A final disputouse este xoves pola tarde na Facultade de Dereito
O equipo Rodaballos gaña a XIII Liga de Debate
Na competición participou arredor dunha vintena de estudantes de cuarto curso deste centro
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves pola tarde a celebración da semifinal e final da XIII Liga de Debate, coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Raúl Bonorino. Na competición, os equipos clasificados debateron, cos seus mellores argumentos, sobre se se debe ou non abolir a pornografía, seguindo a tradicional liña desta iniciativa de propor temáticas que se caracterizan pola súa actualidade ou controversia nas posturas a favor e en contra.
A liga, que se celebra desde o ano 2012 de xeito anual a excepción da pandemia, contou coa participación oito equipos, formados en total por 21 alumnas e alumnos de cuarto curso do Grao de Dereito do campus de Ourense. Ao longo das últimas semanas participaron en diferentes quendas ata chegar á final deste xoves. Tras sortear que postura ía defender cada equipo e con intervencións cronometradas, desenvolvéronse tanto as semifinais como a final, na que as e os estudantes tiveron que argumentar a súa postura e contraargumentar a do equipo rival. Na final competiron os equipos Rodaballos e La Vieja Guardia, elixindo o xurado como equipo gañador a Rodaballos e como mellor orador da final a un membro de La Vieja Guardia. As estudantes gañadoras tivo que defender a postura de que non debería abolirse a pornografía.
A cita, indican desde a súa organización, é cada ano unha oportunidade para as e os participante de formarse e adestrarse, nunha contorna didáctica, na capacidade de diálogo respectuoso, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación, considerando que a capacidade de ser capaces de argumentar en defensa das opinións propias en público é fundamental en xeral, pero de xeito especial en profesións como a de xurista.