DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun torneo disputado en Murcia, no que dobregaron na final ao conxunto anfitrión, da UCAM

O equipo feminino de balonmán da UVigo proclámase campión de España universitario por terceira vez consecutiva

Cun conxunto do que formaban parte cinco alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 06/05/2022

En 2019, a Universidade de Vigo lograba proclamarse por primeira vez campioa de España nun deporte colectivo grazas ao triunfo do seu equipo feminino de balonmán no Campionato de España Universitario (CEU) que se disputou en Valencia. Despois de que a covid-19 impedise a súa celebración en 2020, o equipo vigués lograba a finais de 2021 subirse de novo ao máis alto do podio no CEU que tivo lugar en Granada. Nove das xogadoras que acadaron este éxito formaron parte do equipo co que a UVigo lograba esta semana o seu terceiro campionato de España consecutivo en Murcia. Cun conxunto integrado por alumnas dos tres campus, a institución académica proclamábase de novo campioa universitaria este xoves, tras derrotar na final por 33 a 22 ao equipo da universidade anfitrioa, a UCAM.

A localidade de San Javier foi a sede dun torneo no que estiveron representadas 15 universidades españolas e que o equipo vigués completou con seis vitorias en seis partidos. “Nun principio, eramos o principal candidato”, recoñece Gustavo Loureiro, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Pontevedra, que acompañou neste CEU ao equipo adestrado polo técnico do Club Balonmano Porriño Ismael Martínez. “Despois de dous anos sendo campións, tócache asumir ese rol”, admite Martínez, que salienta que “as rivais puxéronnos as cousas moi difíciles, sobre todo nas semifinais”, nas que derrotaron á Universidad de León na prórroga. 

Conformado por en boa parte por un grupo de xogadoras coas que o técnico xa traballa día a día no Balonmano Porriño, club do que destaca que “o seu compromiso coa Universidade é máximo”, o equipo da UVigo reunía estudantes dos tres campus, sendo a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pontevedresa, con cinco alumnas, o centro con maior número de representantes nesta selección. Non en van, despois de que, por falta de equipos, non se desenvolvese unha liga interna desta modalidade, a institución académica contou, como explica Loureiro, "un ano máis coa colaboración da Federación Galega de Balonmán”, que nomeou a Martínez responsable de conformar e adestrar un equipo integrado por xogadoras tanto dos conxuntos de División de Honra e División de Honra Prata do club porriñés como do BM Cañiza, Balonmán Lalín, BM Pabellón Ourense e AD Carballal. 

Final anticipada contra León

O equipo da UVigo abriu o pasado martes a fase de grupos deste campionato derrotando por 24-20 á Universitat Jaume I, para dobregar logo por ese mesmo resultado a Granada. Ao día seguinte, lograban o seu pase ás semifinais derrotando por 22-16 á Autónoma de Madrid. A Universidad de León foi o seu rival na loita por unha praza na final, no que resultou o partido máis difícil para as viguesas, que remataron gañando 18-20 na prórroga. A pesares de que, como relata Loureiro, a UVigo chegou a ir gañando por sete, as leonesas foron quen de devolver a igualdade ao marcador e mesmo situarse por diante na segunda metade. Xa na prórroga, a igualdade foi tamén a tónica dominante, rematando a primeira parte en empate, polo que non foi ata os últimos minutos cando a contenda rematou por dedicirse do lado das galegas. 

Xa o xoves, chegou o momento de tratar de revalidar o título diante da universidade anfitrioa, ao que as xogadoras do equipo adestrado por Martínez non deron opcións, abrindo diferencias no marcador desde o inicio e chegando ao descanso cun 9-21, para finalmente alzarse co trofeo cunha vitoria por once goles de diferencia (22-33).

“Un grupo con gañas e ilusión”

14 alumnas de once titulacións dos tres campus integraban un equipo no que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte era o centro con maior representación, grazas á participación das súas alumnas Sandra Fernández, Aitana Santomé, Maider Barros, Sarai Sanmartín e Anastasija Doder. Xunto a elas, María Groba, Yamila Melo, Ruth Sánchez, Laura Magdaleno, Emma Pérez, Sara Carril, María Portela, Raquel Blanco e Begoña Otero completaban un “grupo competitivo, ao que as xogadoras que se incorporaron novas achegaron tamén moito e integráronse moi rápido”, salienta Martínez. Nese senso, o técnico sinala que, a pesares de que foi preciso realizar varios cambios con respecto ao equipo que gañou o Campionato Galego Universitario, “é moi fácil traballar cando o fas con xente con gañas e ilusión”.