DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola entregou cadanseu premio de 2000 euros aos 3 mellores expedientes de acceso

Enxeñaría de Telecomunicación fai valer o talento das súas novas alumnas e alumnos

O acto coincidiu coa recepción aos 265 estudantes que participarán nos III Teleco Games en abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI 17/01/2025

Foron tres dos mellores expedientes de Galicia na ABAU 2024, os tres con notas superiores ao 13, e os tres elixiron estudar o Grao en Enxeñaría de Telecomunicación na súa modalidade en inglés na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Andrea Rodríguez, Jorge López e Lucía Castrillo recibiron este venres os premios aos mellores expedientes de entrada nesta escola dotados con 2000 euros, contías achegas por tres das empresas que forman parte da rede de compañías ConexionTeleco: Borgwarner, Technica Engineering e a Cátedra R en Ciberseguridade.

A entrega dos galardóns coincidiu coincidir coa presentación da III Olimpíada Nacional Teleco, Teleco Games, unha iniciativa dirixida a espertar vocacións entre o alumnado preuniversitario e que este ano traerá á escola viguesa a 265 alumnas e alumnos de toda Galicia, moitos dos cales asistiron hoxe a esta presentación de xeito físico -o resto puido seguir o acto en liña- e para quen Andrea, Jorge e Lucía servirán de exemplo de novos talentos que elixen o mundo das tecnoloxías  de telecomunicación como eixe central do seu futuro profesional.

Tras unha pequena intervención por parte dos representantes das empresas, na que felicitaron ás e aos premiados polo seu talento e esforzo e os animaron a seguir traballando cara un futuro prometedor, cada un dos galardoados foi recollendo os seus diplomas. A primeira en facelo foi Andrea Rodríguez, que recolleu o premio de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; a continuación, Jorge López recibiu o galardón da man de David Román, office manager en Technica Engineering Spain e, por último, fíxoo Lucía Ramos, gañadora do premio Cátedra R en Ciberseguridade, entregado por Alfredo Ramos, director territorial en Galicia de R. 

Unha vez recollidos os premios, os tres tiveron que regresar ás aulas para continuar cunha xornada de exames moi importante para o alumnado do primeiro de grao de Tecnoloxías de Telecomunicación. Mentres, o alumando dos institutos que vai participar na final da Olimpíadas comezou unha visita guiadas polas instalacións da escola.

265 estudantes de 23 institutos nos III Teleco Games

Antes da entrega destas distincións, o salón de actos do centro acolleu a recepción ao alumnado e profesorado que vai participar na final da III Olimpíada Nacional de Teleco, Teleco Games. Esta competición celébrase simultaneamente en máis de 20 escolas de enxeñaría de toda España coa colaboración do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. A final terá lugar o vindeiro mes de abril e na fase viguesa competirán 265 estudantes de 23 institutos de ensino medio divididos en 56 equipos.  

“De novo somos o centro con máis estudantes inscritos de toda España (case un 35%), así que esperamos acadar tamén tan bos resultados na final nacional, prevista para o mes de maio, tal e como aconteceu nas edicións anteriores”, explicou a directora da escola, quen lembrou que na final de 2024 houbo premios para o alumnado galego en todas as categorías.

Entre as principais novidades desta terceira edición, destaca a posta en marcha dunha nova categoría: 1º-2º de ESO, coa que se busca “motivar as vocacións entre o alumnado máis novo, xa que nunca é suficientemente cedo para que experimenten coas tecnoloxías de comunicación”, apuntou Díaz. Amplíase así o abano de idades, que incluía xa o alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato e Formación Profesional.

A olimpíada xirará arredor do ODS 7: Enerxía alcanzable e non contaminante

Tal e como se explicou no transcurso do acto, que se estendeu ao longo de toda a mañá e incluíu unha visita guiada polas diferentes instalacións da EET, nesta 3º edición das olimpíadas os equipos terán que crear un prototipo usando calquera placa compatible co IDE de Arduino, que achegue unha solución dentro do ODS 7 (Enerxía alcanzable e non contaminante) utilizando algún tipo de comunicación (wifi, bluetooth, etc.). Isto implica que os estudantes que participen deberán achegar proxectos que reflictan como as telecomunicións poden contribuír a garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.

Ao igual que os premios aos mellores expedientes, as olimpíadas contan tamén coa colaboración das empresas da rede ConexiónTeleco, neste caso, BorgWarner, Indra, Grupo Oesía e Televés. Ademais dos premios, 1300 euros en cada categoría, estas firmas contribúen tamén a facilitarlles aos institutos de orixe os kits de desenvolvemento para os proxectos.