DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración cos Servizos Informáticos da Biblioteca Central

Un equipo de atlanTTic consegue establecer o primeiro enlace de distribución cuántica de claves de Galicia

Conecta a EET e o Centro de Datos da UVigo e permitirá garantir a seguridade entre as comunicacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 18/11/2024

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo está traballando para conseguir empregar as propiedades da física cuántica e lograr aumentar a seguridade das comunicacións. Neste contexto, acaban de conseguir un importante fito: a primeira canle de distribución cuántica de claves de toda Galicia.  

No marco do proxecto Qursa (QUantum-based ReSistant Architectures and Techniques), empregando tecnoloxías de base como a distribución cuántica de claves (QKD, Quantum Key Distribution, en inglés) e a criptografía avanzada, lograron implementar un enlace de comunicacións QKD conectando dous puntos do campus da Universidade de Vigo: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Datos da Biblioteca Central.

Garantir a seguridade nas comunicacións

A finalidade do proxecto Qursa é tratar de axudar a establecer unha base para a modernización e integración das tecnoloxías cuánticas nas redes de comunicación convencionais. “Para facelo, empregamos os sistemas QKD que envían sinais cuánticas a través dunha fibra e, mediante un protocolo de medida e comunicación, consegue distribuír de maneira completamente segura esas claves, que o emisor e receptor poden usar para cifrar as súas mensaxes e envialas sen que ninguén as poida descifrar”, explican desde o equipo do proxecto. 

Espérase que este primeiro gran logro sirva para fomentar o avance destas tecnoloxías por parte doutras institucións, e sitúe a atlanTTic e á UVigo como referentes neste ámbito.

Financiado polo Ministerio de Ciencia

O equipo de investigación de Qursa está formado polos investigadores principais e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, e complétano a investigadora Rebeca P. Díaz Redondo e os investigadores contratados Mateo Blanco Rodríguez e David Pérez Castro. Durante todo o proceso contaron co apoio dos Servizos Informáticos da Biblioteca Central da UVigo, e especialmente de Miguel Polo. 

O proxecto Qursa botou a andar en xaneiro de 2023 financiado polo Programa de Transición Ecolóxica e Dixital do Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN). Coordinado desde a Universidade de Vigo por atlanTTic, desenvólvese en colaboración co Instituto Leonardo Torres Quevedo do CSIC e a Universidade Carlos III de Madrid.