DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo masculino A de tenis ascende á división ouro do Campionato Galego

O B tamén loitará por acadar unha praza na categoría de prata

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 04/04/2022

Tras rematar a primeira fase do campionato galego por equipos absolutos, a Universidade de Vigo está a piques de acadar o ascenso para os dous equipos masculinos. De feito, explica o seu adestrador, Jorge Comesaña, tanto o equipo masculino A, en división prata, como o B, en primeira, “xa acadaron o seu obxectivo principal, que era pasar entre os tres primeiros de grupo e poder loitar polo ascenso e o campionato das súas respectivas división”.

No que se refire ao masculino A rematou esta primeira fase como primeiro de grupo, o que coloca aos universitarios directamente nas semifinais, tras vencer a todos os seus rivais, coa excepción do CCD Sanxenxo, fronte ao que perdeu como visitante por 4-3. “Con este resultado e tendo en conta que hai varios equipos B”, destaca Comesaña, o UVigo consegue o ascenso a División Ouro, por segunda vez nos últimos catro anos, para a temporada 2023.

Pola súa banda, o equipo masculino B, que tan só perdeu a eliminatoria “contra un contundente Ureca”, acadou a segunda posición da fase de liga. Agora terán que disputar o cadro de ascenso, xogando contra Breaking Tennis a primeira rolda de oitavos de final nun cadro formado por 12 equipos.

Non foron tan bos os resultados do equipo feminino que, “tras pelexar todo o posible”, quedou no cuarto posto “a tan só 1 punto do terceiro e do posible regreso a división de  Ouro”. Agora, as mozas terán que pelexar por evitar o descenso á Primeira División fronte a un equipo aínda por determinar.