DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova campaña arqueolóxica no xacemento etíope de Melka Kunture

Un equipo internacional participado pola UVigo investiga as fases antigas da evolución humana en África

Analizaron máis de 2500 ferramentas líticas datadas hai 1,95 millóns de anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 07/03/2023

O xacemento de Melka Kunture, en Etiopía, constitúe un “referente internacional fundamental” no estudo do desenvolvemento evolutivo, condutual e tecnolóxico dos primeiros representantes do xénero homo en África, especialmente do Homo ergaster/erectus. Un equipo internacional no que participan membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo acaba de rematar unha nova campaña arqueolóxica neste enclave no que se investigan “as fases antigas da evolución humana en África”.

Os membros do GEAAT Eduardo Méndez, Andrea Serodio e Patricia Bello realizaron unha estancia de investigación nos meses de xaneiro e febreiro en primeiro lugar no Authority for Research and Conservation of the Cultural Heritage (ARCCH), en Addis Abeba, e posteriormente traballos de campo en Melka Kunture. O xacemento de Melka Kunture estúdase ao abeiro da Italo-Spanish Archaeological Mission at Melka Kunture and Balchit, liderada pola investigadora Margherita Mussi e codirixida por Joaquín Panera e o propio Eduardo Méndez. Os traballos de campo desta misión estiveron parados algo máis de tres anos, primeiro pola pandemia da covid-19 e logo por problemas políticos no país africano, e puideron ser finalmente retomados este ano.

Nesta campaña 2023, ademais do equipo procedente da Facultade de Historia do campus de Ourense, participou persoal investigador da International Association for Mediterranean and Oriental Studies (ISMEO), da Sapienza Università di Roma e da Universidad Complutense de Madrid. Durante os traballos de laboratorio, analizaron principalmente máis de 2500 ferramentas líticas dos sitios achelenses de Gombore IB e Garba IVD, datados hai arredor de 1,95 millóns de anos. Ademais desenvolveron durante catro semanas traballos de campo en diferentes xacementos da área arqueolóxica de Melka Kunture, que van "dende o Olduvaiense ata a Late Stone Age" e que “permiten ampliar o coñecemento, respectivamente, das fases de poboamento máis antigas e recentes da zona”, tal e como indica Eduardo Méndez, que desenvolve desde 2017 investigacións nalgunhas das principais secuencias da prehistoria africana, como a Garganta de Olduvai (Tanzania) e esta de Melka Kunture.

A “primeira gran tecnoloxía humana de éxito global”

Sobre a importancia de avanzar no coñecemento deste enclave, o arqueólogo da UVigo lembra que o achelense “é o nome que reciben unhas tecnoloxías de fabricación de ferramentas de pedra do Paleolítico inferior” que se fundamenta na obtención e modificación de grandes lascas, a partir das cales fabricaban obxectos máis complexos como bifaces ou fendedores. “A súa orixe sitúase en África hai máis de 1,8 millóns de anos, e expandiuse por boa parte do mundo, chegando á súa desaparicións hai uns 150.000 anos. Este xeito de fabricar ferramentas desenvolveuse, case de xeito inmutable, durante máis de 1,5 millóns de anos, no que é exemplo da tradición tecnolóxica máis exitosa e duradeira na historia da especie humana”, afirma.

“As ferramentas líticas dos sitios de Gombore IB e Garba IVD forman parte do complexo arqueopaleontolóxico de Melka Kunture e son unha das mostras máis antigas da tecnoloxía achelense en África. A compresión das características tecnolóxicas destas primeiras ferramentas, así como das condicións paleoambientais e evolutivas dos homininos dos xacementos, son fundamentais para entender un dos fitos máis importante da evolución humana: o salto tecnolóxico da fabricación das primeiras ferramentas olduvaienses ao desenvolvemento do achelense”, explica o investigador da UVigo.

Na actualidade, comenta Eduardo Méndez, os resultados das investigación en Melka Kunture están a posicionar este enclave como unha das áreas máis relevantes do este de África para comprender a aparición e desenvolvemento biolóxico e tecnolóxico do Homo ergaster/erectus. Así, lembra, recentemente publicouse na revista Nature Ecoloy&Evolution “o primeiro exemplo coñecido de taller de fabricación de bifaces no sitio de Simbiro III, datado en máis de 1,2 millóns de anos”, nun traballo que contou coa participación por parte da UVigo deste arqueólogo e tamén de Andrea Serodio.

As investigacións en Melka Kunture contan co apoio económico da Fundación Palarq dentro das convocatorias de Proyectos paleontológicos y arqueológicos españoles en el extranjero. Asemade, Eduardo Méndez Quintas acadou financiación na convocatoria de investigación de 2022 da Fundación Leakey. O proxecto financiado por esta fundación ten o título de The Early Acheulean (~2.0-1.7 million years ago) at Melka Kunture on the Ethiopian Highlands e dá soporte ao estudo sobre o desenvolvemento inicial do achelense en África, centrado nos sitios de Melka Kunture.