Hoxe xoves nas propias instalacións da escola e mañá venres no Verbum
Enxeñaría de Telecomunicación presume nos LPRO Days de 13 proxectos tecnolóxicos 100% desenvoltos polo alumnado
A entrega de premios aos mellores traballos correrá a cargo de destacadas empresas do sector TIC
13 proxectos tecnolóxicos desenvoltos por 66 estudantes que están a piques de titularse baixo a atenta mirada dun equipo de 17 docentes. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación saca peito esta semana do talento do seu alumnado nunha nova edición dos LPRO Days, un evento concibido a modo de feira tecnolóxica no que cada ano se dan a coñecer os proxectos desenvoltos polo alumnado que está a piques de titularse.
Cada proxecto conta cun posto onde se expón o prototipo desenvolto e no que os autores dan detalles do seu funcionamento. Hoxe xoves atenderon ao público na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e mañá venres a cita será no Verbum: pola mañá para visitas de alumnado de ensino secundario e, xa pola tarde, aberto ao conxunto da cidadanía, con visita do alcalde, Abel Caballero, e entrega de premios aos mellores traballos da man de varias empresas e institución da rede conexionTeleco: Marine Instruments, Optare Solutions, Quobis, Gradiant e CTAG.
Como cada ano os proxectos abordan unha gran variedade de temáticas, se ben, a edición deste ano confirma o uso cada vez maior da Intelixencia Artificial, algo que xa se viña producindo desde hai uns anos. O fío común, como cada edición, sempre é o mesmo: empregar as últimas tendencias tecnolóxicas para axudar á sociedade e, ao tempo, demostrar que están listas e listos para incorporarse ao mundo profesional.
Múltiples temáticas e un nexo común: a súa utilidade
Nun ir e vir constante de persoas entre os diferentes postos, un dos traballos que máis chamou a atención entre os visitantes foi Vía Plus, un sistema de detección en tempo real de fochancas en estradas mediante sensores, un sistema dotado dun servidor que amosa nun mapa a súa localización xunto cunha fotografía. “Enviaremos informes ás entidades responsables para que sexan conscientes da gravidade e realicen as reparacións con rapidez”, explican os autores, ao que engaden que o seu obxectivo é “mellorar a seguridade viaria e evitar calquera tipo de dano”.
Outro dos traballos que máis espertou a curiosidade das persoas visitantes foi Lossn’t, un dispositivo baseado na tecnoloxía RFID dirixido a que o usuario ou usuaria poida localizar os seus obxectos persoais -maletas, mochilas, maletíns...-. “Mediante unha aplicación poderá saber se o obxecto, ao que previamente engadiu un adhesivo RFID, está entrando ou saíndo do radio de acción do dispositivo”, comenta o equipo.
Hai tamén temáticas que, dada a súa importancia, se repiten todos os anos. Falamos das cuestións relacionadas cos coidados e a asistencia, sobre todo a persoas con visibilidade ou mobilidade reducida, persoas maiores, con TEA... Nesta liña sitúase ASCi, un proxecto orientado á adaptación de ascensores para a inclusión de persoas con mobilidade reducida mediante a sensorización e o uso dunha aplicación móbil; Hestia, orientado a potenciar a autonomía das persoas maiores e ofrecer tranquilidade ás súas familias, mediante recoñecemento de obxectos, detección en tempo real de caídas, xestos para solicitar axuda e integración con altofalantes intelixentes, ou Save Step, un sistema de asistencia para persoas invidentes.
A busca da utilidade social sempre está presente. Outro exemplo é Robotopo, deseñado para actuar a modo de ponte de comunicacións entre persoas atrapadas baixo cascallos e equipos de rescate durante emerxencias, ou Acuasafe, un sistema de detección temperá de afogamentos que emprega cámaras térmicas e procesado de imaxe para identificar persoas en perigo.
“O mellor é vir a ver os proxectos e os prototipos en directo”
“O mellor é vir a ver os proxectos e os prototipos en directo”, explica o profesor Manuel Caeiro, coordinador dos LPRO Days, quen fai unha chamada a toda a comunidade universitaria e ao conxunto da cidadanía a achegarse hoxe xoves pola escola -ata as 14.00 h- ou mañá venres pola tarde ao Verbum para que os equipos lles poidan explicar as súas ideas e, sobre todo, poidan pór a proba as súas creacións. “Polos comentarios de anos anteriores, garantimos unha experiencia tecnolóxica moi divertida e memorable”, recalca Caeiro.
A xornada no Verbum inclúe, a partir das 18.00 horas, o acto de clausura e entrega de premios. A apertura do acto correrá a cargo da directora da escola, Rebeca P. Díaz, e contará coa participación do alcalde Abel Caballero, e o director de atlanTTic, Martín Llamas, así como os representantes das empresas, que serán os encargado de repartir os galardóns.