O centro celebrou o 8M coa entrega dos premios de fotografía Mulle_RME 2025
Enxeñaría de Minas e Enerxía premia ‘o soño dunha enxeñeira de petróleos’
A imaxe gañadora amosa o retrato dunha muller nunha industria maioritariamente masculina
“Desde que iniciei a miña carreira sempre foi o meu soño estar nunha trade de perforación, liderando unha operación”. Esta era a súa ilusión e, cando o conseguiu, a imaxe dese momento valeulle á enxeñeira colombiana Leidy Tatiana Ballesteros Rozo o primeiro premio do certame de fotografía Mulle_RME 2025, convocado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e do que este mércores se celebrou a entrega de galardóns, un acto enmarcado na celebración do 8M.
Baixo o título El sueño de una ingeniera de petróleos en un taladro de perforación petrolero, a fotografía gañadora amosa a imaxe dunha muller nunha industria maioritariamente masculina, pero na que a súa experiencia e habilidade son clave para supervisar a precisión da perforación e a interpretación de datos en tempo real. “O seu traballo non só demostra destreza técnica, senón tamén o poder das mulleres na enxeñaría”, recalcou a autora.
Ballesteros, destacada polo seu liderado no eido da enxeñería de petróleos, non puido viaxar ata Vigo para recoller o premio, pero si enviou un vídeo no que, ademais de agradecer a convocatoria do galardón, lembroulle a todas as mulleres que están no sector mineiro e enerxético que o seu o traballo é “inavaliable, todo un exemplo de fortaleza, paixón e dedicación”, e a todas aquelas que se están formando e ás que lle gustaría chegar a exercer eses cargos, a non esquecerse nunca de que “a enxeñaría de minas, enerxía e petróleos é un campo para todos e que o seu traballo é necesario para lograr unha sociedade máis xusta e equitativa”.
'Subindo para romper o teito de cristal'
O 2º premio foi para Subindo para romper o teito de cristal, fotografía realizada por Sara García Pérez, alumna do centro. “A imaxe amosa como os aeroxeradores quedan pequenos en comparación cos pasos da tecnoloxía e das mulleres do ámbito STEM”, explicou a estudante, ao que engadiu que “quedan moitos chanzos por acadar, pero axiña chegaremos ao ceo da equidade e da innovación”.
‘Visión de nena’
De xeito extraordinario este ano entregouse tamén un accésit na categoría junior á obra Visión de nena de Lúa Berrocal Sánchez. “Esta é a visión que eu tiña con cinco anos da miña nai traballando na mina, unha das poucas mulleres que coñecía de pequena”, tal e como se explica na descrición dunha imaxe realizada por unha nena, Lúa, cuxa nai é enxeñeira xeóloga, e sempre foi para ela “a súa referencia, a súa superheroína”.
Sesión de videofórum
Tras a entrega de premios tivo lugar unha sesión de videofórum coa proxección de La Singla, un documental dirixido por Paloma Zapata no ano 2023 no que se narra a historia da bailaora flamenca Antonia Singla, quen, pese a quedar xorda ao nacer, con apenas 17 anos revolucionou o mundo do flamenco, desaparecendo dos escenarios antes dos 30.