DUVI

Diario da Universidade de Vigo

33 estudantes dos campus de Ourense e Vigo participan no proxecto

O equipo de UVigo Aerotech Solaris competirá a nivel estatal co seu foguete Viradinha MkII

Acudirán en xullo a Huesca á principal cita interuniversitaria de referencia neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/06/2026

Desde o curso 2024/2025, o equipo estudantil UVigo Aerotech desenvolve o proxecto Solaris, centrado no deseño e manufactura de foguetes para acudir a competicións estatais e internacionais. Tras este tempo de esforzo e aprendizaxe para sentar as súas bases, o vindeiro mes de xullo, en Huesca, está previsto que dean o salto á competición e participen na L1, cita organizada por Surt e SpainRocketry que reúne a estudantes universitarios de toda España para deseñar, construír e lanzar un foguete de alta potencia. Alí competirán co seu modelo Viradinha MkII, deseñado, desenvolvido e fabricado por eles mesmos ao longo deste curso académico.

No proxecto Solaris participan arredor de 33 estudantes de diferentes graos dos campus de Ourense e Vigo, concretamente dos graos de Enxeñaría Aeroespacial, Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática, Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Segundo explican desde o equipo, trátase "dun proxecto ambicioso e moi ilusionante" cuxas actividades actualmente consisten en realizar foguetería a nivel competitivo con obxectivo principal participar na EuRoC'27 (European Rocketry Challenge), desenvolver motores propios de combustible sólido (SRAD) e converterse no estándar de software de código aberto en foguetería afeccionada co seu Solaris Software

Buscando a certificación Nivel 1

Solaris, explican desde a súa organización, naceu na primavera de 2024 e anexionouse oficialmente a UVigo Aerotech a principios do curso académico 2024/25, onde debutou con seu primeiro foguete, Fervenza, en outubro. Tratouse dun foguete de auga, “un primeiro paso fundamental para a continuación do proxecto dentro de UVigo Aerotech”. No seu lanzamento, alcanzou máis de 25 m de altura e unha velocidade máxima de aproximadamente 130 km/h.O segundo foguete desenvolvido por Solaris foi Fénix, deseñado co principal obxectivo de participar nas JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial) de 2024. Neste caso foi un foguete deseñado como unha proba de concepto de control activo que permitiu ao equipo gañar experiencia no campo da fabricación, preparándose para os seguintes retos. Tras esta aprendizaxe e experiencia, chegou Viradinha, primeiro foguete de combustible sólido desenvolvido polo equipo da UVigo e lanzado con éxito en xullo de 2025 en Ourense. Actualmente os membros de Solaris están a desenvolver unha versión avanzada del, chamada Viradinha MkII, que conta con 1.23 metros de altura, aviónica con telemetría incorporada, apoxeo estimado de 400-500 metros, masa total de 1,6 quilogramos aproximadamente, velocidade máxima de ~470 km/h e tempo de voo de ~1 minuto.

O reto agora é participar con Viradinha MkII na Competición L1 (o principal evento de foguetería amateur para a certificación Nivel 1) e obter alí a certificación oficial L1 de Tripoli, "un recoñecemento internacional dentro da foguetería amateur que acredita a nosa capacidade para realizar lanzamentos de forma segura e controlada". Ademais do lanzamento, os equipos participantes nesta cita deben presentar un proxecto técnico e traballar aspectos como a organización, a seguridade e o deseño do modelo. A iniciativa, destacan desde Solaris, busca fomentar a colaboración e a aprendizaxe entre os distintos equipos universitarios de foguetería de España. A final celebrarase en xullo en Alcolea de Cinca (Huesca) e nela UVigo Aerotech será “o único equipo galego que participa, o que nos enche de orgullo". A experiencia nesta L1 vai a servirlle aos membros de Solaris como preámbulo á súa participación na EuRoC, competición que se celebrará en 2027 e unha das citas do seu eido “máis esixentes a nivel mundial”. 

Traballo ao longo de cada curso académico

Ao igual que no caso do proxecto de aeromodelismo Aine de UVigo Aerotech, no proxecto Solaris o estudantado traballa organizado en diferentes departamentos. No de dinámica e control encárganse de xestionar os mecanismos de control, para poder corrixir as posibles desviacións da traxectoria que sufra o foguete, así como os cambios de actitude do mesmo. Os seus membros tamén realizan un modelo matemático do foguete para estudar as súas posibles traxectorias. O departamento de electrónica ten como principal misión desenvolver tanto a electrónica do foguete como o software do ordenador de voo e seleccionar os compoñentes electrónicos adecuados que garanticen unha maior eficiencia para as necesidades dinámicas. Xa en estruturas e aerodinámica, o alumnado encárgase principalmente de elaborar os compoñentes estruturais do foguete, asegurándose da correcta ensamblaxe das diferentes partes, así como da súa compatibilidade, e de garantir un bo grao de aerodinamismo. Por último, en propulsión os seus membros son os encargados de xestionar todo o relativo ao combustible e á propulsión do foguete, deseñando un sistema de exección axeitado para o combustible utilizado, tendo en conta todas as medidas de seguridade necesarias.

Alén dos resultados concretos que poidan obter en competicións, o principal obxectivo da iniciativa é que ao longo de cada curso académico o alumnado participante adquira coñecementos desenvolvendo eles mesmos un proxecto real no seu ámbito de formación e abranguendo todas as súas diferentes fases. Neste camiño percorrido, desde Solaris destacan que "queremos dar as grazas a cada un dos patrocinadores que nos axudan a alcanzar as nosas metas, así como a todas as institucións públicas que teñen depositado a súa confianza en nós. Sen o seu apoio, nada disto tería sido posible", sinalan. Entre eles destacan, a Unviersidade de Vigo, Coasa, Marine Instruments, Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, atlanTTic, Aeromedia e o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC).