DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha das probas do campionato galego celebrada o sábado en Oleiros

O equipo de Orientación suma tres novas medallas de prata

Conseguidas por Diego e Germán Pérez e Ana Iglesias

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 04/06/2019

O equipo de Orientación da Universidade de Vigo sumou esta fin de semana tres novas medallas de prata, conseguidas por Ana Iglesias Junzalvos, Germán Pérez Juste e Diego Pérez Álvarez. Foi nunha das probas puntuables para a liga galega celebrada no Concello de Oleiros baixo a batuta da Sociedade Deportiva Ártabros. 

“Estratexia, condición física e alta concentración na lectura do mapa marcaron a dificultade desta competición”, explica o coordinador do equipo José Luis Armada, quen tamén salienta que a proba se disputou nunha contorna urbana, con partes do percorrido en monte e tamén en praia. “O percorrido realizouse na modalidade Score, na que os orientadores non teñen que seguir unha orde preestablecida dos puntos de control para completar o percorrido”, recalcou Armada.

Escolares buscando o norte no campus

Organizada polo Servizo de Deportes, o venres tivo tamén lugar no campus de Vigo unha carreira de Orientación na que participaron estudantes de 6º de Primaria do CEIP Sabarís (Baiona) e do CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo). Esta iniciativa vén celebrándose desde hai xa uns anos baixo o título Descubrindo o norte, e consiste en achegar ao campus a un grupo de escolares para que teñan a oportunidade de coñecer máis de preto a Universidade, organizando para eles toda unha serie de actividades tanto didácticas como lúdicas e deportivas. Neste contexto pola mañá coñeceron o traballo dos grupos de Novos Materiais e de Química Coloidal, pertencentes á Rede Galega de Biomateriais, realizando unha visita guiada aos seus laboratorios e practicando con eles diferentes experimentos interactivos. Logo, xa pola tarde, da man do equipo universitario de orientación, puideron coñecer de primeira man o campus e a súa contorna natural.