DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto desenvolvido ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Un equipo do campus deseña unha ferramenta para identificar as barreiras que limitan a práctica de actividade física en mulleres

Ante a ausencia de cuestionarios deseñados especificamente para a poboación feminina

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/05/2026

Investigadoras e investigadores do grupo WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, deseñaron e validaron unha ferramenta psicométrica dirixida a identificar as barreiras que experimentan as mulleres á hora de practicar actividade física. Nun proxecto desenvolvido ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, o equipo investigador deseñou e puxo a proba un cuestionario dirixido a avaliar unha serie de “cuestións específicas” da poboación feminina ou que afectan “de forma diferencial” ás mulleres, así como aspectos relativos “ao contexto social actual, como a influencia das redes sociais”, explica a profesora Silvia Varela, investigadora principal do proxecto.

Desenvolvido ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación da cátedra que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o resultado do proxecto Validación dun cuestionario de barreiras á actividade física en mulleres con perspectiva dixital e de xénero foi a “ferramenta multidimensional” MuBAF. Xurdido da ausencia de cuestionarios deseñados especificamente para a poboación feminina, este proxecto buscaba da resposta “a necesidades sociais e de igualdade amplamente documentadas”, como sinala Varela. Nomeadamente, a investigadora fai referencia á “menor práctica deportiva entre as mulleres”, ao “impacto dos roles de xénero” á hora de participar en actividades deportivas ou á “presenza crecente de barreiras vinculadas ás redes sociais”, así como a “persistencia de situacións de inseguridade ou exposición pública que poden condicionar a adherencia e, polo tanto, a práctica regular de actividade física”. 

Nese senso, Varela subliña que a identificación deste tipo de barreiras “achega información útil tanto aos profesionais do ámbito deportivo como ás institucións”, de tal xeito que os datos obtidos con esta ferramenta permitirán “deseñar accións de promoción da actividade física, tendo en conta a perspectiva de xénero”.

Unha “ferramenta útil” para a promoción da actividade física

Xunto a Varela, as e os integrantes do grupo WellMove Carlos Ayán, María Rocío Carballo, Adriano Sánchez e Nerea Blanco formaron parte do equipo responsable dun traballo que partía a súa vez de investigacións previas que deron lugar á publicación de dous artigos científicos ao longo de 2025. Nun deles, presentaban os dunha revisión sobre os cuestionarios existentes para a detección de barreiras á actividade física, mentres que o outro abordaba a súa detección en mulleres con endometriose. Estes traballos permitiron detectar que, se ben “existen varias ferramentas para detectar a barreiras na poboación xeral, só un número moi limitado foi validado en mulleres” e ningunha fora “deseñada exclusivamente para esta poboación”.

Isto, subliña Varela, fai que “certas realidades” que afectan de forma específica ás mulleres “non foran consideradas”, como “a dor, fatiga ou medo” asociados a etapas como o embarazo ou menopausa, ao ciclo menstrual ou a outras situacións xinecolóxicas. Estruturado en 25 preguntas, con cinco opcións de resposta relativas ao grao de acordo ou desacordo respecto da afirmación proposta, MuBAF aborda de forma específica estas cuestións, xunto con factores como “o efecto da carga de coidados” que, se ben non son exclusivos da poboación feminina, si “recae maioritariamente sobre elas”. O cuestionario aborda tamén aspectos que “poderían ser aplicables a ambos xéneros, como a falta de tempo, a proximidade ás instalacións deportivas ou contar con compañía para a práctica de exercicio físico. Ao mesmo tempo, inclúe tamén “dimensións inéditas noutros instrumentos”, como as referidas a inseguridade, a exposición pública ou relacionados coa “influencia das redes sociais, a presenza de referentes deportivos ou a presión por determinados modelos corporais idealizados”. 

Primeira detección de barreiras 

Co obxectivo de comprobar a súa fiabilidade, realizouse unha primeira recollida de datos, coa participación de 105 mulleres de diferentes idades e de distintas localidades da Pontevedra, entre as que se atopaban 55 estudantes de diferentes niveis e 50 traballadoras, desempregadas e xubiladas. Ademais, 48 destas mulleres repetiron o cuestionario nas dúas semanas seguintes, co propósito de comprobar a fiabilidade dunha ferramenta que se amosou “moi estable e precisa”.

Aínda que, como recoñece Varela, os datos obtidos non poden extrapolarse ao conxunto das mulleres da provincia, si achegan unha “información valiosa” que permite “identificar certas tendencias e orientar futuras investigacións”. Nese senso, entre as principais barreiras detectadas destacan cuestións como a “inseguridade para facer exercicio soa nalgúns espazos”, salientada por preto do 70% das participantes, ou que os síntomas relacionados co ciclo menstrual dificultan a práctica de exercicio, afirmación coa que se amosaron de acordo ou moi de acordo o 55% das participantes. Outros factores destacados, explica, foron a “dificultade para manter a motivación”, sentir que o seu corpo “será xulgado polo seu aspecto” mentres realizan actividade física e a “percepción de que as mulleres son máis observadas e reciben máis comentarios negativos a facer exercicio público”. 

Trátase, subliña o que equipo investigador, de barreiras cunha “forte dimensión de xénero” que “parecen afectar máis” ás mulleres máis novas. “Os datos obtidos permiten empezar a identificar que factores poden estar influíndo na práctica de actividade física en mulleres e os perfís nos que estes factores poden ter maior influencia”, salienta Varela, que explica tamén que o obxectivo é seguir traballando con esta ferramenta, co propósito de levala a unha “mostra máis diversa e representativa”.