DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de gañar a Durango Nissan-Gaursa RT

O equipo de rugby do campus consolídase no cuarto posto do seu grupo

O club de xadrez inicia con mal pé a súa participación na liga galega

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 29/01/2019

Esta fin de semana os equipos do campus de Ourense disputaron encontros de liga en rugby, baloncesto e xadrez con desigual resultado. Mentres o Campus Universitario Ourense Rugby Club e a categoría feminina tanto de rugby como de baloncesto sumaba cadansúa vitoria nos partidos disputados, os representantes de xadrez arrancaban a súa participación na liga galega con mal pé, sumando tres derrotas.

Bos resultados en rugby

O Campus Universitario Ourense Rugby Club acadou un marcador de 0-33 na súa visita o domingo 27 ao Durango Nissan-Gaursa RT. Este resultado consolida aos ourensáns no cuarto posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal, con dez vitorias e seis derrotas.  Na primeira división feminina, o Muralla Campus Ourense tamén gañou, neste caso por un marcador de 86-5, ao Kaleido Universidade Vigo. Ademais de festexar estas vitorias o equipo de rugby celebrou o venres 25 a presentación do álbum de cromos oficial do Campus Universitario Ourense Rugby.

Vitoria en baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense feminino recibiu o sábado 26 ao Fisiogal Centro de Fisioterapia, gañando o encontro por un marcador final de 72-46. Con este resultado, as xogadoras mantéñense segundas na primeira división autonómica feminina de baloncesto, empatadas a vitorias e derrotas cos primeiros clasificados, o Arxil Mafari Cafe.

Tres derrotas en xadrez

O sábado os equipos de xadrez do campus arrancaron con mal pé a súa participación na Liga Galega de Xadrez, sumando tres derrotas. O Universitario de Ourense A perdeu en Nigrán contra Laroca Nigrán por 3-1, con táboas de Brais Gerpe e Alberto Iglesias e derrotas de Antonio Fernández e Lino Hermida. En segunda división, o Universitario de Ourense B perdeu na súa visita ao Ateneo por 3-1, con táboas de Marcos Reza e José Javier Lamas e derrotas de Miguel Reza e José Jaime González-Viso. Por último, na terceira división, o equipo do campus perdeu na súa visita ao Liceo de Ourense B por 4-0, con derrotas de José Luis Sousa, Brais Fontán, Iría Souto e Óscar Fernández.