DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe fixo público un manual de urxencia para docencia e avaliación durante a COVID-19 

O equipo de goberno avoga pola avaliación continua das materias, evitando, sempre que sexa posible, os exames finais

Decanos e directores acordaron esta tarde que os exames do 2º cuadrimestre non sexan presenciais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 13/04/2020

Aínda que serán os centros os que en último termo decidirán, nos casos que as haxa, as alternativas que mellor se adaptan as súas particulares circunstancias, o equipo de goberno da Universidade de Vigo  fixo público hoxe o Manual de urxencia para a docencia e a avaliación durante a COVID-19. O documento ten o obxectivo principal de “dar pautas e orientación sobre as posibilidades de que dispón o profesorado para avaliar ao alumnado a distancia, ao tempo que tamén se recolle un resumo das diferentes resolucións e instrucións ditadas ata o momento para que dispoñan de toda a información nun único documento”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación  Académica e Profesorado, que lembra, que mentres as instrucións e resolucións, tanto da Uvigo como a Secretaría Xeral de Universidades son de obrigado cumprimento, as  recomendacións que se fagan, como é o  caso das contidas neste documento, son orientacións que pretenden facilitar o traballo, “pero non hai porque seguilas e o profesorado pode tomar as súas propias decisións á marxe das recomendacións”. 

Á espera da reunión que se celebrará na segunda quincena de abril entre as tres universidades do SUG e a Secretaría Xeral de Universidades para seguir avanzando en posibles acordos,como a modificación de calendario, o vicerreitor sinala que, “aínda que todo o que sexa chegar a acordos e bo, sempre disporemos da nosa autonomía se nalgún aspecto non se chega a unha postura común”. 

Recomendacións básicas sobre avaliación neste cuadrimestre 

Tras sinalar que a súa postura é a de intentar manter as datas de avaliación previstas no calendario académico e que se en xullo fora posible, procuraríanse facer exames presenciais, en especial contando con que as materias do primeiro cuadrimestre non están adaptadas á docencia e avaliación virtual, a Reitoría asegura que só valoraría adiar a finalización do curso, como mínimo ata o mes de setembro, nos casos de titulacións que contemplan prácticas hospitalarias, practicum ou prácticas en empresas e estas non se poidan realizar antes. Aínda neste caso, procuraríase que esta actividades se poidan realizar en xullo e agosto, para poder rematar en setembro. 

As recomendacións sobre avaliación neste cuadrimestre, destaca Manuel Ramos, “van na liña de facer as cousas do xeito máis acaido e sinxelo posible, como pode ser a preferencia pola utilización de determinadas ferramentas ou mecanismos. Por exemplo é preferible a avaliación continua á avaliación mediante exame final”. Precisamente, neste sentido, decanas e decanos e directoras e directores de todos os centros a UVigo acordaron por unanimidade, nunha reunión celebrada esta tarde con membros do equipo de goberno, que os exames do segundo cuadrimestre non sexan presenciais. 

No manual publicado hoxe debúllanse diferentes opcións, para que o profesorado saiba que pode facer no caso das materias sen necesidade de exame final; no das materias con necesidade de exame final; así como para a avaliación de TFG e TFM. En relación coas materias que precisan  exame final, o manual sinala que este deberá adaptarse á situación de non presencialidade e tenderase a que teña o peso máis baixo posible no cálculo da nota final, podéndose para iso modificar as ponderacións inicialmente previstas na guía docente, para o que se ditará unha resolución reitoral que permita baixar as ponderacións nos casos que o peso do exame final estea limitado por normativa propia dos centros. En todo caso recoméndase que o peso deste exame sexa, como máximo do 40% da nota final da materia. 

As alternativas que permitan a avalación a distancia ás que fai referencia o manual son:  exame oral curto e o exame oral completo, empregándose para ambos casos os recursos de Campus Remoto; o exame final escrito sen control automático de identidade, con exame enviado por correo electrónico nun momento previamente coñecido con diferenzas entre o que recibe cada estudante e con tempo limitado e, exames a través de cuestionarios e ferramentas e avaliación soportados por Moodle, a traves de FaiTIC e, por último, exame masivo con control de identidade, tamén mediante Moodle, recomendándose que, esta opción, quede restrinxida a un 10% das materias en cada titulación. “Moitas ferramentas levan moito tempo utilizándose e están sobradamente probadas, como son as asociadas a FaiTIC, e outras como as aulas virtuais puxéronse en marcha hai  pouco, pero están funcionando ben, e, por último, estanse a probar outras solucións que esperamos ter dispoñibles para o periodo de exames”, sinala Manuel Ramos, que apunta que, a día de hoxe contan con centralizar os exames virtuais no binomio Moodle- Respondus (Moodle en FaiTIC para preparar os exames e Respondus para facer vixilancia remota). Ademais, no caso do e- proctoring publicaranse titoriais e aprendizaxe para o  profesorado implicado. 

Prazos para levar a cabo os procedementos

O Manual de urxencia para a docencia e a avaliación durante a COVID-19 inclúe ademais unha proposta de prazos nos que as diferentes resolucións e instrucións ás que se fan referencia no documento deben levarse a cabo. Así, o 14 de abril as e os coordinadores das materias deberán enviar ás persoas responsables da titulación os cambios propostos nas guías docentes.  Ao día seguinte, os decanatos e direccións enviarán a Reitoría os cambios nas guías docentes como un documento único que será enviado á Secretaría Xeral de Universidades. Ese mesmo día, os responsables de cada materia enviarán ao alumnado os cambios das guías docentes, mentres que os decanatos e direccións enviarán a Reitoría un documento cos procedementos postos en marcha para garantir que se imparte a docencia de todas as materias en modalidade non presencial, así como incumprimentos detectados. 

Por último ,a finais de abril as tres universidades negociarán coa Consellería posibles cambios no calendario á vista da situación da pandemia nese momento e en maio poranse en marcha os exames virtuais nas súas diversas modalidades.