DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Universitario Ourense sitúase segundo de grupo na división de honra B

O equipo de rugby suma unha vitoria fronte ao AVK Bera Bera RT

O Auriense FG gañou o seu primeiro partido desta tempada na liga galega de fútbol gaélico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 01/10/2018

O Campus Universitario Ourense de rugby disputou este domingo o seu terceiro encontro de liga contra o AVK Bera Bera RT. Os ourensáns gañaron 50 a 17 aos vascos nun encontro que os sitúa, con dúas vitorias e unha derrota no que vai de competición, no segundo posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal.

“O partido empezou cun ensaio aos dous minutos de comezar por parte de George Stratton e transformado por  Sam. As cousas empezaba ben e seguirían mellor cando, dous minutos máis tarde, chegaría outro ensaio da man do 15, Sam, que esta vez non transformaría”, comentan desde o club. Os xogadores ourensáns, sinalan, “saíron a xogar con boa actitude e ganas tras a mínima derrota unha semana antes ante Getxo por 22 a 23”.

Segundo indican desde o club, o Campus Universitario Ourense, “xogou a gusto e defendeu bastante ben aínda que o hándicap segue sendo os golpes de castigo. O equipo visitante non puido coa máquina ourensá aínda que loitaron con garra e con actitude para tentar conseguir o seu cuarto ensaio bonus pero os do Campus non o permitiron”. A mala sensación da semana anterior, recalcan desde o equipo, “transformouse nun xogo vivo, incisivo, con tres cuartos que fixeron traballar moito á defensa visitante e uns dianteiros que permitían bos balóns para o tres cuartos”.

Inicio da liga de fútbol gaélico

Polo que respecta ao fútbol gaélico, o equipo masculino do Auriense FG arrancou a liga galega 2018/2019 visitando aos Ártabros da Coruña o domingo, acadando como prevía unha vitoria cun marcador final de Ártabros 2-15 (21) Auriense 8-03 (27). Ademais, o sábado, e concluíndo a semana de difusión do gaélico organizada polo club, celebrouse en Oira un triangular feminino entre o Auriense, o Keltoi de Vigo e o Estrela Vermella de Santiago de Compostela.