DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Auriense FG sumou esta fin de semana a súa terceira vitoria de liga

O equipo de rugby sitúase terceiro na táboa tras gañar ao Durango Nissan-Gaursa RT

65 persoas participaron na primeira das rutas culturais deste curso académico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 22/10/2018

O Campus Universitario Ourense Rugby Club sumou este domingo unha nova vitoria, esta vez contra o Durango Nissan-Gaursa RT. Igualmente positiva foi a xornada para o Auriense FG, que gañou na casa ao Cambados FG. Tamén esta fin de semana arrancou a programación de andainas universitarias, percorrendo 65 persoas procedentes dos tres campus a zona de Baños de Molgas.

Vitorias no terreo de xogo

Polo que respecta ao encontro de rugby, os ourensáns acadaron un marcador de 74-7 que dá conta da súa superioridade no encontro disputado no campo de fútbol-rugby do campus de Ourense. Con este marcador, o Campus Universitario Ourense Rugby Club sitúase, con tres vitorias e dúas derrotas no que vai de liga, no terceiro posto do seu grupo na división de honra B do rugby estatal.

Tamén este domingo nas instalacións deportivas do campus de Ourense tivo lugar o enfrontamento entre o Auriense masculino e o Cambados FG. “O partido comezou trabado con alternancias na ofensiva, pero o maior acerto por porta do Auriense fixo que o marcador no descanso reflexase unha vantaxe de 10 puntos para o equipo local. Tralo descanso,  o grupo ourensán impúxose no aspecto físico e mellorou considerablemente a puntería, sendo o resultado final de 07-12 (33) Auriense -  03-01 (10) Cambados”, comentan desde o club ourensán. Con este resultado o equipo suma tres vitorias en tres encontros, situándose nos primeiros postos da liga galega de fútbol gaélico.

Arrancan as andainas

No que se refire ás andainas universitarias, a programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, arrancou o sábado 20 de outubro cun percorrido por Baños de Molgas, en Ourense, no que se mesturou historia e saúde. 65 persoas, procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo, participaron nunha andaina que se caracterizou pola beleza da paisaxe, polo protagonismo da auga e polo bo tempo que acompañou o percorrido.