DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co acto de graduación das últimas promocións formadas na escola

Enxeñaría de Minas e Enerxía celebra as súas vodas de prata pondo en valor o éxito profesional dos seus egresados e egresadas

Entregáronse tamén diplomas a unha vintena de empresas en recoñecemento a súa colaboración co centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 07/07/2017

Se para escolas e facultades os actos de graduación son sempre unha da datas máis importantes do curso, esta celebración viviuse este ano dun xeito especial na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se fixo coincidir a despedida ás últimas promocións formadas no centro coa celebración do 25 aniversario da titulación de Enxeñaría de Minas na Universidade de Vigo. Foi unha tarde de reencontros e lembranzas na que a actual dirección da escola, liderada pola profesora Natalia Caparrini, puxo en valor o éxito profesional dos seus egresados e egresadas, máis de 1000 profesionais, aos que agora se suman 130 novos tituladas e tituladas das catro titulacións que se imparten actualmente no centro: 55 do Grao en Enxeñaría da Enerxía, 45 do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, 20 do Máster en Enxeñaría de Minas e 10 do Máster en Xeoinformática.

A celebración, que tivo lugar o pasado venres no Teatro Afundación, serviu tamén de escenario para homenaxear as principais empresas colaboradoras coa escola, 21 firmas, incluídas asociacións e colexios profesionais, que levan anos cooperando de xeito habitual co centro, tanto no ámbito docente como no investigador, acollendo alumnos en prácticas, facilitando a realización de visitas docentes as súas instalacións, levando a cabo proxectos conxuntos... e tamén aos profesores que foron elixidos como ‘os mellores’ da escola: Benito Vázquez Dorrío e Eduardo Liz Marzán, que exerceron tamén como padriños das novas graduadas e graduados; David Patiño Vilas, José Enrique Martín Suárez e Elena Martín Ortega; e unha pequena entrega de agasallos aos docentes José María e Antonio Correa Otero con motivo da súa xubilación.

“Un título singular, único, estratéxico e esencial para Galicia”

Dirixíndose aos egresados e egresadas, ás súas familias, ao conxunto de profesorado, empresas e autoridades, Natalia Caparrini repasou na súa intervención a historia duns estudos, os de enxeñaría de minas, que chegaron a España no 1777 converténdose na primeira titulación de enxeñaría civil que se creou no país. “No ano 1992, debido en parte á crecente importancia do sector mineiro na economía de Galicia comezouse a ofertar a titulación nesta Universidade, converténdose así Vigo na terceira escola que se creou en España, despois de Madrid e Oviedo, e constituíndo un título singular, único, estratéxico e esencial para Galicia”, explicou Caparrini, ao tempo que animou ás novas graduadas e graduados a mirar o futuro con optimismo, salientando neste punto os resultados dun informe realizado tamén con motivo do 25 aniversario e no que “se pon de manifesto que os titulados da escola teñen moi boa aceptación, unha boa cabida e bo recoñecemento no ámbito profesional”, ao que engadiu que “empresas e administracións de todo o mundo recoñecen a vosa excelente formación”.

Alicia Costas coma exemplo

Seguindo o dito de que un exemplo vale máis ca mil palabras, o acto contou coa participación de Alicia Costas Freire, egresada do centro que en 2015 foi seleccionada entre os 22 talentos mozos en sostenibilidade de todo o país. Enxeñeira de Minas pola Universidade de Vigo (novena promoción) e socia fundadora da consultora londinense Twin and Earth, Costas Freire explicou a súa experiencia traballando en proxectos de grandes arquitectos como Kean Yeang ou David Chipperfield.