Financiado polo Ministerio de Ciencia, o proxecto do grupo Hidro-Forest céntrase na acacia
Un equipo da EE Forestal desenvolve ferramentas coas que prever a evolución das especies arbóreas invasoras
Avaliará tamén, desde a perspectiva da xestión integrada, o seu aproveitamento enerxético
No marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, un equipo de investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía que, a partir de imaxes de satélite e de tecnoloxía LiDAR, permita identificar e cuantificar a extensión masas arbóreas de especies invasoras como a acacia, que poden causar graves danos ecolóxicos. O grupo de investigación Hidro-Forest, creado neste 2024, é o responsable do proxecto Acacia-Sat, que comprende tamén o desenvolvemento “dun modelo preditivo baseado na aprendizaxe automática”, que permita, explican, estimar a evolución futura das masas de acacia.
Seleccionado na convocatoria de 2022 de axudas a Proyectos de Generación de Conocimiento, o proxecto Sinergias de Sentinel, LiDAR y bioenergía en la conservación de espacios protegidos: detección, estimación y gestión de residuos de Acacia (Acacia-Sat) ten como investigadora principal á responsable do grupo Hidro-Forest, Xana Álvarez. O seu obxectivo, explica, “é mellorar o coñecemento da aplicación de tecnoloxías LiDAR e imaxes de satélite para a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos nas áreas protexidas”, tendo en conta que as especies exóticas invasoras son, xunto o cambio climático, “as principais ameazas que enfronta a biodiversidade”.
Unha metodoloxía innovadora
No marco dun proxecto que se estenderá ata 2026, o grupo Hidro-Forest buscará comprobar a viabilidade dunha “metodoloxía única e innovadora para detectar especies exóticas invasoras”, así como para cuantificar aspectos como o volume de madeira ou a altura e diámetro das árbores. A investigación centrarase en dúas especies de acacia (A. dealbata e A. melanoxylon), por ser as máis estendidas nas áreas piloto do proxecto, o Parque Natural das Fragas do Eume e o Lugar de Importancia Comunitaria da Serra do Cando.
Como apunta Álvarez, a selección destas áreas de estudo permitirá comparar “os resultados obtidos coa verdade-terreo”, mais a idea é que “estas ferramentas poidan utilizarse en amplas zonas do territorio coa mesma problemática”. De feito, os primeiros traballos leváronse a cabo recentemente nas illas Cíes e Ons, coa colaboración do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Prever a evolución de especies con alta adaptabilidade
Outro dos eixes do proxecto é o desenvolvemento dun modelo preditivo, nun marco temporal que abrangue ata 2050, dirixido a coñecer “como se distribuirá a acacia ao longo do territorio”, tendo en conta e “diferentes escenarios climáticos”. Este modelo, explica Álvarez, buscará tamén avaliar como esta evolución podería afectar “á conectividade ecolóxica en espazos protexidos”, tendo en conta ademais a “alta adaptabilidade” e a “rápida taxa de crecemento” destas especies. Isto permitiría á súa vez “avaliar as posibles medidas de mitigación e control da distribución da acacia no medio-longo prazo, de forma que sirva como unha ferramenta que axude aos xestores a tomar as mellores decisións”. De feito, outro dos obxectivos do proxecto é a transferencia dos resultados obtidos “para a súa integración nos sistemas de decisións e para a sensibilización da sociedade”.
Valorización enerxética
Co obxectivo de contribuír a unha “xestión integral” destas especies invasoras, outra das liñas de traballo do proxecto estará centrada no estudo do potencial enerxético da acacia. Concretamente, o catedrático Luis Ortiz encargarase de avaliar a posibilidade de empregar os residuos forestais resultantes da xestión desas masas para a xeración de biocombustibles, tanto pélets ou briquetas, como carbón vexetal ou biochar, liña na que contará coa colaboración do investigador Óscar González.
Xunto Álvarez, Ortiz e González, Acacia-Sat conta tamén coa participación dos investigadores da EE Forestal Carolina Acuña, Pedro Lago, Mario García, Carlos Peco, Diego Barba, Elena Seoane, Antonio Vidal, Sofía Villar e Juan Luis Rodríguez.