DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os malos resultados foron tamén a nota dominante en fútbol gaélico

O equipo de rugby do campus perde ante o Gernika RT

En baloncesto os xogadores acadaron a súa primeira vitoria da tempada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 28/10/2019

Esta fin de semana os malos resultados acompañaron ao primeiro equipo de rugby do campus de Ourense, que perdeu fronte a Gernika RT, e aos representantes de fútbol gaélico, que perderon fronte a Estrela Vermelha. A única nota positiva da xornada para os equipos universitarios estivo na categoría masculina de baloncesto, que acadou a súa primeira vitoria da tempada.

Rugby

Na sexta xornada da división honra B do rugby estatal, o Campus Universitario Ourense de Rugby perdeu 23-43 fronte a Gernika RT no partido disputado no Campo As Lagoas-Marcosende, no campus de Vigo. “Non puido ser e, ao final, Gernika Rugby Taldea foi un merecido vencedor do encontro”, indican desde o club ourensán, agradecendo ao Vigo Rugby Club e á Universidade pola cesión das instalacións e medios para o desenvolvemento do partido no seu campo e á afección por trasladarse ata alí para apoiar ao equipo ourensán. Con este resultado, o Campus Universitario Ourense de Rugby sitúase no quinto posto da táboa, con catro vitorias e dúas derrotas. Tamén en rugby pero xa na liga galega, a categoría feminina perdeu 82-5 na súa visita ao Muralla RC e categoría sub-16 perdeu na súa visita a Pontevedra por 33-27.

Fútbol gaélico

En fútbol gaélico, as categorías masculina e feminina do Auriense Campus da Auga enfrontáronse esta fin de semana na Liga Galega de Fútbol Gaélico a Estrela Vermelha. Sobre o encontro das xogadoras, desde o club sinalan que a pesar de que a primeira parte foi moi igualada, no segundo tempo “o equipo picheleiro asumiu a súa superioridade e impuxo un xogo máis rápido que as nosas xogadoras tentaron en todo momento conter”. O resultado final foi Auriense Campus da Auga FG 1-14 (17) vs 1-21 (24) Estrela Vermelha FG. Na categoría masculina indican como a pesar do esforzo feito polos ourensáns, Estrela Vermelha acadou unha vitoria clara “que deixa un sabor agridoce”, sendo o marcador final Auriense Campus da Auga F.G. 2-7 (13) vs 7-27 (48) Estrela Vermelha FG.

Baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, os equipos do campus disputaron esta fin de semana a segunda xornada de competición con desigual sorte. A categoría masculina do Universitario Campus Ourense gañou na casa na primeira división masculina por 79-68 contra CLB. Xa na primeira división autonómica feminina, o representante universitario perdeu 78-42 na súa visita a CB Seis do Nadal Coia, en Vigo.