DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de gañar esta fin de semana a Silverstorm El Salvador Emerging

O equipo de rugby do campus sitúase terceiro do seu grupo

170 persoas participaron o sábado na ruta polos Passadiços do Paiva

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 18/03/2019

Entre a actividade deportiva protagonizada polos equipos do campus de Ourense destaca esta fin de semana a vitoria do Campus Universitario Ourense Rugby Club, que tras gañar ao Silverstorm El Salvador Emerging sitúase no terceiro posto do seu grupo. Tamén sobresae a cifra das 170 persoas que  participaron o sábado na ruta cultural celebrada polos Passadiços do Paiva, en Portugal.  

Buscando un posto para o ascenso en rugby

As instalacións deportivas do campus de Ourense acolleron o sábado o encontro entre o Campus Universitario Ourense Rugby Club e o Silverstorm El Salvador Emerging na xornada 21 de liga. Os ourensáns gañaron 38-18 ao equipo de Valladolid, situándose así no terceiro  posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal, con opcións para xogar os play-off de ascenso. Polo que respecta á categoría feminina do club de rugby ourensán, o equipo Muralla Campus Ourense perdeu 0-93 fronte a Autoconsa El Salvador no partido polo ascenso disputado en Lugo.

Cara e cruz en baloncesto

En baloncesto, as xogadoras do campus gañaron o sábado na casa 66-49 ao Baxi Ferrol, manténdose no segundo posto da  primeira división autonómica feminina empatadas a partidos gañados e perdidos co primeiro clasificado, o Arxil Mafari Café. A categoría masculina do Universitario Campus de Ourense recibiu tamén o sábado a Obradoiro Silleda, perdendo o encontro por un marcador final de 62-69. Con este resultado mantéñense no segundo posto da segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina, por detrás precisamente do Obradoiro Silleda.

Unha derrota e un empate en xadrez

Polo que respecta ao xadrez, os equipos do Universitario de Ourense disputaron esta fin de semana a sétima xornada da liga galega. Na primeira división, o Universitario de Ourense A xogou en Mondariz contra o Club Xadrez Marcote, cun resultado final de 3-1, con táboas de Manuel Álvarez e Lino Hermida e derrotas de César Pérez e Julio César Pérez. Na segunda división o representante do campus acadou un empate fronte a Xadrez Forte no seu desprazamento a Monforte de Lemos, con vitoria de Miguel Reza, táboas de José Antonio Álvarez e José Jaime González-Viso e derrota de Mateo Dibuja.

Terceiro posto en natación

O domingo celebrouse na piscina Carballo Calero de Carballo o Campionato Galego Máster de Fondo, obtendo o Club Natación Escualos Campus da Auga 94 puntos e o terceiro posto na clasificación final do certame, no que participaron 22 clubes galegos e que gañou o Club Natación Rías Baixas. O equipo do campus que asistiu ao campionato estaba formado por dez nadadores, acadando case todos eles e elas medalla, destacando Jesús Carlos Quintas Barros, que mellorou o récord galego de 1500 metros na categoría +45.

Novena ruta cultural

O sábado, a programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, volveu de novo a Portugal para percorrer os Passadiços do Paiva, en Arouca, formados por arredor de nove quilómetros de pasarelas sobre o río e lugar referente do sendeirismo en Portugal. A inscrición nesta andaina foi a máis alta contabilizada ata o de agora nestes roteiros culturais, con 170 inscritos e inscritas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.