DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O resultado final do encontro disputado o domingo foi de 0-36

O equipo de rugby perde contra Ciencias RC Cajasol o primeiro partido da fase de ascenso

En baloncesto a categoría feminina sumou unha vitoria e a masculina unha derrota

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 08/04/2019

A gran cita deportiva desta fin de semana foi o partido de ida do play-off polo ascenso á máxima categoría do rugby estatal que disputaba na casa o Campus Universitario Ourense Rugby Club. Finalmente os ourensáns perderon contra Ciencias RC Cajasol de Sevilla cun resultado final de 0-36. En baloncesto a categoría feminina acadou unha vitoria e a masculina unha derrota e en xadrez o club universitario sumou dúas derrotas.

Unha derrota e unha vitoria en baloncesto

Os resultados en baloncesto foron desiguais. A categoría feminina gañou o domingo en Arousa contra CB Dorna por 54-73, manténdose no segundo posto da primeira división autonómica feminina. Pola contra, a categoría masculina do Universitario Campus de Ourense perdeu na casa o sábado 60-65 contra Top Quality Cars Baloncesto Cambre, colocándose con este resultado no cuarto posto na segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina.

Dúas derrotas en xadrez

Polo que respecta ao xadrez, na décima xornada da liga galega, os equipos do campus acadaron este sábado dúas derrotas nos partidos disputados. Na primeira división o Universitario de Ourense perdeu en Bueu contra Xadrez Bueu, sendo o resultado final de 3,5-0,5, con táboas de Lino Hermida e derrotas de César Pérez, Julio César Pérez e Miguel Táboas. Pese á derrota, o equipo consegue con este resultado manterse matematicamente na súa categoría a falta dunha xornada de liga. Xa en segunda división, o representante do campus acadou tamén unha derrota en Chantada contra Círculo Chantadino Xadrez B por 2,5-1,5, con vitoria de Miguel Reza, táboas de Laura Martínez e derrotas de Adrián González e José Manuel Novoa.

Andaina pola Costa da Morte

Tamén este sábado, arredor dun centenar de persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo realizaron a décima andaina cultural deste curso da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A pesar do mal tempo, as e os participantes puideron realizar sen incidencias un dos tramos do Camiño dos Faros, concretamente o que une os pobos de Laxe e Camelle, na Costa da Morte.