DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os membros do Consello de Goberno evidenciaron as súas diferenzas logo da demanda da UDC 

O equipo de goberno da UVigo avoga por cumprir os acordos acadados sobre Medicina, ata que se adopten outros, e por mellorar a súa oferta de titulacións 

Na sesión aprobouse a concesión do título de honoris á astrofísica Begoña Vila

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 25/06/2025

O debate aberto logo da decisión da Universidade de A Coruña de solicitar a implantación dunha facultade de Medicina, chegou hoxe ao Consello de Goberno da UVigo, onde se puxo de manifesto a diferencia de pareceres que sobre esta cuestión manteñen os membros do órgano de Goberno da institución académica viguesa. Mentres o reitor, Manuel Reigosa avogou porque a UVigo cumpra cos acordos acadados e asinados, “ata que sexan superados por outros que se celebren entre as partes”, así como por “tentar mellorar a nosa oferta de titulacións, contando coa especialización dos campus”, integrantes do Consello, así como voceiros dos grupos de oposición, expresaron á necesidade de que a UVigo abra o debate para solicitar Medicina, negociando en pé de igualdade coa UDC. 

As posturas a favor e en contra de seguir o exemplo da institución académica coruñesa centraron boa parte do Consello celebrado este mércores, no que, entre outras cuestións, se aprobou por unanimidade a concesión do título de doutora honoris causa á astrofísica viguesa Begoña Vila Costas, que desde hai anos desenvolve o seu labor como enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA. Outorgar a medalla de ouro da UVigo á editorial Galaxia no ano que cumpre 75, foi outro dos acordos acadados na sesión de hoxe, na que tamén se deu luz verde á normativa para contratación de profesorado asociado e ao regulamento de contratación do persoal investigador, técnico e de xestión da investigación, así como á conta de liquidación do orzamento do exercicio 2024 para o seu trámite no Consello Social. 

O debate sobre Medicina 

O catedrático Jacobo Porteiro foi o primeiro en tomar a palabra no punto da orde do día relativo ao debate sobre novas titulacións para defender a excepcionalidade e diferencialidade do Grao en Medicina, ao que se referiu como “a titulación” e sobre a que, despois da demanda da UDC, considera que “a UVigo ten que posicionarse”. Porteiro, que utilizou o tamaño da cidade de Vigo e da súa área sanitaria como argumentos para defender a demanda dunha facultade de Medicina para a cidade olívica, afeou a postura do reitor por “poñerse do lado da Consellería e defender o convenio de 2015”. O catedrático solicitou que se abra o debate para solicitar a facultade e que o reitor negocie en pé de igualdade coa UDC, ao tempo que asegurou que “non hai nada que repare o erro histórico de que lle dean Medicina a Coruña”.  

Manuel Reigosa, pola súa banda, reiterou que os acordos están para cumprirse e defendeu o respecto ás titulacións exclusivas do Sistema Universitario Galego, “eu non sairei na prensa a pedir Medicina ou Arquitectura”, dixo o reitor, que tamén manifestou a súa negativa a compartir Enxeñaría de Telecomunicación ou Aeronaútica e do Espazo. Reigosa lembrou que xa hai 35 anos, a Universidade de Vigo pedira Medicina, así como seu desacordo cando se asinou co acordo do 2015 sobre a descentralización da titulación, “que non se incumpriu, pero que é próximo a cero para que Vigo teña protagonismo”. O reitor da UVigo, que reiterou que “non vou romper a baralla”, e defendeu a importancia de todas as titulacións, trasladou o seu posicionamento aos membros do Consello en catro puntos, que pasan “porque a UVigo cumpra os acordos acadados, ata que sexan superados por outros que celebren as partes; que é o reitor ou reitora sexa quen negocie o mapa de titulacións; que o beneficio da cidadanía e do estudantado sexan a prioridade cara a futuras negociacións e que se tentará mellorar a oferta de títulos da UVigo contando cos campus de especialización”, detallou Reigosa.

A voceira de Nós Universidade, a catedrática Coral del Río, reiterou o carácter especial de Medicina, asegurando ademais que a UDC coa súa decisión de solicitala “rompeu a baralla e xa está roto todo”. Del Río que manifestou a súa preocupación porque a USC non sexa quen de asumir toda a formación e pola presión que a universidade privada poida facer por implantar a titulación, tamén expresou a contrariedade do grupo de oposición porque “o reitor sexa o mediador do grupo de traballo creado para acadar un acordo”. Pola súa banda, Jaime González, en representación do sector Estudantes aseguro que isto “máis parece unha loita de prestixios e orgullos que polo interese do alumnado”, así como que os acordos poden mudar en función das circunstancias, unha opinión coa que coincidiu, en representación da parte sindical, Miguel Cuevas, que tamén considera que “a UVigo debe estar aí”. Mentres, as docentes e investigadoras, Consuelo Pérez e Carmen Ruiz, manifestaron, no caso da primeira as súas dubidas de se UVigo nunca poderá solicitar titulacións do ámbito da saúde ao non ter un campus de especialización específico, mentres que a segunda se amosou preocupada polo financiamento público que habería que destinar á creación desta titulación, así como a escaseza de doutores entre os as tituladas en Medicina. Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, defendeu a necesidade de garantir a calidade das titulacións e centros existentes, antes de crear novas instalacións.

Reigosa rematou o debate asegurando que “xa deixei constar a miña oposición a dúas facultades de Medicina no norte de Galicia” e defendendo o seu papel de presidente e non de mediador no grupo de traballo creado para acadar un acordo, “que teño a esperanza de que a racionalidade permita chegar a un mellor que o de 2015”. O reitor solicitou confianza no papel que está desempeñar, “defendo á UVigo”, dixo, e asegurou estar disposto “a saír á rúa se fose necesario”, ao tempo que agradeceu o papel que están a desenvolver os as políticas.  

A astrofísica Begoña Vila, 31ª doutora honoris causa e medalla de ouro para Galaxia

Na súa sesión do hoxe, o Consello de Goberno aprobou por unanimidade a concesión do título de doutora honoris causa pola UVigo á enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA, a astrofísica viguesa Begoña Vila Costas. A proposta de Vila, encargada de dous dos instrumentos do telescopio espacial James Webb e que ademais traballa no proxecto de construción do telescopio Nancy Grace Roman, partiu do Departamento de Física Aplicada da UVigo e conta co aval de oito departamentos do ámbito tecnolóxico e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica de do Espazo.

Doutorada en Astrofísica na Universidade de Manchester, logo de licenciarse en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa investigación centrouse na análise de curvas de rotación de galaxias espirais, actividade galáctica nuclear e abundancias estelares con observacións en lonxitudes de onda ópticas e de radio. Tras traballar en Canadá en distintas empresas aeroespaciais, en 2006 incorporouse ao proxecto do telescopio espacial James Webb da NASA, do que se converteu en enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos seus instrumentos, en 2013. Na actualidade tamén traballa no telescopio Nancy Grace Roman, un futuro observatorio espacial infravermello considerado polo Comité Decadal Survey do Consello Nacional de Investigación do EEUU como a máxima prioridade para a vindeira década da astronomía. Begoña Vila converterase na trixésimo primeira persoa en recibir o título de honoris causa pola UVigo.

Por outra banda, no ano no que se cumpren 75 da súa creación, a editorial Galaxia recibirá a medalla de ouro da UVigo, logo que o Consello de Goberno o acordase hoxe por unanimidade. Con preto de 3400 libros de máis de 1400 autores publicados, e a proposta do reitor, o órgano de goberno da UVigo recoñece con este galardón a independencia e fidelidade ao espírito co que se creou, así como o seu compromiso coa preservación e promoción da lingua e cultura galega. Desde o seu nacemento, o 25 de xullo de 1950, Galaxia “sempre foi un símbolo de modernidade, pluralidade e europeismo, que consideraba Galicia como un país europeo con personalidade cultural propia e cun idioma sobradamente válido para tratar calquera tema de interese para unha sociedade moderna”. Esta será a cuarta medalla de ouro que entrega a UVigo, logo das outorgadas no ano 1996 a título póstumo a quen fora o primeiro presidente do seu Consello Social Armando Priegue; ás do ano 2000 á Xunta de Galicia, presidida daquela por Manuel Fraga, e á USC, que foi recollida polo seu reitor, Darío Villanueva, e a entregada no ano 2006 á Fundación Barrié de la Maza, na persoa do seu vicepresidente, José María Arias Mosquera.

Informe do reitor: novo grao en Dereito na UIE, prazas de PDI e Incide

No seu informe ao Consello, o reitor referiuse á aprobación do novo grao en Dereito que impartirá a Universidade Intercontinental da Empresa e recalcou que o Pleno do Consello Social da UVigo se posicionou en contra, pero finalmente o Consello Galego de Universidades, por 12 votos a favor e 7 en contra, aprobou esta nova titulación, a quinta neste eido que se imparte en Galicia. Para o reitor, isto vai en contra do que recolle a lei, que estipula que “non se deben implantar na universidade privada títulos que xa estean no catálogo de títulos que ofertan as universidades públicas; a oferta debería ser complementaria e non repetitiva”. Por este motivo, avanzou que as tres institucións públicas van recorrer a aprobación deste novo título e avanzou que se vai traballar para artellar un procedemento para que a aprobación de títulos nas universidades privadas tamén sexa a través dun proceso estrito e “que non haxa unha vía rápida para elas e unha vía lenta para as pública do SUG”.

Reigosa tamén informou da creación das novas prazas de PDI e no que se refire ao programa María Goyri, deu conta de que 20 xa foron resoltas sen reclamación, 7 están provisionadas, 14 en avaliación e unha pendente da constitución da comisión de avaliación. A prazas de profesorado permanente laboral foron publicadas o 15 de maio; as de titular o 12 de xuño; as cátedras o 23 deste mes de xuño; as de axudante doutor do contrato-programa o 2 de xuño e as María Goyri do 2025, o 13 de xuño. Segundo destacou o reitor, este é o maio número de prazas “que tivemos nos nosos 35 anos de historia”, polo que agradeceu o traballo tanto da Vicerreitoría de Profesorado como dos servizos implicados. Ademais, avanzou que queda pendente unha rolda adicional de prazas, fundamentalmente de permanentes laborais, que se tramitará previsiblemente en outubro ou novembro. Tamén engadiu que a institución está a traballar na contratación do profesorado asociado e a vindeira semana comezarán os chamamentos da lista de agarda.

Reigosa tamén deu conta da celebración dun pleno da CRUE no que tomou a palabra en relación a un proxecto de lei “polo cal as titulacións de deportes das ensinanzas medias se equiparan aos graos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, o cal é algo que non é en absoluto aceptable”. Estando de acordo a presidenta da CRUE, Eva Alcón, esta exercerá “toda a presión correspondente ante os ministerios para que non se produza semellante erro”.

Por outra banda, tamén informou de que se segue avanzando na creación do 5º instituto de investigación da UVigo, o Incide, precisamente no eido das ciencias do deporte, e que previsiblemente a súa aprobación se poida levar á vindeira sesión do Claustro. “Creo que será unha moi boa nova para o campus de Pontevedra, para darlle máis pulo e máis visibilidade a unha investigación que, xa de seu, é moi potente”, destacaba o reitor.

Finalmente, no seu informe deu conta da celebración dunha sesión de traballo coa Consellería de Emprego e a creación dun grupo de traballo para axustar as datas de preinscrición e matrícula das bolsas BEME de excelencia á mocidade exterior “que son unha moi boa iniciativa que nos permite atraer aos nosos mestrados estudantado de todo o mundo”. Tamén indicou que se segue a traballar para a impartición das microcredenciais, e xa hai 14 propostas en proceso de avaliación, e informou da existencia dun problema co programa Campus Spain, unha iniciativa privada que achega á UVigo estudantes preuniversitarios de todo o mundo para aprender español no Centro de Linguas. Moitos deles elixen precisamente a UVigo para formarse, foi o caso de 35 mozos e mozas que o ano pasado fixeron o curso e este ano se matricularon na UVigo. Agora, un cambio normativo pon en perigo este sistema e posiblemente obrigue a que o curso pase a converterse nun título propio da UVigo e nese camiño se está a traballar.

Conta de liquidación do orzamento de 2024

Nesta sesión tamén se aprobou a conta de liquidación do orzamento do exercicio 2024 para o seu trámite ao Consello Social. A xerenta, Yolanda Lesmes, subliñou a evolución dos orzamentos da Universidade de Vigo para o exercicio 2024 reflicte a consecución dunha estabilidade orzamentaria suficiente para garantir a actividade da Universidade e lembrou que a conta anual foi sometida a unha auditoría pública que concluíu que as contas expresan todos os aspectos significativos, a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira da UVigo a 31 de decembro de 2024, os seus resultados, fluxos de efectivo e o estado de liquidación do orzamento correspondente ao exercicio anual rematado na dita data. Segundo os datos presentados, o orzamento definitivo de ingresos da UVigo acadou os 278.180.104 euros, fronte aos 248.822.967 que se aprobaron inicialmente. Ademais, o remanente de tesourería é de 88 millóns de euros e o remanente non afectado acada os 10 millóns de euros. Neste punto interviñeron os catedráticos Coral Del Río e Jacobo Porteiro, expresando o seu desacordo coas contas presentadas e, no caso da representante de Nós Universidade, recalcando a súa preocupación pola diminución do remanente de tesourería de libre disposición nos últimos anos. En sentido contrario interviñeron o profesor Vicente Romo e a catedrática Carmen Ruiz, que defenderon a idoneidade das contas presentadas pola xerenta, que foron aprobadas finalmente por 31 votos a favor, 3 en contra e 2 abstencións.

A xerenta tamén presentou unha proposta de transferencia de crédito interna no Instituto de Física e ciencias Aeroespaciais que foi aprobada por asentimento.

Aprobada a normativa para contratación de profesorado asociado

Logo de tres anos sen un marco específico, o Consello de Goberno aprobou na súa sesión de hoxe a normativa para a contratación de profesorado asociado, un paso adiante máis no proceso de adaptación á LOSU, que muda de xeito considerable a figura da e do profesor asociado, facéndoa máis restritiva. A normativa que chegou ao Consello de Goberno tras ser aprobada na mesa de negociación e na COAP, permite, segundo a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, “limita mellor as funcións do profesorado asociado”, ao tempo que lembra que no curso 2017/2028 todas e todos os asociados terá que ser “asociados LOSU”. Na actualidade a UVigo conta cun 325 asociados e asociadas, aos que se sumarán, logo da súa contratación, 25 máis ao longo deste ano.
Doutra banda, tamén se deu luz verde á aprobación da condición de emérito ado profesor Carlos María Fernández- Jardón e á renovación de José Luis Legido, así como á contratación dun profesor visitante, prevista no POD do vindeiro curso a proposta do Departamento X02 de Dereito Privado.

Novo regulamento de contratación do persoal investigador

Durante a sesión tamén se aprobou un novo regulamento de contratación do persoal investigador, técnico e de xestión da investigación na UVigo, un colectivo no que anualmente acostuman atoparse entre 800 e 1000 persoas, segundo explicou a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen recalcou que se trata dun grupo “moi grande” de persoas que están contratadas polo capítulo 6, é dicir, con cargo a proxectos de investigación. Ao mesmo tempo, explicou, trátase tamén dun colectivo “variable”, xa que estas contratacións dependen da cantidade de fondos que se consigan anualmente, “unha cifra que en 2024 alcanzou preto de 50 millóns de euros, unha cantidade moi relevante que fai que este colectivo sexa abondoso”, subliñou Rubio, ao tempo que  resaltou a necesidade de que, “dalgún xeito”, este persoal investigador vexa reflectidos os seus dereitos estatutariamente.

No detalle da norma Rubio explicou que se trata dunha actualización da normativa aprobada en xuño de 2022, na que se melloran aspectos como “a posibilidade de incorporar probas selectivas, cando a oferta veña da vicerreitorías ou da xerencia; a incorporación dos trienios (dous) e subas salariais (3%) nas retencións de crédito xenéricas”, así como cuestións como o axuste do procedemento para as Marie S. Curie predoutorais, “onde a selección pode ser levada a cabo globalmente polo consorcio” ou a posibilidade de usar os complementos retributivos para predoutorais ou posdoutorais de programas.

Desde o punto de vista dos sindicatos, o profesor Miguel Cuevas salientou como “apremiante” a necesidade de aclarar a situación destas persoas “que moitas veces están nun limbo, polo que hai que avanzar na busca dunha situación convenial xusta para elas e eles, que inclúa retribucións xustas, dereitos electorais, de participación...”, unha cuestión na que o reitor se manifestou “completamente de acordo” e na se amosou esperanzado en que os novos estatutos sexan de axuda. Nesta liña, pronunciouse tamén o profesor Jacobo Porteiro, quen demandou aproveitar o debate dos novos estatutos “para fixar dunha vez por todas o encaixe estatutario deste colectivo”. Pola súa banda, Anabel G. Penín, responsable do novo Servizo de Recursos Humanos de Investigación, referiuse a este novo regulamento como ”moi mellorable, pero o mellor que podíamos ter neste intre”.

Admisión de estudantes con estudos de grao xa iniciados e recoñecemento de créditos

No transcurso desta sesión, o Consello de Goberno tamén aprobou o novo Procedemento de admisión de estudantes con estudos universitarios oficiais de grao iniciados na UVigo ou noutra universidade española que desexen continuar os mesmos ou outros estudos oficiais de grao na Universidade de Vigo. A nova normativa responde á necesidade de adaptación ao novo RD534/2024 e estipula que deben ter recoñecidos un mínimo de 30 ECTS, cumprir o establecido na normativa de permanencia e progreso que lle sexa aplicable e non obter o título nos estudos de procedencia con anterioridade ao curso académico para o que se solicita a admisión. O número de prazas reservadas para esta casuística será, polo menos, o 2 % do total das prazas ofertadas en cada titulación para estudantado de novo ingreso. No novo texto, engadese, por exemplo, que para deportistas de alto nivel e de alto rendemento que se vexan na obriga de cambiar de residencia por motivos deportivos, e sen prexuízo do cumprimento dos requisitos xerais de admisión, os centros deberán atender as solicitudes de admisión para que poidan continuar a súa formación no seu novo lugar de residencia.

Tamén se aprobou o Regulamento de recoñecemento e transferencia de créditos académicos nas titulacións oficiais de grao e de mestrado para adaptarse ao RD 822/2021, do 28 de setembro.

Doazón á FFT dun busto en homenaxe a don Celso

Durante a sesión aprobouse tamén -con 33 votos a favor, un en contra e tres abstencións- a elevación ao Consello Social da doazón dun busto de madeira do recordado profesor Celso Rodríguez Fernández, coñecido como don Celso, á Facultade de Filoloxía e Tradución, da que foi docente durante case corenta anos, primeiro como profesor no antigo Colexio Universitario de Vigo e, xa logo, da extinta Facultade de Humanidades, da que tamén exerceu como decano, e da hoxe FFT, ata a súa xubilación en 2013.  

Recoñecido filólogo e teólogo, o seu falecemento en xuño de 2021 provocou un fondo pesar na comunidade universitaria que se traduciu en moitos testemuños de toda índole. A estas mostras de agarimo súmase agora un busto de madeira doado por Antonio Manuel Rodríguez González, quen exerceu durante anos como conserxe da FFT, onde coñeceu a don Celso e estableceu amizade con el. Unha vez que sexa tida a ben a doazón polo Consello Social, o busto será instalado na sala de xuntas do decanato do centro. “Desde a facultade agradecemos profundamente esta doazón, pois axudará a manter viva e lembrar unha figura moi importante na traxectoria deste centro”, salintou o decano, José Montero Reguera.

Se ben este punto da orde do día era unha cuestión “en principio de trámite”, tal e como indicou o reitor, xa que chegaba avalada por un informe favorable previo da FFT,  foi sometida a votación ante a petición da profesora Coral del Río de adiar esta proposta ata contar cunha normativa específica na que se regule en detalle o procedemento que debe seguirse na Universidade ante unha proposta de doazón.  “Eu non teño problema en máis adiante abordar esta petición e intentar artellar algún procedemento que sexa máis acaído, pero neste intre non vexo razóns para adiar esta decisión sobre o que foi un dos fundadores da nosa Universidade”, salientou o reitor, termos nos que tamén se manifestaron o decano José Montero e os docentes Inmaculada Anaya e Miguel Cuevas, reflexións ás que se engadiu a da decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, quen lamentou “que se poña en cuestión o criterio dos centros á hora de xestionar este tipo de cuestións”.