Contan, por terceira convocatoria consecutiva, cunha axuda do Ministerio de Ciencia
Un equipo internacional dirixido desde a UVigo estuda o contexto literario e histórico do 'Cancionero de Baena'
Participan investigadoras e investigadores de España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e EEUU
Un equipo internacional de investigadoras e investigadores liderados desde a Universidade de Vigo polo catedrático Antonio Chas Aguión levan desde o ano 2015 estudando a contorna literaria e histórica do Cancionero de Baena, “cuxa transcendencia e excepcionalidade radica en que é fonte única para o coñecemento da poesía xurdida en castelá na península dende mediados do século XIV, cando xa esmorecía a poesía galego-portuguesa e o desenvolvemento da poesía cortesá do século XV”. Son o grupo Nocelba e nel participan especialistas de España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e Estados Unidos, financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que en 2023 lles renovou, por terceira convocatoria consecutiva, o financiamento deste proxecto.
“Non son frecuentes os equipos de investigación do ámbito das humanidades que acceden a este tipo de axudas e, no noso caso, xa é a terceira vez que o conseguimos”, explica Chas Aguión, director do Departamento de Literatura española e Teoría da literatura da Universidade de Vigo, moi satisfeito polo apoio que o ministerio lle vén outorgando a este proxecto e que permitirá darlle continuidade ata agosto de 2027.
Testemuña dunha época trascendental
“O que hoxe consideramos como Cancionero de Baena é, en realidade, a única copia conservada actualmente do orixinal Cancionero de Baena, preparado polo escribano Juan Alfonso de Baena ao monarca Juan II de Castela cara ao 1430”, salienta o responsable do equipo.
O cancioneiro conserva a poesía creada e espallada coa entronización dos primeiros Trastámara, como testemuña dun xeito de poesía que xa estaba esmorecendo. Pero, desde o punto de vista dos integrantes de Nocelba, o importante é que se trata, ademais, “dunha testemuña de primeira orde como reflexo dunha época transcendental e basilar dos acontecementos que coñecerá a península en épocas posteriores en diferentes ordes, tanto a nivel histórico-político, social, ideolóxico, económico como cultural e literario”.
Sen perder de vista a importancia da análise literaria, desde Nocelba dáselle especial relevancia ao estudo deste contexto histórico en transformación e a como se converte en motivo literario en épocas posteriores, “pois non son poucas as obras dos séculos seguintes, mesmo ata a nosa actualidade, que toman como punto de partida personaxes e acontecementos deste momento que constitúe o noso punto de partida”.
Repartidos entre Europa e América
O proxecto está integrado por un conxunto de doutores e doutoras especialistas en diferentes épocas cronolóxicas da literatura española. En concreto, participan cinco docentes de tres institucións universitarias españolas: Antonio Chas Aguión e Montserrat Ribao, tamén catedrática da Universidade de Vigo; outras dúas investigadoras formadas no seu momento na UVigo e hoxe profesoras da Universidad San Pablo Ceu, e outra pertence á Universidade de León. A el e elas súmase o traballo “indispensable” de seis dos mais reputados especialistas internacionais neste ámbito, catedráticos e catedráticas pertencentes a seis institucións de ata cinco países diferentes: Portugal (Univ. de Lisboa), Italia (Verona e Udine), Francia (Rennes 2), Reino Unido (Northumbria) e, máis recentemente, incorporouse tamén unha catedrática da Universidade de Washington, en Seattle, Estados Unidos, que xa fixera colaboracións ocasionais co grupo e agora vén a reforzar algún dos obxectivos formulados para esta nova etapa.
A este equipo engádese o persoal en formación que neste momento está desenvolvendo as súas teses de doutoramento baixo a supervisión dos membros da rede. “Todos e todas son indispensables para o correcto funcionamento e a consecución dos obxectivos propostos”, salienta Chas Aguión.
Biblioteca dixital propia
A fortaleza e singularidade do equipo radica, tal e como defenden os seus integrantes, en tratar de forma conxunta e simultánea a análise dos textos literarios conservados (nos seus aspectos material, filolóxico e literario) coa evolución literaria e máis a base social, económica e política sobre a que se sustentou. “A esta perspectiva innovadora súmase o feito de que non se fai volvendo sobre os autores mais representativos do período, xa estudados, senón atendendo a aqueles menos coñecidos e que coinciden, moi a miúdo , cos personaxes de máis relevancia social, moitos deles e delas (aínda que esta perspectiva de xénero non fora estudada ata a nosa investigación) mecenas que alimentaron a propia escola, fomentando a creación literaria ao tempo que proporcionaban os medios económicos, sociais e culturais que a fixeron posible”, apunta Chas.
Asemade, e como marca de Nocelba, tamén tratan as relecturas e reescrituras posteriores deste contexto histórico en épocas literarias posteriores, co que se logra alcanzar unha ampla dimensión cronolóxica dos seus estudos, algo que foi moi positivamente valorado nos sucesivos informes da súa actividade. Neste contexto insírese unha biblioteca dixital, propia deste proxecto, TECER, coordinada dende a UVigo pola profesora Ribao, que xa alberga máis de cento vinte reescrituras contemporáneas do tempo e os nomes do Cancionero de Baena, e tamén unha das súas salas, Mulier, onde lle dan visibilidade aos nomes propios de muller que figuran nos seus poemas.
Exploración do papel da muller na creación literaria da época
A renovación do financiamento concedido polo ministerio a finais de 2023 permitiulles iniciar unha nova etapa dirixida a cubrir espazos que aínda quedaban pendentes na investigación. Tal e como explica Chas Aguión, ademais de abarcar novos autores non contemplados ata agora, unha das liñas máis novidosas vai dirixida a explorar o papel da muller na creación literaria da época e, tamén, na súa repercusión, como motivo literario en épocas posteriores, transcendendo a xa habitual negación da súa importancia ao ampliar a investigación de novos focos (especialmente en ámbitos conventuais e cortesás), así como o seu papel de mecenado, aínda non explorado... “Así mesmo, tamén pretendemos achegar luz sobre colectivos minorizados por diferentes causas (políticas, étnico relixiosas, sociais, de xénero...), pois temos comprobado que estes textos son unha importante fonte de coñecemento da época”. Nesta liña, o coordinador da rede salienta que precisamente este curso inaugurouse na UVigo un título propio de especialista relacionado con varios dos obxectivos de Nocelba: Experto en escritura e reescrituras literarias da Idade Media.