DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa ten carácter transfronteirizo e leva por nome NOVA TFE

Un equipo multidisciplinar da UVigo participa nun proxecto sobre tecnoloxías facilitadoras para pemes

Con profesorado de Enxeñaría Informática e Industrial, Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 15/01/2021

Consideradas o futuro da industria e caracterizadas por un uso intensivo de coñecemento, as tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) abranguen desde a micro e a nanoelectrónica, a nanotecnoloxía e a biotecnoloxía industrial ata materiais avanzados, fotónica e procesos de fabricación avanzados. Neste eido, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial participa no proxecto NOVA TFE. Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras.

Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O seu orzamento total alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento Feder, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional. Segundo explican os seus promotores, NOVA TFE é un proxecto de cooperación transfronteiriza Interreg Poctep que ten como finalidade “apostar por novos modelos de negocio arredor destas tecnoloxías, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TICs (fábrica 4.0, Internet das cousas e SmartCity)”.

Trasladar a investigación aplicada ás pemes

Coa posta en marcha desta iniciativa en 2020, indica o equipo da UVigo participante, os socios do proxecto acordaron facer fronte a unha serie de retos, como son “conseguir minimizar a fenda existente entre cidades e áreas rurais (pequenas cidades) respecto ao acceso das pemes a servizos e oportunidades; facer fronte á fuga de mozas e mozos formados cara áreas urbanas en busca de máis e mellores oportunidades; incentivar o desenvolvemento de novas pemes dentro do espazo de cooperación onde desenvolvan novos modelos de negocio; mellorar a conexión entre centros de investigación públicos e empresas de cara a converter resultados de investigación en opcións comerciais viables e protexidas e incrementar o investimento privado en I+D+i da zona”. Apostando polo “crecemento intelixente a través da cooperación transfronteiriza para o impulso da innovación”, NOVA TFE pretende “facilitar que a investigación aplicada relacionada coa Internet das cousas (especialmente SmartCity) e a fabricación avanzada, se traslade ás pemes dos sectores máis relevantes do espazo transfronterizo, involucrando directamente ao seu persoal en redes de intercambio e en laboratorios de prototipado e experimentación”.

A participación de persoal docente e investigador da UVigo nesta actividade, liderada desde Enxeñaría Informática por Francisco Javier Rodríguez e Alma Gómez, xurdiu, tal e como explican os seus responsables, “polo traballo previo da Universidade de Vigo con varios dos socios do proxecto, principalmente o Concello de Ourense e o seu centro de referencia La Molinera e a Deputación de Ourense”. O socio principal da iniciativa, engaden, a Mancomunidade de O Salnés, confiou na bagaxe da institución académica grazas á súa participación en proxectos europeos e transfronteirizos. “A oportunidade veu da man da experiencia e da propia temática do proxecto, cuxo eixe é o impulso da innovación grazas á utilización de tecnoloxías facilitadoras esenciais”, afirman.    

O equipo interdisciplinar que participa por parte da Universidade de Vigo en NOVA TFE, detallan, “créase para dar solvencia e garantía ao proxecto”. Así, explican as e os investigadores, “a nosa participación aborda varias liñas relevantes. Por un lado, realizar un asesoramento tecnolóxico e académico aos distintos socios, ao tempo que se reforza os lazos de cooperación coa estrutura transfronteiriza global de investigación e innovación. Por outro lado, facilitar apoio ao desenvolvemento dos servizos TIC vinculados ás SmartCities”. Finalmente, engaden, o labor deste grupo “pretende tamén a creación de vínculos e relacións co tecido empresarial mediante a difusión e posta en coñecemento de novas oportunidades empresariais e novos servizos á cidadanía”.