DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do primeiro ouro para a institución viguesa nun torneo de deportes colectivos 

O equipo de balonmán feminino proclámase campión de España universitario

Derrotaron na final á anfitrioa, a Universitat de Valencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 05/04/2019

Nun torneo no que non partían como favoritas e no que debían medirse a equipos que contaban nas súas filas con xogadoras de División de Honra, as 14 alumnas que integran o equipo de balonmán feminino da Universidade de Vigo lograron en Valencia o primeiro Campionato de España Universitario que a institución académica acada en deportes colectivos. No torneo celebrado esta semana en Valencia, o conxunto adestrado por Iago Rivas e Jesús Veiga e integrado por dez estudantes do campus de Pontevedra e catro do campus de Vigo lograba a medalla de ouro nunha disputada final contra a anfitrioa e unha das favoritas do torneo, a Universitat de Valencia, despois de superar con tres vitorias a fase de grupos, na que se mediu coas universidades de Granada, Alacante e Jaume I. 

O equipo da Universidade de Vigo iniciou a súa participación neste Campionato de España cunha axustada vitoria por 37-36 fronte á Universitat Jaume I, para logo vencer a Universitat de Barcelona por 34-21 e xogarse o pase á final fronte a Granada, unha das favoritas a alzarse co trofeo. As xogadoras da Universidade de Vigo lograron neste encontro unha nova vitoria, por 26-22, que as levaba invictas á final, fronte a outra das favoritas, Valencia, á que superaron por 23-26. “Moitas participaramos en campionatos de España, con seleccións ou cos nosos clubs, pero para a maioría era a nosa primeira final”, salienta Laura Rúa, estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e unha das capitanas deste equipo, do que destaca a implicación de todas as integrantes, “tanto das sete que estaban no campo, como dos adestradores e das compañeiras que desde o banco non paraban de animar”, nun torneo que, recoñece, “foi moi difícil, desde o primeiro partido ata o último”. 

O valor do bloque

Como un “feito histórico” destacaban desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade o acadado polo equipo universitario nun torneo no que “os equipos tiñan un nivel moi alto”, como salienta o técnico da área Alfonso Bascoy, quen acompañou aos equipos femininos e masculino de balonmán cos que a Universidade  competiu nos Campionatos de España Universitarios que nestas semanas se desenvolven na Comunidade Valenciana. “Traballaron moito, tiveron un gran comportamento, a verdade é que foi un orgullo acompañalas”, subliña dun grupo integrado por xogadoras do Seis do Nadal, Balonmán Cañiza, AD Carballal, SAR de Redondela, Balonmán Lalín e Asmubal Meaño. 

Tamara Seijas, Carla Abad, Mónica Sineiro, María Peixegueiro, Xeila Fervenza, Sara Carril, Lara Patiño, Covadonga López, Carmen García, Inés López, Alba Corredoira, Carla Caride, Laura Carracedo e Laura Rúa son, xunto a Bascoy, Bruno López, Jesús Veiga, Félix Ángel Mojón e Iago Rivas as e os artífices dunha medalla de ouro que coinciden en atribuír ao bo traballo dun bloque que, para chegar a este ouro, lograra primeiro o ouro no Campionato Galego de Deportes Colectivos celebrado en Lugo e logo o pase á fase final do torneo estatal no Campionato Inter Autonómico celebrado en Pontevedra o 12 de marzo. “O torneo foi moi complicado e o que destaco deste grupo é o seu compromiso e o carácter que sacaron en todos os partidos, sabíamos que necesitabamos defender moi forte e correr moito para poder obter estes resultados”, salienta Iago García, un dos adestradores do equipo xunto con Jesús Veiga, que explica así mesmo que “buscamos un sistema defensivo que puidera provocar erros no rival e que funcionou nos momentos claves dos partidos”.

Deste xeito, o equipo vigués foi quen de dobregar a rivais que partían como favoritos como Granada ou Valencia, como destaca tamén Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, que colaborou coa institución académica na selección de xogadoras e do equipo técnico dun grupo que, “a nivel individual ou físico podía ser un pouco máis limitado que o de outras universidades, pero que foi medrando pouco a pouco”, nun torneo no que se mediu “contra xogadoras que están competindo en División de Prata ou mesmo en División de Honra”. Como un éxito “moi importante para o balonmán galego” cualifica López o éxito colleitado por este grupo de xogadoras, da que salienta tamén a súa implicación, exemplificada en situacións como o feito de que Lara Patiño “xogase os últimos 15 minutos da final cunha fractura na súa boneca”. 

Balonmán masculino e baloncesto feminino caen na primeira fase

A Universidade de Vigo tamén estivo representada na fase final dos Campionatos de España de balonmán masculino, onde o equipo integrado por estudantes dos tres campus non puido superar a primeira fase. A pesares de ofrecer como salienta López “unha moi boa imaxe” no torneo, este grupo lastrado polas “baixas de última hora” perdeu na primeira xornada ante Alacante por 29-31, para logo caer de fronte a Salamanca  por 27-34 e pechar a súa participación no torneo cunha derrota, por 29-20, diante do que logo sería o campión, Granada.

Por outra banda, tampouco puido loitar polas medallas o equipo de baloncesto feminino que nestes días participou no campionato celebrado en Elche. Nun torneo no que a vitoria foi para a UCAM de Murcia, as xogadoras da Universidade de Vigo caeron nos seus enfrontamento con Autónoma de Barcelona (68-74), Miguel Hernández (46-57) e Granada (47-53)