DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría masculina de baloncesto continúa invicta

O equipo de rugby do campus perde contra o Uribealdea RKE nun encontro moi disputado

Este martes celebrarase unha master class solidaria de zumba aberta ás persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 16/12/2019

A piques de parar a súa actividade durante as vacacións do Nadal, os equipos deportivos do campus de Ourense nas diferentes competicións tiveron esta fin de semana desigual sorte nos encontros disputados. Mentres o primeiro equipo de rugby perdeu pola mínima contra Uribealdea RKE, os xogadores de baloncesto seguen invictos e o equipo de baloncesto feminino sumou unha nova derrota. Ademais, este sábado 60 persoas participaron na última ruta cultural universitaria deste ano. 

Competicións de rugby e baloncesto

A xornada doceava de competición no grupo A da división de honra B do rugby estatal saldouse o domingo para o Campus Universitario Ourense cunha derrota na súa visita a Uribealdea RKE. Foi un partido moi disputado que rematou cun marcador de 30-29. Con este resultado, o equipo universitario mantense no terceiro posto do seu grupo, con oito vitorias e tres derrotas no que vai de tempada. Tamén en rugby pero xa na liga galega, o equipo do Campus Universitario Ourense perdeu contra Muralla Lugo por 31-62.

Polo que respecta ao baloncesto, os equipos do campus seguen a dinámica de resultados de anteriores xornadas de liga. A categoría masculina mantense como líder invicto do seu grupo na primeira división masculina tras gañar o sábado 62-68 a Maderas Zamar EDM A Estrada. A categoría feminina continúa no último posto do seu grupo na primeira división tras perder tamén o sábado 56-44 fronte a CLB.

A última ruta do ano

As rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo pecharon o sábado 14 a súa programación de 2019 coa celebración da Ruta do contrabando. Ruta micolóxica e magosto pola Ribeira Sacra. Arredor de 60 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo fixeron un percorrido circular de 15 quilómetros e unha dificultade media-alta seguindo o itinerario Luintra, Monteverde, parador de Santo Estevo, Pombar e de novo Luintra, para rematar na área recreativa de Loñoá coa celebración dun magosto.

Zumba solidaria para pechar o cuadrimestre

Como peche á programación deportiva deste cuadrimestre, a Área de Benestar, Saúde de Deporte do campus de Ourense organiza xunto a AQA Ourense este martes, 17 de decembro, ás 20.00 h, unha Master Class de Zumba de carácter solidaria e aberta ás persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria. Con 100 prazas dispoñibles, as e os interesados en participar só terán que apuntarse na piscina universitaria ou no pavillón de deportes e traer un quilo de comida ou un xoguete que serán doados ao Banco de Alimentos.