DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Porase en marcha o vindeiro curso

Enxeñaría de Telecomunicación lanza un dobre máster internacional coa universidade polaca de Lodz

Poderán participar un máximo de 10 estudantes: cinco de Lodz e cinco de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/06/2024

A Universidade de Vigo incrementará o vindeiro ano a súa oferta de dobres titulacións internacionais e farao coa posta en marcha dun dobre máster que combinará o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, impartido na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e o Máster en Ciencias en Electrónica e Telecomunicación da Universidade Politécnica de Lodz, en Polonia. Así se establece nun convenio asinado este luns na sede da reitoría polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, documento rubricado previamente polo seu homónimo en Lodz, Krzysztof Jóźwik.

A sinatura do acordo prodúcese no marco da visita á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dunha delegación de docentes da Universidade de Lodz composta polo docentes Ewa Raj, Piotr Korbel e Jacek Podgórski que, conxuntamente co equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dos responsables do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, veñen traballando neste proxecto desde hai xa arredor de dous anos. 

“Para nós a sinatura deste tipo de convenios é unha inmensa alegría”, salientou tras a sinatura Reigosa, quen defendeu o “importante número de oportunidades” que supoñen estes acordos para ambas institucións asinantes e se amosou “moi orgulloso” de todos os avances acadados no eido internacional tanto desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic.

Prácticas de empresa en España e Polonia e defensa do TFM en Vigo

Segundo o acordo establecido poderán participar no programa un máximo de 10 estudantes, cinco da Universidade Politécnica de Lodz e cinco da Universidade de Vigo. “Para participar no programa as alumnas e alumnos da Universidade de Vigo teñen que superar o proceso de admisión no Máster en Enxeñería de Telecomunicación e, a partir de aí, superar un segundo proceso de selección para este máster dobre en base aos seus resultados académicos, á súa motivación e ao seu nivel de inglés”, explicou a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, que asistiu á sinatura do convenio acompañada polo profesor Manuel García Sánchez, actual coordinador do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.

O plan formativo do estudantado que participe neste programa establece que se cursarán presencialmente dous semestres en cada unha das universidades. No terceiro semestre os/as estudantes da Universidade Politécnica de Lodz realizarán prácticas de empresa en Vigo e os/as estudantes da Universidade de Vigo faranas en Lodz. Así mesmo tamén todo o estudantado matriculado neste dobre máster internacional cursará o último semestre na Universidade de Vigo, onde terán que defender o seu Traballo Fin de Máster.

Múltiples actividades paralelas

Os traballos realizados nestes dous últimos anos para a consecución do dobre máster enmárcanse dentro do proxecto ActiveD2 (Active DoubleDegree: Implementation of a Collaboration Study Model Based on Active Teaching and Learning Methods), financiado pola Axencia Polaca de Educación (NAWA) e, ao abeiro do cal, se están a levar a cabo diferentes actividades.

O pasado mes de abril, a Universidade Politécnica de Lodz invitou a profesorado das universidades coas que estableceu convenios de dobre titulación para participar nun obradoiro sobre mentorización na educación: Coaching as the innovative teaching an learning tool impartido polos adestradores profesionais Rafal Nykiel e Katarzyna Buss-Nykiel, no que participaron profesores das universidades de ECAM La Salle, en Lyon, Francia; Politécnica de Lodz, Polonia; Arts et Métiers, Burdeos, Francia; e a Universidade de Vigo, desde onde viaxaron a Lodz os docentes Manuel García Sánchez, actual coordinador do máster, e Iñigo Cuiñas.

Neste visita a Vigo os docentes da Universidade Politécnica de Lodz Ewa Raj,  Piotr Korbel e Jacek Podgórski, contan cunha apertada axenda na que ademais de asistir á sinatura do convenio na reitoría viguesa, asistirán a diferentes reunións orientadas a planificar algúns aspectos da docencia do dobre máster. Finalmente, na vindeira semana serán tres docentes da EET -Rebeca P. Díaz Redondo, directora da escola; Manuel Fernández Veiga e María Dolores Valdés Peña, ambos docentes do Máster en Enxeñería de Telecomunicación-, os que se acheguen a Lodz para seguir traballando na planificación e promoción destes estudos.