DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participaron 12 centros e 48 estudantes de Educación Secundaria

O equipo do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña gaña a III Olimpíada Galega de Historia

A competición celebrouse de xeito virtual debido á pandemia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 29/05/2020

Co lema “a pandemia non nos para”, 12 equipos, formados por 48 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia e 12 titores e titoras, competiron este venres na III Olimpíada Galega de Historia, organizada pola Facultade de Historia do campus de Ourense. O equipo gañador da olimpíada, que se desenvolveu de xeito virtual debido á pandemia, foi o Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña. Moi satisfeitos cos resultados acadados, desde a súa organización destacan como a cita se desenvolveu “case sen incidencias, que se resolveron sen problema, cun moi bo ambiente de competición e cun nivel alto por parte dos estudantes”.

Do presencial ao virtual

Na benvida ás e aos participantes, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, deu os seus parabéns e agradecemento a organizadores e participantes. O responsable académico salientou como esta olimpíada é unha iniciativa dunha facultade que “foi quen de irse adaptando e de conseguir os maiores éxitos nas diferentes crises”. “É importante que a sociedade galega sexa consciente deste piar que temos na Facultade de Historia, que está a facer moitas cousas ben en docencia, en investigación e en desenvolvemento”, recalcou. Por este motivo, o reitor animou ao alumnado interesado en estudar Historia a escoller este centro, indicándolle que “atoparedes un ambiente excelente nesta facultade, con persoas que están moi comprometidas co seu traballo”.

Durante o seu discurso, Manuel Reigosa tamén salientou o feito de que esta competición se puidese trasladar do formato presencial ao virtual aproveitando as ferramentas da UVigo. “Como institución estamos satisfeitos de como pasamos este momento complexo de adaptación e de como co esforzo coordinado de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos estamos a ter un éxito creo que notable neste curso”, dixo o reitor en referencia á adaptación da educación á crise da COVID-19. “Eu creo que esta capacidade de adaptación que amosamos todos vainos a servir no futuro para facer as cousas moito mellor”, afirmou. 

Pola súa banda, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, lembrou como a crise da COVID-19 arrancou cando estaba aberto o prazo de inscrición para a olimpíada. “Nun primeiro momento valoramos a súa suspensión, pero vimos outra posibilidade, a de utilizar as ferramentas tecnolóxicas que a UVigo, dun xeito tan rápido e eficaz, puxo a disposición dos centros para rematar o curso con éxito”, comentou a decana. Estas ferramentas do Campus Remoto e UVigo TV e o apoio da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e do profesorado e equipo decanal do centro, indicou Reboreda, permitiron finalmente a celebración da cita. A estes agradecementos a decana sumou os dados aos estudantes e titores participantes, aos que recalcou como “vós sodes os e as protagonistas desta olimpíada, a razón deste evento”, salientando como “a pesar das dificultades que tanto o profesorado como o alumnado estades a pasar, decidistes unirvos a este proxecto, tan innovador como arriscado”.

Tres horas de competición

Os 12 centros educativos participantes na III Olimpíada Galega de Historia foron os IES Illa de Ons de Bueu, Santa Irene de Vigo, Lagoa de Antela de Xinzo de Limia,  Monte das Moas da Coruña, A Cachada de Boiro, Ramón Otero Pedrayo de Ourense, Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra e os CPR Santiago Apóstol de Soutomaior, Colexio Alba de Vigo, Maristas Santa María de Ourense, Calasanz Padres Escolapios da Coruña e Divina Pastora Franciscanas de Ourense. A través da plataforma Kahoot, as e os estudantes competiron durante tres horas en diferentes rondas de pregunta-resposta sobre os contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º curso de Educación Secundaria, desenvolvéndose a competición con normalidade. Á final chegaron os equipos Santa Irene de Vigo e Calasanz Padres Escolapios da Coruña, impoñéndose na final Calasanz Padres Escolapios da Coruña. En terceiro lugar quedou o centro Ramón Otero Pedrayo de Ourense e en cuarto posto o Illa de Ons de Bueu. As e os gañadores, tanto os estudantes como os titores e titoras, recibirán diferentes agasallos grazas ás entidades colaboradoras, que nesta edición foron o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e o concello e deputación de Ourense, ademais de empresas como Coren, Grupo Cuevas, Editorial Galaxia e Caldaria.