DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo deste curso, o alumnado encargouse do seu deseño, fabricación e ensamblaxe

O equipo estudantil UVigo Aerotech competirá en Alemaña coa súa nova aeronave Flamingus

Participará na Air Cargo Challenge, competición interuniversitaria referente en aeronáutica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/05/2026

Un ano máis, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo UVigo Aerotech, formado principalmente por alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, participará en Alemaña na Air Cargo Challenge. Trátase dunha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa. Nela competirán coa súa aeronave Flamingus, un dron de á fixa resultado de todo un curso académico de formación e traballo colectivo.  

Na Air Cargo Challenge 2026, que terá lugar en Stuttgart do 30 de xuño ao 3 de xullo, participarán arredor de 34 equipos universitarios de 20 países. Os equipos serán valorados polas probas de voo, a inspección técnica da súa aeronave e a enxeñaría detrás do deseño, tendo que completar un circuíto transportando unha determinada carga. “Somos o único equipo galego no aeromodelismo estudantil e non podemos estar máis orgullosos de representar a nosa terra, Galicia, nesta competición”, sinalan desde UVigo Aerotech. 

A participación na Air Cargo Challenge é un dos proxectos que realiza o alumnado que forma parte de UVigo Aerotech. Baixo o nome de Aine, neste proxecto participan 18 estudantes, maioritariamente do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, pero tamén hai membros do Grao de Enxeñaría Mecánica, da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. O traballo de Aine céntrase en “deseñar, simular, fabricar e construír drones de á fixa para competicións estatais e internacionais”. Este curso académico, froito do seu traballo nace Flamingus, unha aeronave bimotor de 1,9 metros de envergadura e 1,43 metros de lonxitude co que competirán en Alemaña. “Fómonos superando ano tras ano, nas competicións nas que participamos, e estamos seguros de que este ano non vai a ser menos. A grande implementación de novidades tecnolóxicas propias en Flamingus fainos soñar ao grande. Estamos no mellor momento da historia de UVigo Aerotech e se todo sae segundo o esperado, poderiamos dicir que se trataría da mellor participación feita por nós nesta competición”, apuntan desde o equipo de aeromodelismo da UVigo.

Culminando un curso de traballo colectivo

O traballo de Aine organízase en tres departamentos que traballan de xeito coordinado ao longo de todo o curso académico en instalacións do campus de Ourense e que dan continuidade ao traballo realizado en cursos pasados. Neste senso, alén dos resultados concretos que poida obter en competicións, a iniciativa enfócase a que o alumnado se forme participando nun proxecto de enxeñaría aeronáutica real. No primeiro departamento, o de Aerodinámica, o alumnado participante encárgase de deseñar a xeometría da aeronave Flamingus, especialmente a da á, para que as características aerodinámicas sexan capaces de satisfacer as actuacións e o desempeño requiridos pola competición. O seu traballo comezou por unha análise preliminar na que realizaron estimacións baseadas en datos empíricos de aeronaves existentes da mesma categoría. Unha vez obtida a primeira estimación da área alar necesaria pasouse á elección do perfil ou perfís alares óptimos para o deseño. Finalmente, comezaron un proceso iterativo de deseño de ás co perfil alar escollido e usando como punto de partida a área alar dos cálculos preliminares. Ao longo deste proceso este grupo realiza diversas tarefas de forma paralela, como o dimensionado de superficies sustentadoras (flaps) ou a incorporación de elementos aerodinámicos (wingtips). Ademais realiza optimizacións posteriores para mellorar a eficiencia (menos resistencia). 

Pola súa banda, o departamento de Propulsión e Control encárgase de deseñar e optimizar o sistema propulsivo das aeronaves, neste caso de Flamingus, así como os sistemas de control que aseguran a súa maniobrabilidade e estabilidade no aire. “Alcanzáronse distintos fitos durante o deseño dos mecanismos de actuación, o circuíto de electrónica e a planta propulsora da aeronave desde o comezo do deseño en setembro”, apuntan desde Aine. Neste senso, detallan, “contamos coa implementación dun tren retráctil accionado mediante un sistema mecánico de piñón-cremalleira, mecanismos de superficies de control integrados completamente dentro das superficies aerodinámicas da empenaxe”. Ademais, engade o alumnado, “a planta propulsora foi optimizada, mediante a elaboración dun modelo matemático propio da función que rexe a puntuación, con obxecto de obter a máxima puntuación posible na competición”. O dron tamén contará cun sistema de estabilización activo de axuda ao piloto. 

Por último, o departamento de Estruturas e Dinámica do proxecto encárgase de deseñar e simular a estrutura interna de Flamingus, así como posicionar os trens de aterraxe. Este grupo tamén fai informes de deseño e fabricación (tomando decisións como os métodos de fabricación e os materiais a utilizar na construción da aeronave) e encárgase do deseño propio do tren de aterraxe (non é comercial), adaptándoo para o mecanismo do tren retráctil. Os tres departamentos traballan agora no remate da aeronave que competirá en Alemaña. 

Á hora de poder desenvolver todo este traballo, desde UVigo Aerotech agradecen e poñen en valor o apoio recibido e a confianza depositada por todas e cada unha das entidades patrocinadoras, tanto empresas como institucións públicas. “Sen elas, absolutamente nada disto sería posible. Grazas”, sinalan. Entre estas entidades están, entre outras e ademais da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Marine Instruments, a Axencia Galega de Innovación (Gain), attlanTTic, Aeromedia e o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC).