DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sitúase no quinto posto do seu grupo na división de honra b estatal

O equipo de rugby remata o ano cunha vitoria ante o CR Ferrol

O Club Natación Escualos Campus da Auga participou na segunda xornada da Liga Galega Máster

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 21/12/2020

O Campus Universitario Ourense Rugby Club acadou este domingo unha vitoria na sexta xornada da liga 2020/2021 da División de Honra B do rugby estatal. Os ourensáns gañaron na Matala ao CR Ferrol cun marcador final de 7-26. Sobre o encontro disputado, o club salienta que foi unha “boa e importante vitoria a domicilio ante un duro CR Ferrol” e un “bo partido e bo traballo de equipo”. Con este resultado, o equipo sitúase quinto do seu grupo, con tres vitorias e tres derrotas no que vai tempada. O seguinte partido de liga será xa o 10 de xaneiro de 2021, cando os ourensáns xogarán contra Avia Eibar Rugby.

Tamén competiu esta fin de semana o Club Natación Escualos Campus da Auga, que participou o domingo na segunda xornada da Liga Galega Máster disputada na piscina Rosario Dueñas de Ourense. “Con 23 deportistas, un dos equipos máis numerosos da xornada, completamos unha gran competición sen ningún descalificado e continuando a rodaxe para o campionato galego que se celebrará en xaneiro”, indican desde o club. As probas que se nadaron, indican, foron 50 costas, 200 libre, 50 bolboreta e 10 braza. Á espera de coñecer os resultados desta xornada, o club está na segunda posición na clasificación provisial, entre un total de 23 clubs galegos. O equipo volverá á competición en xaneiro.