DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa recoñece a existencia “dun clima de conflito”, que insta a arranxar entre todos

O equipo de Goberno comprométese a negociar coa representación do PAS a próxima RPT, o teletraballo e a redución de horarios nos centros 

“Sentímonos abandonados, respecto do PDI”, aseguraron os representantes do PAS no Consello

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/04/2023

A situación do Persoal de Administración e Servizos (PAS) da UVigo centrou a sesión ordinaria que hoxe celebrou o Consello de Goberno, na que o reitor, Manuel Reigosa, e a xerenta, Yolanda Lesmes, presentaron un informe no que debullaron cuestións como evolución da masa salarial e do orzamento, do cadro de persoal, distribución dos postos, así como os acordos acadados entre o equipo de Goberno e as e os representantes sindicais do PAS sobre funcionarización, procesos de estabilización ou bases de concursos de méritos, entre outros. O informe presentado hoxe, no que a Xerencia tamén avanzou as liñas de traballo relativas ás condicións laborais do PAS en relación coa carreira profesional, plan de conciliación ou negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT), foi respondido polos representantes sindicais do PAS, Rita Velasco e Xan Cebro, e pola tamén representante do Persoal de Administración e Servizos, Anabel G. Penín, que manifestaron sentirse “abandonados”, “esquecidos” e “descontentos”, respecto doutros colectivos como o PDI e tamén respecto do PAS das outras dúas universidades do SUG, onde o gasto no Persoal de Administración e Servizos é maior que na UVigo. Pola súa banda, o reitor recoñeceu a existencia “dun clima conflitivo”, unha situación, “que me doe”, dixo, e que instou a todos a arranxar, ademais de manifestar reiteradamente a súa disposición a negociar cos representantes do PAS

Á marxe do debate sobre as condicións de traballo do PAS, na sesión de Consello deste venres, aprobáronse a creación da Facultade de Enfermaría da UVigo e do Instituto de Xustiza e Xénero e a transformación da Escola Aberta de Formación Permanente no Centro de Posgrao e Formación Permanente. O nomeamento do catedrático Xavier Labandeira como novo director comisario de Ecobas e aprobación das axudas propias á investigación para este ano, foron outros puntos aprobados na sesión deste venres, na que tamén se deu luz verde á tramitación da modificación do Grao en Relacións Internacionais para o curso 24/25, que se traducirá na separación dos cursos, ata agora con docencia síncrona en primeiro e segundo coa UDC, para impartilos de forma presencial, cunha oferta de 30 prazas nos campus de Ourense e Ferrol, respectivamente.

Situación e liñas de traballo para o PAS

Atendendo á demanda expresada polos representantes sindicais do PAS en anteriores sesións do Consello de Goberno, o reitor e a xerenta presentaron este venres un informe sobre a situación do Persoal de Administración e Servizos e coas liñas de traballo sobre as condicións laborais deste colectivo. Logo de lembrar a aposta do equipo de Goberno pola negociación e algún dos éxitos acadados neste sentido, como o proceso de funcionarización, Manuel Reigosa, cedeu a palabra á xerenta que trasladou unha fotografía de situación do colectivo ao longo dos anos, así como as liñas de traballo en materia de condicións laborais do PAS. Yolanda Lesmes destacou o incremento experimentado entre os anos 2018 e 2023 na evolución da masa salarial (que pasou de 96 a 116 millóns de euros) e na evolución do capítulo I do orzamento (de 102 a 134 millóns de euros), así como do cadro de persoal do PAS que chegou ao 816 efectivos en 2022. A xerenta cifrou en case 2 millóns de euros o custo ata marzo de 2023 das melloras nas condicións laborais do Persoal de Administración de Servizos e destacou algúns dos acordos acadados, tanto nos últimos anos, como desde a súa chegada ao cargo, como os de funcionarización, promoción interna, bases do proceso de estabilización ou do concurso de méritos.

Sobre as liñas de traballo en materia de condicións laborais do PAS, a xerenta referiuse á negociación e implantación do sistema ordinario de carreira profesional e recoñecementos; á promoción das mellores condicións cara facilitar a conciliación da vida familiar e persoal, a través de adaptacións de xornada, xornadas flexibles ou teletraballo; así como á negociación da RPT, “co obxectivo de acadar a modernización da estrutura administrativa, con cadros de persoal axeitadamente formados ás novas competición do servizo público”, dixo Lesmes, a través da análise de postos de traballo, identificación de necesidades e redefinición de estruturas, entre outras medidas.

Demandas do Persoal de Administración e Servizos

A representante de CCOO na Comisión Unitaria de Negociación do PAS Rita Velasco centrou súa intervención en demandar ao equipo de Goberno a cobertura das baixas; a negociación da implantación da redución de horarios de 8.00 a 18.00 horas nos centros; a aplicación do plan piloto de teletraballo e unha solución que poña fin aos problemas de implantación do programa para nóminas e xestión PeopleNET. “Sentímonos abandonados respecto do PDI”, dixo Velasco, “para os que si parece que hai cartos. Non se cobren as baixas, acumulamos retrasos desde novembro no pago das horas extras e isto non se pode permitir”, dixo, ao tempo que demandou que se escoite aos traballadores na negociación da nova RPT.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, comezou a súa intervención agradecendo o traballo desenvolvido por Cándido Pérez Betanzos, para a continuación facer un chamamento, dixo, “a repensar as cousas, porque se pode chegar a conflitos”, en referencia aos servizos de PAS, PDI e Retribucións, especialmente afectados polos problemas derivados por programa PeopleNet, e para os que pediu que se busque unha solución. Tras lembrar que a UVigo en materia de PAS está por debaixo da media do SUG, Cebro, demandou, en relación coa carreira profesional, unha negociación do sistema transitorio, contemplado na Lei 2/2015, que xa está implantado na USC e no Sergas. En relación coa RPT, asegurou que “este é o momento de facela”, ao tempo que apuntou a necesidade de “reformular cuestións como a internacionalización, captación e relación coas empresas, pero tamén o funcionamento de servizos e áreas e a relación entres eles”.

En representación do PAS no Consello, Anabel G. Penín referiuse “ao clima de descontento no que traballa o PAS, e ao desapego coa institución por como nos tratan”, e acusou ao equipo de Goberno de desaproveitar o talento e desautorizar ao PAS. “Creo que non hai política de PAS, senón solucións concretas”, dixo Gonzalez Penín, que lamentou o que está a ocorrer na institución na que traballamos "e que queremos", dixo.

Oferta de negociación nun “clima conflitivo”

Logo de escoitar as demandas das e dos representantes do PAS, Manuel Reigosa asegurou que “estamos vivindo un punto de inflexión. Dáse unha tormenta perfecta: o mal funcionamento do programa e algún conflito máis, xeran un clima conflitivo, algo paradoxal porque temos paz social”, dixo. O reitor advertiu do perigo que implica “dicir que uns somos máis que outros”, ao tempo que asegurou que non quere que ninguén pense que hai algo negativo contra un colectivo en concreto. “Queremos que o 100% do persoal teña as mellores condicións e veña traballar cun sorriso”, reiterou Reigosa, que chegou a asegurar que “esta situación me doe”, instando a arranxala entre todos e manifestando reiteradamente a súa disposición a negociar cos representantes do PAS, cuestións como a cobertura das baixas, a redución de horarios nos centros, o teletraballo, a masa salarial ou o programa PeopleNet.

En relación coa política de baixas o reitor asegurou que se intenta conter o gasto e dar un servizo de calidade, mentres que no caso da redución de horarios nos centros, manifestou a súa intención de negociar, unha vez que se coñezan os plans das escolas e facultades. Reigosa avanzou a celebración a próxima semana dunha reunión sobre PeopleNet, na que se escoitarán as queixas das áreas e servizos afectados, ao tempo que defendeu que a adopción desta ferramenta “foi a decisión correcta, aínda que non nego a realidade de que está xerando problemas, polo que agradezo especialmente o traballo de todos”. Sobre o teletraballo, lembrou o reitor que é unha medida que se tomará nos servizos que se poida e en relación coa masa salarial reiterou o seu compromiso de acadar máis cartos na negociación coa Xunta, “porque estamos por debaixo da media do SUG en masa salarial de PAS e tamén de PDI”, dixo o reitor.

Modificación do Grao en Relacións Internacionais 

O Consello aprobou a tramitación da modificación do Grao en Relacións Internacionais para o curso 24/25. A UDC, que é a universidade coordinadora do título será a que se encargue dos trámites administrativos da modificación, que implicará separar os cursos para impartilos de forma presencial, non en liña, cunha oferta de 30 prazas en cada universidade, nos campus de Ourense e Ferrol, respectivamente. Este curso 2022-2023 foi o primeiro no que se impartiu a titulación, que ten os dous primeiros cursos comúns cun só grupo compartido, con docencia síncrona, e os dous últimos con mencións diferenciadas: Xestión de Proxectos e Negocios Internacionais en Ourense e Cooperación para o Desenvolvemento en Ferrol. “Houbo bastantes incidencias no seguimento das clases en liña: cortes que obrigaron a aprazar clases, falta de son para que os estudantes puidesen interactuar co resto do alumnado do outro campus e co profesorado, e outras incidencias. A isto hai que sumarlle que é unha titulación que se imparte o 50% en inglés, polo que as dificultades son maiores”, explica Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, que sinala que “a pesar de que no campus de Ourense, o persoal técnico sempre apoiou a estudantes e profesorado e a Vicerreitoría de Planificación realizou obras de insonorización e melloras técnicas, no campus de Ferrol houbo bastantes incidencias”. 

Por esta razón e, logo de conversar coa UDC, acordouse propoñer que para o curso 24/25, se separen os cursos, para impartilos de forma presencial, non online, en cada un dos campus, propoñendo unha oferta de 30 prazas en cada universidade, para non sobredimensionar a titulación.

Centro de Posgrao, Facultade Enfermaría e Instituto de Xénero de Xustiza 

Os membros do órgano de goberno da UVigo aprobaron por 32 votos a favor, 3 en contra e unha abstención a proposta de transformación da Escola Aberta de Formación Permanente en Centro de Posgrao e Formación Permanente, así como a creación da Facultade de Enfermaría e do Instituto de Xustiza e Xénero. Logo da súa aprobación no Claustro da semana pasada, o Consello deu o visto e prace á  creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente. O Centro continuará a súa tramitación coa aprobación do Consello Social, para posteriormente remitir a solicitude á Xunta de Galicia para ser informada polo Consello Galego de Universidades; aprobación por parte da Xunta de Galicia; remisión ao Rexistro de Universidades, Centros e Titulacións (RUCT) e comunicación á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Este mesmo proceso é o que seguirá a Facultade de Enfermaría, cuxa creación tamén aprobou este venres o Consello de Goberno. A semana pasada, o Claustro daba os primeiros pasos para integrar as tres escolas de enfermaría públicas adscritas á Universidade de Vigo nun só centro: a Facultade de Enfermaría. O obxectivo é que o estudantado de novo ingreso do curso 2024/2025 nos tres campus inicie o grao na nova facultade. Respecto das localizacións, no caso de Pontevedra será o Hospital Provincial, mentres que en Ourense e Vigo serán dúas localizacións iniciais no edificio Campus Auga e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, respectivamente, a falta doutras definitivas. 

En relación co Instituto de Investigación de Xustiza e Xénero (IXEX), o órgano de goberno da UVigo aprobou hoxe a súa creación. O Instituto, que aspira a se converter en plataforma de referencia para o estudo de todos os aspectos asociados con xénero, o seu tratamento ao longo da historia, os cambios que se produciron ata chegar á situación actual e de servir de canle cos distintos actores públicos e privados implicados nos problemas estruturais, legais e regulatorios asociados co xénero dende unha perspectiva multidisciplinaria, está impulsado por 15 docentes promotores e conta cos catedráticos Jaime Cabeza, María Lameiras e Inés Celia Iglesias como investigadores garantes. 

Xavier Labandeira, novo director comisario de Ecobas

O catedrático Xavier Labandeira Villot será o novo director comisario de Ecobas, logo da aprobación do seu nomeamento. Labandeira substituirá no cargo a tamén catedrático Carlos Hervés, que en breve se xubilará. Membro do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC), director de Economics for Energy e director da Florence School of Regulation-Climate na European University Institute de Florencia entre os anos 2014 a 2017 , Labandeira considera “unha honra formar parte da dirección dun centro no que se encontran importantes investigadores galegos das ciencias sociais e unha equipa directiva que foi quen de transformar unha agrupación de investigación nun centro interuniversitario galego”. O novo director comisario considera que a pesar do moito avanzado nos últimos anos, “temos aínda camiño por diante para converternos nun centro consolidado que sexa quen de mellorar o seu desempeño académico, tamén coa atracción de talento, e de transmisión do coñecemento á sociedade galega.  Ambas cuestións son cruciais e centrarán os nosos esforzos e obxectivos para poder informar así as importantes decisións económicas que haberá de tomar a nosa sociedade nos vindeiros anos”, detalla Labandeira.

Así mesmo, a convocatoria de axudas propias á investigación da UVigo para o ano 2023 tamén foi aprobada este venres polo Consello. Respecto do ano anterior, como indicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, hai algunhas diferenzas no importe das axudas de grupos de contrato programa, “que se minoraron, pero o certo é que está máis axustado ao número de grupo de as solicitan. Tamén diminuíu un pouco (5000 euros) as axudas proxectos internacionais, porque agora hai axudas deste tipo, tanto a nivel nacional como autonómico”. 

Modificación da Normativa de permanencia e progreso

Outro dos puntos aprobados na sesión de hoxe, cunha abstención, foi a modificación da Normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais de grao e mestrado da UVigo. Trátase dunha revisión que ten a finalidade de adaptar a normativa, logo da súa entrada en vigor hai catro anos, e na que as principais modificacións pasan pola eliminación de referencias lexislativas,  modificación de terminoloxía, detalle de cuestións administrativas (prazos e procedementos) e modificación dalgunhas cuestións académica (criterios de permanencia do alumnado de grao, limitación do número máximo de matrículas en titulacións de grao e establecemento de criterios para rendemento académicos excepcionais). 

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno deste venres tamén se aprobaron as propostas de dous títulos propios, o novo Mestrado de Formación Permanente Dual en Información Aeroespacial e o Mestrado de Formación Permanente en Auditoría e Contabilidade, que xa impartiu este curso. Tamén se deu luza verde ás programacións docentes anuais (PDA) de grao e máster para o próximo curso.