DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto internacional Maroco que desenvolve o GEAAT e o INSAP

Un equipo hispano-marroquí estuda o material atopado na intervención arqueolóxica de Tahaddart

O volume de material ronda os 10.000 fragmentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 13/06/2022

O pasado mes de novembro desenvolveuse no xacemento marroquí de Tahaddart a primeira campaña arqueolóxica internacional da Universidade de Vigo. Durante 17 días un equipo marroquí e español de ata 30 persoas interveu nese enclave co obxectivo de afondar no coñecemento deste importante xacemento dedicado á produción industrial de salgas de peixe e tamén no comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. O proxecto continúa agora co estudo do material arqueolóxico atopado nesa campaña por parte dos membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo e do Institut National des Sciences de l'Archéologie et du Patrimoine (INSAP) que levan a cabo este proxecto conxuntamente. O volume de material ronda os 10.000 fragmentos, entre cerámica, vidro, material lítico e restos orgánicos como ósos, cunchas e restos de peixe.

Factorías de salgadura romanas

Os traballos forman parte do proxecto Maroco, que ten unha duración de cinco anos e que se realiza ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos, e a Universidade de Vigo. Ademais, a campaña arqueolóxica en Tahaddart 2021 estivo financiada polo Ministerio de Cultura de España, a través da súa convocatoria para escavacións no exterior, e o estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, e conta co apoio económico e loxístico do INSAP.

O xacemento de Tahaddart sitúase no norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior. Trátase dun complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan as súas grandes fábricas de salgadura de peixe. A campaña realizada en 2021 estivo codirixida polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández e polo profesor e vicedirector do INSAP M. Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali. Os traballos realizados permitiron ampliar as dimensións coñecidas do xacemento, descubrindo novas factorías de salgadura romanas e numerosos restos materiais, entre eles unha mostra de peixe, a primeira deste tipo que se analiza.

Traballo no Museo de Lixus

“O proxecto Maroco volve poñerse en marcha en Marrocos despois da campaña de escavación do pasado outono, aínda que todo este tempo nunca estivo parado”, explica Adolfo Fernández. O profesor da UVigo e a profesora Meriem Hansali coordinan o equipo que desde o pasado 26 de maio e ata esta fin de semana estivo en Larache para estudar o material arqueolóxico atopado na campaña do pasado ano e que se atopa depositado no Museo de Lixus. “Traballamos nas instalacións do museo grazas ao apoio do Ministerio de Cultura de Marrocos e do seu conservador, o arqueólogo Hicham Hassini”, detalla o arqueólogo da Facultade de Historia do campus de Ourense. O equipo que estivo en Marrocos analizando os materiais estivo formado por seis investigadoras e investigadores, os dous co-directores do proxecto e Mohammed Kbiri-Alaoui, Halima Naji, Alba Rodríguez Nóvoa e Nerea Ruanova. “O traballo consistiu na identificación, rexistro, debuxo e estudo de todo o material arqueolóxico recuperado en 2021. O volume de material ronda os 10.000 fragmentos, entre cerámica, vidro, material lítico e restos orgánicos como ósos, cunchas ou restos de peixe”, sinala Adolfo Fernández. Durante a estadía, os directores do proxecto tamén realizaron traballos de investigación nos museos da Kasbah (Tánxer) e no Museo Arqueolóxico de Tetuán na procura de máis materias de xacementos do norte de Marrocos para o seu estudo e incorporación ao proxecto. Rematada esta visita a Marrocos, Adolfo Fernández explica que “se todo vai segundo o previsto, volveremos a facer traballo de campo en Tahaddart no mes de setembro”.