Arredor de 40 estudantes do campus participan no proxecto
O equipo Auria Technologies competirá no circuíto de Silverstone coa súa proposta de condución autónoma
Representarán a Galicia na Formula Student UK na categoría de intelixencia artificial
O equipo Auria Technologies, formado por case 40 estudantes de diferentes titulacións do campus de Ourense, prepárase para a súa participación do 15 a 19 de xullo na Formula Student UK-Artificial Intelligence (FSUK-AI). Elas e eles serán os representantes galegos nesta competición internacional universitaria de intelixencia artificial celebrada no circuíto de Silverstone e na que universidades de diferentes partes do mundo compiten coas súas propostas de condución autónoma de coches eléctricos, propostas deseñadas e programados por estudantes aplicando intelixencia artificial.
Concretamente, este curso académico son 39 as e os integrantes do equipo, dos que 18 asistirán presencialmente á competición en Reino Unido. Son estudantes das titulacións da UVigo de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática (ambas da Escola Superior de Enxeñaría Informática), Enxeñaría Aeroespacial (da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) e de Turismo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo). A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Universidade de Vigo, o Cesga, IPG, OnShape, Aerolab e o Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial. “Somos unha asociación estudantil sen ánimo de lucro nacida en Galicia cunha misión clara: fomentar o talento novo en intelixencia artificial. O noso equipo está formado por estudantes universitarios con formación técnica que, ademais de estudar, dedicamos o noso tempo a desenvolver proxectos de software impulsado por intelixencia artificial que teñan un impacto real, que poidan ter unha utilidade día a día na sociedade”, explican desde Auria Technologies.
Deseñar, programar e competir
O reto que afrontan coa súa participación na FSUK-AI é deseñar, programar e facer competir un coche autónomo sen condutor, 100% xestionado mediante intelixencia artificial. Nesta modalidade os equipos non fabrican os vehículos, o coche base proporciónao a organización e a partir de aí, sinalan desde Auria, “nós traballamos sobre distintos aspectos como o desenvolvemento do software, a electrónica e tamén unha plataforma física de sensores que se incorpora ao vehículo da competición”. Este ano competirán en Reino Unido con 38 equipos de universidades de diferentes partes do mundo, desde Estados Unidos a Turquía. Ademais da representación ourensá, de España participarán equipos das universidades de País Vasco, Pontificia Comiñas e Madrid. “Esta é unha oportunidade única para representar a Galicia nunha contorna de excelencia tecnolóxica”, afirman desde Auria Technologies.
Ao igual que na Formula Student xeral, na categoría de Intelixencia Artificial na que participa o equipo da UVigo as e os participantes deberán superar dous tipos de probas. As primeiras serán probas estáticas, nas que se avalía o traballo teórico e de enxeñaría (o deseño do sistema autónomo, o plan de negocio e a aplicación real da condución autónoma). “Aquí valórase como o equipo xustifica as súas decisións técnicas e o potencial real do sistema”, comentan desde Auria Technologies. A segunda fase de probas son as dinámicas (en pista), similares ás de Formula Student tradicional pero sen piloto e consisten en acelerar en liña recta, curvas en forma de 8, volta rápida en circuíto e proba longa de resistencia.
O equipo ourensán traballa desde inicios de curso no proxecto, organizados en cinco departamentos. O departamento de hardware é o encargado do deseño do chasis e da estrutura do vehículo, asegurando a súa resistencia e adecuación aos requisitos da competición. Tamén se encarga do cableado dos vehículos de probas e da impresión 3D de pezas necesarias para a ensamblaxe do chasis. O departamento de software é o encargado de desenvolver, probar e manter os sistemas que permiten a condución automatizada e colabora na integración de sensores e algoritmos de intelixencia artificial. “O seu traballo garante que o vehículo opere de forma eficiente, segura e conforme á normativa vixente”, sinalan as e os estudantes. Pola súa banda, o departamento de probas estáticas elabora e presenta o marco teórico da competición de coches autónomos e o plan de negocios sostible. Igualmente é o encargado da presentación e defensa das decisións técnicas tomadas á hora de desenvolver ou probar o seu sistema de condución autónoma. O equipo tamén conta cun departamento de recursos humanos (que xestiona e apoia en tarefas de desenvolvemento web e na realización de documentos) e un departamento de mercadotecnia, encargado da preparación de publicacións en redes sociais e da xestión do contacto con patrocinadores, fortalecendo a visibilidade e financiamento do equipo.
Segundo ano
Esta será a segunda ocasión na que Auria Technologies compita en FSUK-AI. O ano pasado fíxoo por primeira vez cun equipo integrado por 27 estudantes. Na súa primeira experiencia competindo conseguiron completar con éxito boa parte dos retos propostos e alcanzaron a 19ª posición na clasificación final. Más alá do resultado concreto, a participación “supuxo un importante fito para Auria Technologies” e sentou as bases dun proxecto que agora continúa consolidándose e medrando e que ten como principal reto a formación do alumnado ao longo do curso mediante a participación nun proxecto aplicado e real deste tipo.
