DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encabezado polo profesor da UVigo Victoriano Nodar

Un equipo da Facultade de Historia participa nun proxecto de estudo e catalogación dos fondos medievais do Museo Colexiata de Sar

Examinan esculturas e lápidas e inscricións procedentes de antigos enterramentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 04/11/2026

O Museo Colexiata de Sar (MuSar), en Santiago de Compostela, leva varios meses desenvolvendo un amplo proxecto coa participación dun equipo da Universidade de Vigo de estudo e catalogación de todas as súas pezas de orixe medieval. En concreto, estase traballando coas diferentes pezas que, procedentes do antigo prioridado medieval, estaban almacenadas e diseminadas en diferentes espazos da colexiata.

Participan da UVigo os profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense Victoriano Nodar (co-director do proxecto xunto ao historiador Ramón Yzquierdo), Francisco Javier Pérez Rodríguez e Alejandro Campos, este último alumno do Programa de Doutorado Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural, coordinado pola UVigo. A investigación está financiada polas axudas destinadas a centros museísticos 2026 da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e desenvólvese no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. 

Renovando a catalogación

Segundo explican os seus responsables, no proxecto “estase a examinar toda a escultura medieval que foi descuberta nos distintos traballos de restauración e repavimentación do edificio, así como as lápidas e inscricións procedentes de antigos enterramentos”. En paralelo, desenvólvese un estudo de todos os documentos procedentes de Santa María de Sar, e que actualmente atópanse depositados no Arquivo Diocesano. “Tras un proceso de selección e análise dos documentos, procedeuse ao escaneado dos exemplares pertencentes aos séculos medievais, anovando a súa catalogación mediante un método no que, en fichas, se recollen as transcricións e un comentario sobre as características da documentación e o seu contexto histórico e documental”, detallan o equipo. Entre eles atópanse, tal e como sinalan, “verdadeiras xoias documentais, algunha do século IX, e que son testemuña da importancia histórica de Santa María de Sar no conxunto da historia de Compostela”. No que se refire á epigrafía, os investigadores sinalan que “este traballo está permitindo dispoñer dunha ferramenta útil para aportar novos datos sobre laudas funerarias, sartegos e inscricións, algunhas non detectadas ata o de agora”.

O estudo ocúpase de tres das coleccións máis significativas do museo: a colección documental, estudada polo profesor Francisco Javier Pérez Rodríguez; a colección de lápidas e sartegos medievais, estudada polo experto epigrafista Álvaro Castresana López; e a colección de escultura románica e gótica, estudada polo profesor Victoriano Nodar e por Alejandro Campos.

As acción realizadas, sinalan desde a organización, “encádranse nun traballo maior de renovación do proxecto museístico e actualización da colección permanente do Museo Colexiata de Sar (MuSar) e servirá de apoio a futuras accións de actualización e mellora museográfica”. Para divulgar todo o proxecto, leváronse a cabo visitas guiadas e encontros didácticos dirixidos a escolares, co obxectivo de achegar ao público en xeral “a inmensa riqueza que atesoura o conxunto monumental de Sar”.