DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar do 13 e 23 de xullo co apoio das axudas Inou e do Concello de Monterrei

Un equipo do GEAAT realizará un nova campaña arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán

O seu obxectivo é avanzar no coñecemento das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 29/06/2026

Un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolverá do 13 e 23 de xullo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. O seu obxectivo será avanzar no coñecemento das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular. 

A iniciativa conta co financiamento da convocatoria de axudas aos grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 (froito do convenio anual entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense) e co apoio do Concello de Monterrei. A dirección científica do proxecto corre a cargo de Diego Herrero, en colaboración con Beatriz Comendador, Eduardo Méndez e Mikel Díaz (da Área de Prehistoria da UVigo); Miguel Ángel Álvarez (da Área de Xeografía Física) e de Víctor Rodríguez Muñiz (da Área de Historia Medieval). A dirección arqueolóxica da intervención recae en Lucía Rodríguez, doutora pola UVigo e actualmente investigadora da Universidad de Alcalá. 

Comprender os procesos de ocupación do territorio

“O proxecto céntrase no estudo deste asentamento prehistórico, datado entre os milenios IV e III antes de Cristo, co obxectivo de avanzar no coñecemento das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular e da súa relación coa paisaxe e cos espazos simbólicos”, sinala o equipo da Facultade de Historia. A intervención, engaden, pretende “profundar no estudo dun enclave singular para comprender os procesos de ocupación do territorio durante a Prehistoria recente”. 

Segundo explica o equipo do GEAAT, os traballos previos realizados no xacemento, que incluíron prospeccións xeofísicas mediante magnetómetro e a execución dunha sondaxe arqueolóxica, “permitiron identificar diversas anomalías interpretadas como posibles estruturas de orixe antrópica”. A nova campaña, apuntan, “buscará confirmar a natureza destas evidencias e avanzar na caracterización da organización espacial e da funcionalidade do asentamento dentro do seu contexto territorial”. 

A Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, apunta o equipo arqueolóxico, destaca tamén pola presenza de manifestacións de pintura rupestre esquemática, circunstancia que converte o lugar nun enclave de especial relevancia para o estudo das relacións entre ocupación humana, prácticas simbólicas e construción da paisaxe durante a Prehistoria recente. Neste sentido, o proxecto “pretende integrar a análise das estruturas arqueolóxicas co estudo da arte rupestre para ofrecer unha interpretación máis completa do sitio”. 

Continuidade e compromiso

A campaña, indican os seus responsables, enmárcase nunha liña de investigación consolidada da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo centrada no estudo das sociedades da Prehistoria recente no territorio transfronteirizo do val do Alto Támega. Neste contexto, o proxecto agora lanzado “dá continuidade aos traballos desenvolvidos nos últimos anos por este equipo e reforza unha liña de investigación á que contribuíu de maneira destacada a tese de doutoramento de Lucía Rodríguez, doutora pola Universidade de Vigo, dedicada á análise da Prehistoria deste territorio e das dinámicas de ocupación e articulación da paisaxe ao longo do tempo”. Ademais, engaden, esta nova campaña “reforza o compromiso do campus de Ourense coa investigación arqueolóxica, a formación universitaria e a transferencia do coñecemento á sociedade, consolidando o xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán como un referente para o estudo da Prehistoria recente transfronteiriza do noroeste peninsular”. Xunto ao seu interese científico, a campaña, apuntan neste senso, “constitúe tamén unha importante oportunidade formativa para alumnado de grao e de mestrado da Universidade de Vigo, que participará directamente nos traballos de campo e nas tarefas de investigación asociadas ao proxecto”.  

Ademais da súa dimensión investigadora e formativa, o proxecto “incorpora unha destacada vertente de difusión e educación patrimonial”. Así, ao longo dos próximos meses desenvolveranse diferentes actividades dirixidas á cidadanía, incluíndo visitas ao enclave e propostas educativas orientadas a fomentar o coñecemento e a valorización do patrimonio arqueolóxico da comarca. Desde a organización sinalan que se irá informando puntualmente sobre o calendario destas visitas e das distintas actividades vinculadas ao proxecto a medida que se vaian concretando.