DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os bos resultados tamén acompañaron as dúas categorías de baloncesto

O equipo de rugby suma unha nova vitoria fronte ao Avia Eibar RT

A nota negativa, con dúas derrotas, foi para as e os xogadores de fútbol gaélico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 26/11/2018

Esta fin de semana os primeiros equipos de baloncesto e rugby sumaron vitorias nos seus respectivos encontros de competición, asentando as súas respectivas posicións na táboa. Pola contra, os bos resultados non acompañaron aos representantes do fútbol gaélico, que perderon tanto na categoría masculina como feminina. Tamén esta fin de semana celebrouse a terceira andaina universitaria deste curso académico.  

Fin de semana de rugby

En rugby, o sábado as xogadoras do Muralla Campus Ourense gañaron por 17-10 ao CR Coreti Lalín e o Campus Universitario Ourense perdeu 0-43 ante o Kaleido Vigo nunha xornada na que se realizou un partido de homenaxe a Sumi. Xa o domingo, o Campus Universitario Ourense gañou na segunda división nasculina da Liga Galega de Rugby por 22-19 ao Santiago RC e na división de honra B estatal, o Campus Universitario Ourense gañou 50-19 ao Avia Eibar RT. Con este resultado, o equipo sitúase cuarto na táboa, con cinco vitorias e catro derrotas no que vai de competición.  

Vitorias en baloncesto

Xa en baloncesto, os equipos do campus de Ourense sumaron cadansúa vitoria nos partidos disputados o sábado. A categoría masculina gañou 85-72 na casa fronte ao Bosco Stores Persan na primeira división autonómica, situándose no primeiro posto da táboa con cinco vitorias e unha derrota no que vai de liga. Na primeira división autonómica feminina, as xogadoras do campus sumaron unha vitoria por 42-54 na súa visita ao BBCA Cabo Prior. Con este resultado sitúanse segundas na táboa, con cinco vitorias e dúas derrotas.

Derrotas do Auriense FG

“Fin de semana desastroso para o conxunto ourensán, que perdeu tanto na categoría masculina como na feminina nos seus desprazamentos á cidade da Coruña”, comentan desde o Auriense FG. O sábado, detallan, “os rapaces plantaron cara ata o descanso a Fillos de Breogán, equipo favorito ao título, caendo nun segundo tempo onde o equipo local non tivo rival e onde o Auriense desinflouse fisicamente, permitindo numerosas contras e tantos fáciles”. O resultado final foi Fillos de Breogán 6-13 (31) - Auriense 0-04(4). “Con derrota pero con mellores sensacións”, engaden desde o club, o partido disputado o domingo por parte do Auriense feminino contra Fillas de Breogán rematou cun marcador de Fillas 4-16 (28) - Auriense 0-17(17). “Pese a que en defensa as visitantes encaixaron catro tantos, é destacable o acerto a paos que nos últimos encontros están tendo as ourensás, unha faceta importante que seguro axudará a competir cos equipos da parte alta da táboa”, detallan desde o Auriense sobre o encontro da categoría feminina.

Terceira andaina universitaria

Ademais este sábado 24 de novembro, 70 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo participaron na terceira das rutas culturais que este curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte. Con ela as andainas universitarias volveron á Ribeira Sacra para gozar da paisaxe outonal neste enclave natural.