu alumnado

A iniciativa dá continuidade a outra anterior desenvolvida por profesorado do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 11/12/2019

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense pon en marcha o proxecto DojoESEI, que ten como obxectivo “servir de espazo para profundar en tecnoloxías, temáticas e ferramentas que completen a formación técnica do noso alumnado”. A iniciativa, aberta ás persoas interesadas, materializarase nunha sesión semanal na que se desenvolverá unha charla ou taller sobre algún foco de interese tecnolóxico específico.

A palabra 'dojo' é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais. Desde hai un tempo, no eido da tecnoloxía este termo tamén se emprega para pór nome a reunións de programadores que durante unhas horas determinadas traballan nun reto de programación. Segundo explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, “a idea do proxecto DojoESEI é buscar un espazo onde se poida dar formación diferente e avanzada desde un punto de vista tecnolóxico ao alumnado”, formación que pode abranguer desde o coñecemento concreto dunha ferramenta punteira ata escoitar a intervención de profesionais do sector sobre algún tema de interese concreto.

Formación adicional ás materias

O proxecto, engaden desde a súa organización, apóiase na idea de fomentar a colaboración coas empresas TIC, de forma que representantes de empresas impartirán charlas, talleres ou cursos sobre ferramentas, tecnoloxías ou metodoloxías que empregan nas súas organizacións. “Hai moitas empresas que queren apoiar a nosa actividade e vimos que esta era unha boa vía para facelo”, apunta Francisco Javier Rodríguez. En DojoESEI tamén participará profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática ou outras organizacións. “Trátase dunha formación adicional a cargo de profesionais do sector ou expertos tanto do eido profesional como académico”, resume o director da escola superior.

DojoESEI nace baixo a organización da dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática retomando a idea ESEI Dojos posta en marcha no curso 2011/2012 por docentes deste centro e que consistía en talleres de periodicidade aproximadamente mensual que permitían aos membros da comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en programación e tecnoloxía. Tomando esa idea de sitio onde xuntarse para aprender contidos que pola súa novidade ou especificidade non entran dentro das materias, a iniciativa asúmea agora a dirección do centro. Co mesmo afán de apertura e participación, as sesións estarán abertas non só ao alumnado da escola senón ao seu profesorado e a outros membros da comunidade universitaria interesados nos temas a abordar.

Inicialmente, a programación terá unha periodicidade semanal, aínda que adaptable segundo a dispoñibilidade das e dos relatores e do calendario académico. As actividades poderán ser empregadas como complementos ás materias propias das titulacións do centro e certificarase a asistencia e participación significativa en todas as actividades. Para asistir será necesaria a inscrición previa e emitirase certificado de asistencia ao finalizar o cuadrimestre. Como aperitivo a esta programación, este martes pola tarde, a escola acolleu a intervención de José Ramón Blanco Echeverría, xerente en Minsait (Indra) e profesor do Máster de Dirección Integrada de Proxectos das universidades de Vigo e Coruña, que falou de desenvolvemento de aplicacións en equipo para grandes empresas.