DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asistiron, maioritariamente en liña, medio cento de persoas de toda España

Enxeñaría de Minas e da Enerxía amosa nunhas xornadas a situación actual da muller na profesión

Subliñouse a necesidade de darlle visibilidade ás enxeñeiras e de incorporar plans de igualdade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 04/11/2022

Dar visibilidade e pór en valor a actividade profesional das mulleres no ámbito da Enxeñaría de Minas, Enerxía e Materiais a partir das experiencias persoais de seis profesionais de moi distintos perfís. Con este obxectivo este venres celebrouse na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía a segunda edición dunha xornada coa que o centro quere “fixarse na situación actual da muller na profesión, na necesidade de darlle visibilidade e na importancia de incorporar plans de igualdade no ámbito da profesión”, tal e como explicou no arranque da xornada a profesora Generosa Fernández, enlace de Igualdade, quen tamén fixo fincapé en que non se trata dunha “xornada de mulleres”, senón dunha xornada de orientación profesional para todos “na que amosar a diversidade de empregos aos que se pode optar cunha formación inicial dos estudos que se imparten nesta escola”.

Da presentación das xornadas encargouse a directora do centro, Elena Alonso, quen insistiu na idea de que con esta actividade a escola trata de achegar a realidade da profesión a través da testemuña de seis persoas que traballan en diferentes ámbitos. “Trátase de coñecer a través das súas intervencións e das súas experiencias distintos puntos de vista da realidade actual da profesión, e facelo con matices e detalles”, recalcou Alonso.

Entre os poñentes contouse coa participación, tal e como foi explicando a directora da escola, de profesionais titulados antes da adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior e tamén despois, “é dicir, diferentes proxectos formativos para o mesmo sector profesional”; persoas con máis de 20 anos de experiencia profesional e outras que acaban de incorporarse ao mercado laboral; persoas que traballan no ámbito local e aquelas que desenvolven a súa actividade profesional no estranxeiro; persoas con diferentes niveis de responsabilidade nas súas empresas; persoas que traballaron ou traballan en diferentes departamentos (produción, mantemento, enxeñaría, xestión, calidade...), e tamén representantes de diferentes ámbitos. En definitiva, son, tal e como apuntou a directora da escola “persoas que, con toda a súa bagaxe e experiencia, representan a profesión de enxeñaría de minas, enerxía e materiais”.

Só tres de cada dez estudantes de enxeñaría son mulleres

Previo ao arranque dos relatorios e a modo de introdución xeral, Alonso fixo unha pequena presentación na que trasladou algún dos datos máis relevantes sobre dous aspectos: por unha banda,  a formación académica, é dicir, o paso pola universidade, e pola outra, o desenvolvemento profesional. Entre outros moitos aspectos destacou que aproximadamente sete de cada dez estudantes de Ciencias da Saúde son mulleres, mentres que en enxeñaría e arquitectura son tres de cada dez, “e o mesmo acontece nos diferentes estudos de enxeñaría en Europa, xa que en liñas xerais todos os informes reflicten os mesmos valores”. Salientou tamén que, dependendo do tipo de enxeñaría, as cifras poden ir cambiando, indicando neste sentido que “no caso, por exemplo, de Enxeñaría Química Industrial o 46% son mulleres, mentres que en Informática a cifra sitúase en torno ao 10%”, e o esquema reprodúcese tamén para os estudos de mestrado e doutoramento. En canto ao rendemento académico do ámbito das enxeñarías, salientouse que é lixeiramente mellor o das mulleres ca o dos homes.  “Se están capacitadas... Por que non elixen estudos de enxeñaría e arquitectura?”, esta foi a pregunta que deixou no aire a directora da escola, quen non dubidou en salientar que non hai unha causa única, “senón moitas e moi complexas”, relacionadas coa  escola, a familia, a propia sociedade...

Distintivo de igualdade

Con carácter semipresencial a xornada contou coa asistencia de máis de medio cento de persoas, maioritariamente en liña desde Cataluña, Madrid, Andalucía e Castela e León. Encadrada dentro das actividades de igualdade que se levan a cabo na escola, a xornada foi financiada cos fondos do Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo acadado polo centro no ano 2021, “un recoñecemento moi merecido a todo o traballo que se fixo e se sigue a facer desde este centro nesta cuestión”, tal e como recalcou na propia xornada Mar Fernández Cendón, técnica da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.