Nunhas xornadas organizadas co apoio da Unidade de Igualdade
Enxeñaría de Minas e Enerxía pon en valor a actividade profesional das mulleres deste sector
Na actualidade a matrícula feminina na escola non alcanza o 30%
A porcentaxe de mulleres matriculadas na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía sitúase na actualidade no 27%, cifra que evidencia que elas seguen sendo minoría nas aulas. Desde o centro, primeiro da UVigo en recibir o Distintivo de Igualdade, levan anos impulsando diferentes actividades que poñen en valor o traballo realizado por todas aquelas estudantes que un día elixiron dedicarse á enxeñaría de minas, dos materiais ou da enerxía. A última destas xornadas tivo lugar este venres e nela contouse coa participación de diferentes perfís de mulleres, diferentes exemplos que lle amosan ao actual alumnado do centro a variedade de saídas profesionais que todas e todos teñen ao seu alcance.
“O obxectivo destas xornadas é darlle visibilidade e pór en valor a actividade profesional das mulleres nos ámbitos vinculados ao noso centro”, explicou na apertura a directora da escola, Elena Alonso, quen fixo fincapé en que non se trata dunha actividade concibida por e solo para mulleres, senón que tamén constitúe unha actividade de orientación laboral e profesional para todo o estudantado, de cara a visibilizar os diferentes ámbitos de traballo das persoas que se forman na escola.
Academicamente elas acadan mellores resultados
Na súa intervención Alonso puxo sobre a mesa algún dos principais datos da situación profesional das mulleres no ámbito STEM -Science, Technology, Engineering, and Mathematics-. Entre outras cuestións, salientou que no curso 2022/2023 a matrícula nas universidades españolas debuxaba un escenario conformado por un 57% de mulleres e un 43% de homes, pero, atendendo á división por ámbitos, se atopan dous extremos claros: dunha banda, Ciencias da Saúde -73% de mulleres, 27% de homes- e, no outro extremo, Enxeñaría e Arquitectura -73% de homes e 27% de mulleres-. No caso dos ámbitos máis vinculados ao centro os datos a nivel nacional sitúanse nun 37% de mulleres en Enxeñaría de Materiais; 27% en Enxeñaría da Enerxía e 24% en Enxeñaría de Minas.
Polo que se refire aos indicadores dos resultados académicos, a responsable da escola deixou claro que “os datos demostran que as mulleres que estudan enxeñaría teñen lixeiramente mellores resultados”, o que, “claramente evidencia que son estudos para os están perfectamente capacitadas”. Entre outros exemplos, fixo mención á taxa de éxito -77,97% homes, 80,37% mulleres-: á taxa de graduación aos catro anos -33,49% H, 44,72% M- ou á nota media dos estudos -6,91 H, 7,04 M-.
“Con esta xornada buscamos achegar luz para coñecer que pasa máis aló, unha vez as enxeñeiras comezan a súa actividade profesional”, salientou a directora, ao fío que engadiu que “aínda que as oportunidades laborais son moi boas no ámbito da enxeñaría, as mulleres seguen sen decantarse por estes estudos nunha porcentaxe que debería ser similar á % de mulleres matriculadas no conxunto da Universidade”.
Testemuñas en feminino de realidades profesionais moi variadas
Para tratar de identificar e analizar aqueles aspectos que poden contribuír a debuxar esa realidade que describiu a directora contouse coa testemuña de diferentes mulleres con perfís e realidades profesionais moi variadas: algunhas recentemente incorporadas ao mercado laboral e outras con máis de 30 anos de experiencia profesional; mulleres que traballan nos tres ámbitos; mulleres que se formaron nesta escola ou noutros centros universitarios e que desenvolven a súa actividade profesional en Galicia, España ou no estranxeiro.
A primeira en intervir foi Cecilia Trancón Loureiro, presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia, COMG, e directora xeral de Caolíns de Vimianzo, que afondou na situación profesional da minería en Galicia e como está a afrontar esta comunidade a transición enerxética.
Tras ela Nuria Antonio Fontán, responsable de Calidade, Prevención e Medio Ambiente na Fundación Centro Tecnolóxico do Granito, abordou as peculiaridades desta industria clave para Galicia, mentres que Uxía Alonso Sanmartín, fixo o propio coa minería da lousa, outro sector fundamental e motor económico para a rexión.
Organizadas co apoio da Unidade de Igualdade, dentro da convocatoria de axudas para a organización de actividades de sensibilización que promovan a perspectiva de xénero na UVigo, o programa das xornadas -cunha primeiera e segunda edición en 2019 e 2022-continuará pola tarde baixo a coordinación das responsables de Igualdade da escola, Generosa Fernández e María Pazo.
