DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do grupo operativo Multi-Forest, que desenvolvía este xoves o seu evento de peche

Un equipo da EE Forestal constata en Baroña os beneficios dunha “xestión multifuncional” do monte

O grupo Hydro-Forest desenvolveu unha ferramenta de apoio para a diversificación de usos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/09/2026

Avanzar cara modelos de xestión forestal “máis sostibles, resilientes e multifucionais” era o obxectivo central do grupo operativo Multi-Forest, do que forma parte o grupo de investigación Hydro-Forest, da Universidade de Vigo. O traballo dos investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal centrouse tanto no desenvolvemento dunha ferramenta de avaliación do estado da biodiversidade dos sistemas forestais, como na análise da viabilidade económica e dos beneficios sociais e ambientais dunha xestión diversificada. O seu traballo tivo como obxecto de estudo a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (O Porto do Son), outro dos socios deste proxecto, que completan a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e a asociación promotora da certificación forestal PEFC Galicia.

A Casa Forestal desta comunidade de montes acollía este xoves o evento de presentación de resultados dunha iniciativa que levou ao equipo da UVigo a confirmar a viabilidade económica do modelo de “xestión multifuncional” desta comunidade de montes. Nese senso, no marco do proxecto desenvolvéronse iniciativas orientadas a esa diversificación de usos, como plantacións de arandos, que se sumaban a outras propostas xa existentes, como a presenza de gando en extensivo, pastos ou colmeas. Gabriel Santos, de Feuga; Ovidio Queiruga, da CMVMC de Baroña; Elsa Grille de PEFC Galicia, e Xana Álvarez, investigadora principal do grupo Hydro-Forest foron as e os encargados de debullar nesta xornada os diferentes traballos realizados ao longo dos últimos tres anos no marco deste proxecto. 

Multi-Forest (Multifuncionalidade e valorización integral do monte a través da certificación da cadea de custodia) é un proxecto financiado polas axudas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea de Inovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027. Como destacan desde o grupo Hydro-Forest, esta iniciativa tiña como obxectivo “dar resposta a algúns dos principais retos dos montes galegos, como a necesidade de diversificar as producións forestais, mellorar a toma de decisións na xestión e buscar novas oportunidades de aproveitamento en terreos con baixa produtividade”. Ao mesmo tempo, as iniciativas desenvolvidas polos diferentes socios buscaban tamén “incrementar o valor dos produtos e servizos procedentes dunha xestión sostible e demostrar que é posible compatibilizar diferentes usos e aproveitamentos do monte coa conservación dos seus valores ambientais e coa xeración de actividade e valor no territorio”. 

Orientar a planificación a partir de imaxes por satélite

Como explica a investigadora Elena Seoane, o primeiro labor do grupo Hydro-Forest centrouse no desenvolvemento dunha “ferramenta que permite avaliar o estado da biodiversidade dos sistemas forestais e obter información útil para a toma de decisións sobre a súa conservación e mellora”. A través de imaxes satelitais e de modelización espacial, o equipo investigador puido analizar a evolución e os cambios no uso do solo tanto nos montes xestionados pola CMVMC de Baroña como da súa contorna, o que permitía á súa vez obter información para a toma de decisións sobre “a diversificación do monte e a posta en marcha de novos usos”. 

"Para nós, Baroña foi un laboratorio vivo", recoñecía Xana Álvarez na presentación deste xoves, na que incidiu en que este grupo operativo permitiulles "aplicar as tecnoloxías coas que nós traballamos para ter unha información de grandes superficies de terreo dunha forma máis simplificada e que iso facilite a toma de decisións", xa que se trata de ferramentas que permiten "identificar as necesidades de cada zona". 

Neste caso, o traballo desenvolvido permitiu a introdución dunha plantación de 250 arandeiras adultas. A esta iniciativa sumouse o traballo desenvolvido para certificar a cadea de custodia da carne de cabalo e do mel producido en Baroña, obtendo ambos o selo de xestión forestal sostible PEFC, nunha iniciativa pioneira. 

Esta análise permitiu avaliar tamén a evolución na cobertura do solo dos montes de Baroña entre 2015 e 2024, un período no que, explica Seoane, aumentou a superficie forestal nos terreos xestionados pola comunidade de montes, “con maior presenza de coníferas e unha lixeira recuperación de frondosas autóctonas”. Estes traballos amosaron ademais que as masas forestais desta comunidade de montes permitiron almacenar 182.064 toneladas de carbono procedente da atmosfera, pondo de relevo a importancia do monte “para contribuír á mitigación do cambio climático”. 

Beneficios económicos, sociais e ambientais

O grupo Hydro-Forest buscou así mesmo estudar a viabilidade económica do modelo de xestión multifuncional desta comunidade de montes, así como coñecer “o valor dos diferentes beneficios que proporciona o monte”. Para iso, analizouse o valor económico tanto de servizos ecosistémicos relacionados con aproveitamentos produtivos, como daqueles “beneficios ambientais e culturais que non sempre teñen un valor económico directo”, apunta Seoane. Ao mesmo tempo, analizouse a rendibilidade a longo prazo das actividades desenvolvidas pola comunidade de montes, co obxectivo de “comprobar se a diversificación dos aproveitamentos” contribúe a unha “maior estabilidade económica do modelo de xestión”. Este traballo buscaba cuantificar os beneficios que achegan á sociedade servizos ecosistémicos que non teñen unha cuantificación económica e, de feito, os resultados desta análise sitúan o abastecemento de auga e o almacenamento de carbono como os que xeran “maiores valores económicos”. 

Do mesmo xeito, levouse a cabo unha análise de custo-beneficio das actividades da CMVMC de Baroña, que “confirmou a viabilidade económica do modelo de xestión multifuncional, cun valor actual neto positivo de 565.680 euros e unha taxa interna de retorno do 4%. "Queríamos facer unha estimación real do que achega Baroña co seu modelo de xestión", engadiu Álvarez, quen resaltou que esta análise amosa que é "un proxecto rendible, cunha gran diversificación de ingresos".