DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderados por Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago

Un equipo internacional afonda no estudo das relacións que se establecen entre o poético e o político e o seu impacto na sociedade

Son 21 especialistas e o ministerio concedeulles un cuarto proxecto dentro do Plan Nacional de I+D+i

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/10/2020

Xerar coñecemento sobre as relacións entre o poético e o político e o seu impacto nas sociedades occidentais actuais. Este foi o obxectivo co que en 2010 se creou un grupo de especialistas internacionais e, dez anos despois, os propósitos, en esencia, seguen a ser os mesmos. Lidera este equipo o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago e, se inicialmente non chegaban a unha ducia de investigadores e investigadoras, pouco a pouco esta particular familia foise ampliando e hoxe son xa unha vintena de profesionais de procedencias tan dispares como Galicia, Oxford, Ciudad de México, Porto, Santa Bárbara ou Lancaster... O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades –agora dividido en dous- concedeulles este ano unha nova subvención –neste caso de preto de 60.000 euros- para pór en marcha o proxecto Poesía actual e política: conflito social e dialoxismos poéticos (Poepolit II), continuación directa de tres traballos de investigación previos, tamén financiados polo Plan Nacional de I+D.

“A consecución deste novo proxecto é un recoñecemento dun traballo intenso e dunha longuísima colaboración dende hai xa máis dunha década”, explica Baltrusch, ao que engade que a resolución do ministerio “confirma a solvencia dun grupo moi internacional e a validez das nosas propostas teóricas e dos nosos estudos de caso”. 

Desde que se puxeron en marcha ampliaron a análise teórico-práctica do poético e da súa interpretación co político, comprobando que os resultados das análises de fenómenos poéticos na actualidade poden ser extrapolados para os estudos socio-culturais  e económico-políticos en xeral. Traballan sobre multitude de temas: a poesía e o conflito social; a revitalización dos graffiti, da arte pública e o seu vínculo co fenómeno poético; sobre cuestións varias ao redor do eixo poesía e xénero; as poéticas da marxinalidade e o exilio; os rexistros  argumentativos e  autoanalíticos en poesía; a análise da recepción en distintas modalidades da poesía pública; corpo e  performance; poesía e redes sociais; poesía e tradución; poesía e hibridación discursiva e xenealóxica; o privado e o íntimo; sobre dereitos civís, identidade e erotismo na poesía árabe actual; a expresión poética en relación co espazo público global e dixital; etc.  

Consideran que a poesía está cada vez máis relacionada cos movementos sociais

Desta vez, inician o proxecto partindo de catro hipóteses. Consideran que a poesía contemporánea cuestiona e tende a excluír voces, suxeitos, cosmovisións e ideoloxías que teñen un carácter único e uniforme e que iso abre precisamente espazos dialóxicos con diferentes posicións, percepcións e linguaxes; con espazos de imaxinación poética e política que están cada vez máis relacionados con movementos sociais, como aqueles asociados ao feminismo e á ecoloxía. “Neste sentido, parécenos que moitas protestas sociais na actualidade poden ser analizadas como accións poéticas que expresan a posibilidade de considerar a imaxinación como axente de cambios estruturais na realidade”, recalca o responsable do proxecto. 

A partir destas hipóteses iniciais formulan catro grandes preguntas de investigación ás que lles gustaría responder “cando menos en parte”. A primeira sería, se existen correlacións entre esta atención progresiva que a poesía contemporánea presta ás diversas formas de conflitos sociais e as diferentes formas dialóxicas. Outra cuestión é en que medida un discurso poético de oposición ao capitalismo globalizado e ás políticas públicas é posible. “Pensamos sobre todo nas  ecocríticas,  ecopoéticas, nas poéticas feministas, etc. Queremos saber se podemos falar do que chamamos unha ‘reactivación poética do corpo social’, e que obras ou expresións poéticas dialogan con movementos ou accións políticas actuais nos ámbitos culturais e lingüísticos que estamos a estudar”, subliña Baltrusch, ao que engade que tampouco se esquecerán de “describir que formas o realizan e con que consecuencias”.

A maiores de todo isto seguirán tamén ampliando a base de datos P(O)ESPUBLIC, un rexistro dixital público de prácticas e análises poéticas en circulación efectiva no espazo público local e global. “Queremos consolidala como un marco de referencia para o estudo e a análise das expresións poéticas das culturas urbanas europeas e latinoamericanas”, explica o investigador principal do proxecto.

Novas incorporacións para un equipo cada vez máis internacional

A iniciativa de pór en marcha este traballo partiu dun reducido grupo de especialistas no que, ademais do propio Baltrusch, están Arturo Casas e Ana Chouciño, da Universidade de Santiago de Compostela; Isaac Lourido e Iria Sobrino, agora na Universidade da Coruña; Alba Cid, da Oxford University; Cornelia Gräbner, da Lancaster University, e Iratxe Retolazza, da Universidad del País Vasco/Euskal Herria. Este núcleo orixinal permanece intacto, pero a el fóronse engadindo outros expertos e expertas. Dende o proxecto anterior seguen tres especialistas de referencia en Portugal, Rosa Maria Martelo e Joana Matos Frias, da Universidade do Porto; Joana Meirim, da Universidade Cátolica Portuguesa; Alethia Alfonso e Kenia Aubry, de universidades mexicanas; Geneviève Fabry, da Université Catholique de Louvain en Bélxica, e Carlos Nogueira e Antía Monteagudo, da Universidade de Vigo.

Co novo proxecto chegan tamén novas incorporacións. “Estamos moi orgullosos de poder contar con Antonio Méndez Rubio, poeta e profesor da Universitat de València, unha das grandes referencias do ámbito das Ciencias da Comunicación e da Socioloxía nos estudos de poesía”, apunta Baltrusch, quen tamén salienta o caso da catedrática da University of California – Santa Barbara, Silvia Bermúdez, e de Margarita García Candeira, da Universidad de Huelva.

A poesía como evento

Entre as principais conclusións que extraen destes anos de traballo destacan que as novas formas de subxectivación que constataron na poesía contemporánea favorecen ademais unha idea da poesía como evento, como acontecemento dentro dun espazo concreto, “a miúdo público, a miúdo tamén político”.

Ademais foron distinguindo tamén sete aspectos interdependentes da poesía contemporánea: unha nova disposición para a recepción; unha presenza do político capaz de abrir novos espazos de subxectivación; o carácter de evento dunha poesía deseñada directamente para o público; o discurso que elabora este evento;  e que manifesta unha discursividade que xa non se axusta ao que se consideraba habitualmente como canónico; e finalmente, o vínculo entre poesía e lugar, entre espazos públicos, espazos traducidos e espazos intermediais. “Puidemos comprobar a efectividade e aplicabilidade analítica da noción do espazo público, procedente da filosofía política e da historia cultural europeas no campo dos estudos literarios, tanto no sentido clásico do concepto, como na súa adaptación ás coordenadas da globalización e a cibercultura, moi relevantes para o desenvolvemento das Humanidades Dixitais, por exemplo”, remarca o director da I Cátedra Internacional José Saramago.