DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As dúas categorías de baloncesto tamén gañaron os partidos disputados a fin de semana

O equipo de rugby suma unha nova vitoria, esta vez fronte a Babyauto Zarautz RT

En xadrez os representantes do campus obtiveron desigual resultado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 04/02/2019

Na súa xeira de bos resultados, o Campus Universitario Ourense Rugby Club sumou esta fin de semana unha nova vitoria que o consolida no carto posto da táboa. Tamén en baloncesto, as categorías feminina e masculina do campus gañaron os partidos disputados. Xa en xadrez, os representantes universitarios tiveron desigual sorte, sumando unha vitoria e dúas derrotas nos encontros celebrados.

Mantendo posicións en rugby e baloncesto

O Campus Universitario Ourense Rugby Club recibiu o domingo nas instalacións universitarias ao Babyauto Zarautz RT, gañando o encontro por un marcador final de 51-23. Este resultado consolídao no cuarto posto que ocupa no grupo A da división de honra B do rugby estatal. Polo que respecta ás demais categorías de rugby, na primeira división feminina o Muralla Campus Ourense gañou 7-34 na súa visita Santiago RC; na segunda división masculina o Campus Universitario Ourense perdeu 30-0 na súa visita ao Muralla RC e na categoría sub-16, o equipo do campus gañou 0-50 na súa visita aos Ingleses RC.     

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense feminino visitou o domingo 3 de febreiro ao KFC Culle, gañando o encontro por un marcador final de 44-58. Con este resultado, as xogadoras mantéñense segundas na primeira división autonómica feminina de baloncesto. A categoría masculina tamén sumou unha vitoria por 73-56 no partido disputado na casa o sábado contra o Xuven Cambados, manténdose así no primeiro posto da primeira división masculina.  

Unha vitoria e dúas derrotas en xadrez

En xadrez, os equipos do campus disputaron a segunda xornada da liga galega, sumando unha vitoria e dúas derrotas. Na primeira división, o Universitario de Ourense xogou contra o Liceo Grupo Academia Postal, favorito para o ascenso, perdendo o encontro por 0-4, con derrotas de Manuel Álvarez, César Pérez, Alberto Iglesias e David Feijóo. Na segunda división, o Universitario de Ourense B enfrontouse a Celanova A, obtendo idéntico resultado de 0-4, con derrotas de Marcos Reza, José Jaime González-Viso, Laura Martínez e Mario Monzo. A nota positiva da xornada veu da man do equipo de terceira división. O Universitario de Ourense C gañou 4-0 a Círculo Chantadino de Xadrez C, con vitorias de Mateo Dibuja, Miguel Táboas, Rodrigo Areas e Nuel Vázquez.